Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/05/17

Bajo el árbol de los Toraya

Encántame Philippe Claudel e a sensibilidade que amosa en todo canto escribe. Este último libro seu, Bajo el árbol de los Toraya publicado por Salamandra, non é unha excepción. Unha reflexión sobre o paso do tempo e a pegada que este deixa, a morte de seres queridos, o amor, a amizade, a fraxilidade da  vida... E, claro está, os recordos, as imaxes que tantas veces quedan impresas na nosa retina, algún aroma que non foxe, algún recuncho na nosa alma que pode florecer por calquera motivo. Se chego a subliñar frases que me atrapan, non pararía. Quedo co libro impoluto cal tesouro sen abrir, porque ten miles de citas ás que volver.
O narrador coñece os ritos funerarios dos Toraya, que enterran os nenos no tronco dunha árbore que cando medra vai levando as almas ao ceo. Este costume e o seu coñecemento é a escusa para reflexionar sobre as perdas que a vida vai deitando sobre o noso corazón, porque o seu mellor amigo ten cancro con inexorables consecuencias. Temos unha idade, os 50, na que aínda perdemos pouca xente da nosa idade, pero que nos va avanzando que a morte está máis ou menos próxima, esa morte que ata este momento semellaba tan afastada. Por iso, convértese nunha sombra que acompaña. Esta sombra dá pé ao libro, porque as follas da escrita son as pólas da árbore dos Toraya, un xeito de que o amigo permaneza canda el. Pero a vida segue, salferida de dor pero tamén de sorpresas, de ledicias, de momentos intensos. Aí radica a diferenza, a vida segue a dar momentos pracenteiros aínda que a alma estea ferida e doa a perda. Por iso, porque a vida avanza, a novela remata cunha nova vida.
Si, é unha novela máis sobre a morte, a vida, a amizade, a arte... unha máis si, pero a min Claudel non me decepciona porque a sensibilidade que destila é emocionante, porque a súa prosa é tenra poesía que deixa pegada no lector, na lectora.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.