Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/02/16

Alex

Sigo mergullada na novela negra e volvo a Pierre Lemaitre e o seu Alex publicado por Alfaguara. Este home é un "monstro" e a lectura dos seus libros non son aptos para persoas impresionables... custoume ler as escenas onde hai ratas... buf!!! E o libro... non hai xeito de deixalo. Menos mal que era entroido e podía andar con el debaixo do brazo, porque imposible aparcalo na mesiña e que agardase ata o día seguinte. Este libro é o segundo de Camille Verhoeven, e aínda que para min é o último -mágoa non respectar a orde, pero éche o que hai- este detective e a súa curta estatura tráenme de cabeza. É do mellor que hai na novela negra no panorama actual, coido. Aínda que non son especialista, paréceme que este Lemaitre é moito Lemaitre. Desta volta, os capítulos curtos, áxiles, onde se alternan a vida de Alex e a súa desaparición cos capítulos da investigación de Camille, son un prodixio á hora de manter ao lector e á lectora pegadiño ao libro. E que dicir dos compañeiros de Camille! Secundarios de luxo. En realidade, tanto a vítima como os investigadores amosan unha personalidades fascinantes. A novela constrúese in crescendo, con xiros inesperados, con desconcertantes desenvolvementos, mesmo convídanos a posicionarnos e cavilar de que parte estamos finalmente.
Se aínda non coñecedes a Lemaitre, convídovos a facelo. Con estómago, iso si.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.