Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/12/11

Fantasmas de luz

O último título que nos ofrece Agustín Fernández Paz é Fantasmas de luz, publicado pola editorial Xerais, apoiado polas fantásticas ilustracións de Miguelanxo Prado. Amor polo cine que demostra en cada liña e en cada parágrafo, ofrecéndonos unha interesante selección de filmes ao final da novela, pero sobre todo amor pola xustiza, facendo fincapé na actual situación de inxustiza social que estamos a vivir arestora na nosa sociedade, onde os pobres son cada vez máis pobres e os ricos cada vez máis ricos.
A medio camiño entre o realismo e a fantasía, a historia que nos relata Agustín é unha historia acontecida aquí mesmo, ao noso carón, cando paseamos pola rúa e non vemos a metade da xente que cruzamos. Unha historia de invisibilade chea de melancolía mesturada asemade con optimismo, porque a unión e o amor dan novos azos para seguir adiante. E porque o cine axudará a entender mellor a vida: tantas frases e escenas maxistrais que definen o noso acontecer cotiá. A chiscadela ao sétimo arte amplíase cunha serie de "Tomas extra" que complementan a curta historia que se nos relataba na parte principal da novela; pero estes extras son fundamentais tamén para reflexionar, para saber máis, para completar o noso maxín sobre o lido e interactuar coa historia principal. Non son tomas falsas, por tanto, senón que son un aditamento insubstituíble.
As ilutracións que acompañan o bo facer de Agustín son parte esencial da natureza real e morriñenta do texto. Non podía ser doutro xeito vindo de quen veñen: escusado é falar da arte de Miguelanxo Prado, o noso máis internacional comiqueiro e ilustrador.




3 comentarios:

Anónimo dixo...

Moi boa a última novela de Agustín. Volve a atinar co plantexamento, que achega ao lector ao cine, abrindo outros ronseis polos que trafegar. Novela actual, contemporánea, que axuda moito á nosa literatura. Grazas, Agustín

Ronsel dixo...

Si, tes razón, é unha sorte contar con Agustín nas nosas letras e que axude a formar a tantos e tantos lectores novos.

Anónimo dixo...

Da gusto ver a Agustín con esta luz e estas ganas sempre de escribir para aportarnos unha vez máis o mellor de si.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.