Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/08/17

La flor púrpura

Encantoume. Encantoume este libro de Chimamanda Ngozi Adichie publicado por Random House: La flor púrpura penduraba nos andeis da biblioteca como un libro desexable ao que nunca daba chegado, e, por fin, aquí está. Unha historia conmovedora que non deixa indiferente, onde descubrimos que a figura paterna, que nun principio semellaba eloxiable, é un home rico, demócrata, que se enfronta dende o seu xornal ao ditador que vén de facer un golpe de Estado, unha figura pública modesta e marabillosa, é en realidade un fanático católico maltratador na súa casa, unha figura a quen odiaremos a pesar das súas cualidades públicas. De fondo está o ambiente social e a violencia política, a pobreza do país, as diferentes crenzas e relixións. Pero o argumento principal, ese que nos deixa atrapados ás súas páxinas, é ese día a día de dous adolescentes que conviven nesa opresión doméstica ata que coñecen outra vida, a da súa tía e os seus fillos, onde se educa en liberdade e ledicia. O fanatismo é pois o que se critica no libro, o fanatismo de calquera tipo; un fanatismo que acarrea inxustiza e onde os seres humanos terán que procurar a súa propia xustiza. A xustiza poética teremos que deixala para outra ocasión.
Non a perdades.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.