Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/08/16

La comedia literaria

Catherine Meurisse presenta en La comedia literaria. De Roldán a Boris Vian, publicado por Impedimenta, un "cómic sobre escritores franceses". Así é, se queremos facer un varrido rápido sobre a Historia da Literatura francesa -dende a Idad Media ata mediados do século XX-, este é o libro axeitado. Vaia, ideal para estudar unha parte da Literatura Universal dun xeito lúdico, divertido e rompedor.
Supoño, claro, que non están todos os que son nin que todos os que son están representados fielmente, pero ante unha obra desta orixinalidade -como me gustaría algo así para as nosas letras!- non hai reproche que valla. Polas súas páxinas iremos aprendendo a medida que lemos sobre miserias e grandezas dos xenios literarios e das súas obras en debuxos cómicos e moi, moi vivos que rachan todo tipo de tabús para caricaturizar  e ridiculizar mesmo as súas miserias.
A historia comeza co nacemento da lingua francesa que fai posible a literatura. Dende as composicións poéticas medievais ata chegar á novela, xénero para ser lido e non cantado. Así coñeceremos o primeiro cabaleiro andante, Lancelot. Logo, os contos de animais. No século XVI, o Renacemento e a imprenta. Da poesía feita polo grupo La Pléyade pasamos aos ensaios de Montaigne, creado deste xénero literario. No século XVII encarámonos ao enciclopedimo, pero tamén a Voltaire e Rosseau para enlazar co Romanticismo, onde destaca entre outros Víctor Hugo e rematar este século con Sand, Balzac e Flauberte. Claro que no século XX xa temos unha magdalena que ao mollala poder lembrar o pasado contado por Prost, Céline, Maupassant, Sartre, Simone de Beauvoir e Boris Vian.
Aprender divirtíndose e sen estereotipos. Un bo cómic, si señor.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.