Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/05/15

Abastos

 Celebramos o comezo dunha nova editorial de cómics na nosa lingua: 3pintamonas. O primeiro volume que publican é unha obra coral que conta coa idea de Raul Marinho, guión de Francisco Abelleira e debuxos de Pedro J. Colombo, Beatriz Iglesias, Víctor Rivas e Sagar Fornies -con introdución de Miguelanxo Prado- que se chama Abastos. Sorprende, desde logo, a calidade da edición, xa de primeiras: gran tamaño, papel satinado, guardas debuxadas... Logo, na lectura podemos comprobar como a praza de Abastos de Santiago de Compostela serve como escenario para denunciar a situación social de crise que estamos a vivir: os recortes en dependencia, os recortes en becas, a escaseza de postos de traballo, a situación das familias, as tensións sociais, as manifestacións polos dereitos ante os recortes... unha obra coral que de pano de fondo presume de gastronomía, incluíndo asemade ao final unha serie de receitas culinarias do establecemento Abastos 2.0. Catro estacións e catro debuxantes, catro historias cos mesmos personaxes e un interese común.
Longa vida a esta nova editorial que non só publica na nosa lingua, pero que aposta tamén por ela.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.