Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/06/10

Dúas mulleres, Premios Xerais 2010

BEN!!!

Periferia de Iolanda Zúñiga fíxose co Premio Xerais de Novela 2010, dotado con 25.000 euros. Acordouno por unanimidade o xurado desta XXVII edición, formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

No ditame sinala que “a partir dun argumento moi sinxelo e botando man dun sutil fío narrativo, a autora deste texto creou un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela”.

Para o xurado “esta obra require dunha lectura atenta e, desde logo, non é posíbel xulgala cos criterios habituais cos que xeralmente nos referimos á novela (…). Nese sentido, abre unha reflexión interesante, se cadra unha reflexión necesaria, de actualización, de forma, de apertura de novos carreiros para abordar as cuestións preocupantes e os problemas do noso tempo”.

Unindo camiños desde o ámbito da lusofonía, ambientada no Brasil de São Paulo, a obra gañadora centra o lector nun mundo globalizado, onde a violencia, o caos, o narcotráfico e a desorde da megalópole, especialmente nas favelas da periferia, marcan os ingredientes da vida urbana no século XXI.

Novela polifónica, con constantes referencias á cultura popular, á cultura de masas, á música, aos medios, á publicidade, ao cine, ao fútbol, o xurado pensa que "está tecida cunha mestura de textos tipicamente postmoderna e, con seguridade, pide unha edición en formato electrónico que permita escoitar a banda sonora mentres se dá conta da lectura".

Para rematar, o tribunal do galardón considera que a novela, presentada baixo o lema “O avesso do avesso”, “constitúe unha achega necesaria á renovación da narrativa galega a través dunha concepción potente e nítida de cal debe ser unha forma de narrar para o tempo actual. Un relato compacto, tamén mesto, extenso e verdadeiramente fascinante, cun enorme poder de sedución”.

Segundo a autora gañadora, Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975), Periferia “é un texto negro, cimentado sobre África. Periferia é unha narración infatigábel, fraguada sobre a música rap, coas doses de denuncia e celeridade que este estilo implica. Periferia é unha crónica que neste mesmo instante pode estar acontecendo en Sâo Paulo, ou en calquera suburbio de calquera metrópole do planeta. Periferia foi concibido coma un texto contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia. Contra a ridiculez do ser humano, que ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras…”.

Neste 2010 participaron 38 obras e o xurado acordou declarar finalistas as presentadas baixo os lemas ‘Fría e negra’, ‘Hovercraft’ e ‘O avesso do avesso’.

Pola súa banda, o xurado do Premio Merlín de Literatura Infantil 2010, dotado con 10.000 euro, acordou por maioría outorgarlle o galardón á obra A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Na xustificación do seu ditame, subliña en primeiro lugar “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia. Uns personaxes ben trazados, coidadosamente perfilados e moi próximos a nós, aos que podemos recoñecer con rexouba e gozar dos seus actos. Destacan estes personaxes, ademais, pola súa autenticidade, a sinxeleza dos sentimentos que os guían, en contraposición coa dobre moral e a hipocrisía social”.

Ademais, salienta o “histrionismo calculado nas situacións que se producen. Estas son extraordinarias, ou sexa, fóra do ordinario e divirten e mesmo provocan o lector ou lectora que non quedan impasíbeis endexamais. A obra está chea de diálogos moi ben construídos, áxiles, ocorrentes, frescos, divertidos que están moi próximos ao teatro e dótana dun dinamismo evidente. Desprende, tamén, esta historia una frescura que nunca esquece a delicadeza no xeito de presentar cada situación e acada un achegamento real ao lector que o permite gozar plenamente do que nela se conta”.

Por último, subliña que “malia certas pinceladas cultas que aparecen, esta historia está escrita na procura dun entretemento intelixente baseado nuns aspectos lúdicos, tenros e conmovedores. Non existe un carácter moralizante no que se relata e amosa, dun xeito natural, o tema da vocación artística, fuxindo da competitividade e mais do materialismo, e reflexionando con naturalidade sobre esa vocación artística, dende un punto de vista positivo (actitudes do pai ou da filla) ou negativo, egoísta e ríxido como pode ser o comportamento da tía Perfecta”.

Coa protagonista deste texto, Teresa González Costa (O Grove, 1975) quixo facerlle “unha homenaxe ás bicicletas” que, segundo manifestou tras coñecer o veredicto, “sempre foron moi importantes” na súa vida.

Nesta XXV edición, formaron o xurado An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Xacobe Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teixeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. En total, participaron 32 obras das que quedaron finalistas as presentadas baixo os lemas 'Canis lupus', 'Cincocentos trinta e tres', 'Sete pétalos' e 'Celerífera'.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Cómpre estar atentos a estas novas narradoras, ademáis gustaríame saber como soan as músicas que inspiran a novela. Teremos que mercar o " e- reader"?

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.