Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/06/15

Cold Cold Ground

Adrian McKinty é o autor de Cold Cold Ground, publicado por Alianza, na súa colección de novela negra. Nunca nada lera deste autor, e o máis sorprendente resulta a ambientación, xa que esta pasa a ser a verdadeira protagonista, e non os crimes nin a súa investigación para aclaralos. 
Estamon en 1981 en Irlanda, onde se suceden as folgas de fame ás que se someteron varios presos do Ira para reclamar o recoñecemento de presos políticos. En torno a esta folga, viviremos un territorio en guerra continua, aquel que que case temos esquecido. E de paso, saberemos que a homosexualidade estivo prohibida en Irlanda ata 1993. 
Logo, nesta paraxe de asasinatos e bombas, coñecemos un policía atípico por ter estudos e por ser católico nunha terra de protestantes. Un home que non nos parece heroe posto que ata é quen de aceptar algúns sobornos.
Irlanda, un policía católico, a homosexualidade... Para encher máis, a novela ten constantes referenicas musicais, tanto clásicas como non.
E para que nos situemos mellor, ronda a voda de Lady Di.
Unha novela negra onde o que sobresae é a descrición dunha sociedade atormentada vivindo unha época moi conflitiva. Realmente, o retrato que nos pinta o autor desta sociedade resulta tremebundo. Vivir daquela debía ser asfixiante, tanto para os católicos como para os protestantes.
Así que historicamente falando, a novela constitúe un documento interesante, adubiado por unha investigación que nos levará a un desenlace totalmente inesperado. Tan inesperado como descorazonador, por esa trama de corrupción latente que nos leva a tempos actuais onde quixeramos conseguir que esta despareza. 
Pero resulta tan verosímil!
Por todo isto, seguramente resulta unha novela negra máis lenta que o que é de costume, porque, xa digo, aquí o máis importante é a ambientación, xa que explica pormenorizadamente o IRA e os seus brazos armados e políticos, así como os seus "inimigos" naturais.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.