Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/04/14

La casa redonda

Gustoume moito esta novela publicada por Siruela de Louise Erdrich, La casa redonda: unha novela que fala da difícil convivencia nas cidades das reservas indias en Estados Unidos, e onde nos informa de tradicións indias e, por suposto, de moitos prexuízos racistas. A trama xira arredor da violación da nai do protagonista e as posteriores consecuencias, as dificultades de facer xustiza dende o lado indio, a frustración, o enfrontamento á vida adulta, a vida que se torna insoportable... Unha traxedia que marcará ao protagonista toda a súa vida.
Mentres avanzamos na lectura, iremos sabendo de sagas familiares, de segredos da reserva, do valor para enfrontarse a certas realidades. Polo libro pasean moitos personaxes secundarios que darían para unha novela e que conteñen en si mesmos novas traxedias. Unha novela que nos acapara e incomoda porque comprendemos que a historia da humanidade é unha historia de inxustiza, de remordementos, de amores que procuran corazóns fráxiles entre feitos crus.
Creo que sobre todo, a autora amosa un problema do que non tiñamos constancia: as agresións sexuais cometidas a mulleres indíxenas. No epílogo explica precisamnete que, polo menos,  unha de cada tres mulleres indias é violada ao longo da súa vida, a maior parte das veces por homes brancos que nunca serán castigados. Porque as leis son feitas por homes brancos!
Unha novela sedutora, chea de lirismo, onde se mesturan os acontecementos cotiáns dos personaxes coa tradición na que viven. E todo isto contado por un mozo de trece anos, que logra que o seu punto de vista sexa sensible e máis amable.
Gañadora do National Book Award 2012.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.