Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/04/14

Lejos de Ghana

Había tempo que non me gustaba tanto un libro coma este que agora vos traio: Lejos de Ghana de Taiye Selasi publicado por Salamandra. Tanto, que dou por finiquitada a miña crise lectora! Unha historia familiar, chea de flash-backs, onde cada un dos membros vai tecendo o seu presente sempre condicionado polo seu pasado. Xeracións diferentes e culturas distantes lévannos dende África ata Estados Unidos na procura dunha vida que sempre se cre que pode ser mellor. Pero a paixón e o amor non son indicadores de felicidade, e ao longo da novela iremos comprendendo como a dor pode sementar a distancia entre a familia. 
Ademais de a autora acuñar un novo termo para definir o encontro entre a identidade africana e a occidental,  “afropolitismo”,  aquela repudia o termo "negro" e prefire falar de "persoas de pel marrón": isto é, a linguaxe non é neutral, por tanto hai que coidala e reformala. Pero non vos confundades: a autora non pretende afondar na traxedia africana, creo eu, tan só amosarnos unha estirpe familiar e todo o que lle pode acontecer. É unha saga familiar, non unha fotografía política. Non hai análise, só datos. É fluída e amena. Non creo que a autora tentase afondar na dolorosa realidade africana, aínda que mencione que unha parte dos acontecementos xurda polas raíces dese continente.

 

1 comentario:

María Jesús dixo...

Tomo nota

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.