Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/11/08

El Chino

O último libro de Henning Mankell é, polo de agora e por pouco tempo, a miña última lectura. Como xa sabedes, é un dos meus escritores preferidos en canto á novela negra se refire, aínda que recoñezo que cheguei a cansalo despois de tantos títulos. Pero agardaba esta novela con moito interese, por desprederse dos seus detectives habituais e polo que supuña de rastrexo no xigante asiático que ameaza con merendarnos o día que lles apeteza.
Nesta novela, o autor constrúe un relato aterrador a partir dun asasinato múltiple e fai que unha xuíza, Brigitta Rosslin, se convirta na investigadora principal. Tal como nos ten acostumados, o libro desenvolve unha trama asfixiante e emocionante, que nos atrapa desde a primeira liña até a derradeira. Porén, o que máis chama a atención do libro é a idea que subxace continuamente nas súas páxinas: a contada da evolución da sociedade chinesa, a súa preocupación pola expansión cara a África (algo do que xa temos falado), a saída do comunismo máis pechado á globalización, os novos ricos desa sociedade... unha lección da historia actual dun país que debemos ter sempre presente. Algo ao que Mankell decide enfrontarse disfrazándoo de novela negra.
Así pois, El chino é unha novela ambiciosa tanto documentalmente como estruturalmente, cunha investigación que baila entre os séculos XIX e XXI por países tan afastados como son China, EEUU, África, Suecia e mesmo Inglaterra, e que nos presenta un panorama desolador sobre a natureza humana e do que somos capaces de chegar a facer.
Un libro máis que recomendábel.

1 comentario:

biblioteca dixo...

Con Mankell, con Wallander ou sen el, acértase sempre.
Marga

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.