Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/04/17

A cazadora de estrelas

María Canosa está a se converter nunha das grandes da nosa LIX. Coido que pouco a pouco ten ido mellorando e converténdose nunha boa escritora que sabe redondear os libros dirixidos á rapazallada. Volve a demostralo arestora con este libro que publica Xerais (ilustrado por Dani Padrón), e que curiosamente foi Finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil nos anos 2015 e 2016. Ou sexa, estivo dous anos seguidos entre os tres primeiros. E non é de estrañar (lembremos que tamén o foi no ano 2014 con Rubicundo, para min o seu mellor libro), xa que A cazadora de estrelas ten unha como protagonista unha moza afouta que non precisa de ninguén para saber que a honradez é o ben máis prezado que temos e que debemos defendelo por riba de todo. Tamén hai, subrepticiamente, outros temas de interese agochados na narración, curta, que temos diante: a sociedade patriarcal e a aparencia pululan entre as liñas que María Canosa deita sobre ese mundo fantástico que nos describe. Un mundo que pode non resultarnos alleos xa que tamén hai que loitar contra unha trama de corrupción e a envexa que calquera ser humano pode sentir.
De certo, un libro que vai gustar a nenos e nenas.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.