Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/08/17

Que me quieras

Que me quieras de Meritt Tierce, publicado por Blackie Books é unha lectura que me deixou intensamente noqueada, por ser tan dolorasamente brutal, por pasear pola dor case dun xeito aséptico, facendo equilibrios, como eses que vemos desafiando a lei da gravidade. A saltos, sabemos da moza que ía ir a Yale pero queda embarazada na adolescencia, estragando calquera plan de futuro; logo, imos participando da dor, do traballo de camareira arredor de homes sen escrúpulos, da droga, das autolesións, do sexo. E imos tremendo. Cunha vida baleira que só é quen de encher cando pensa nunha filla que non vive canda ela, pero que ama por riba de todo, aínda que seguramente non saiba expresalo. Nalgúns momentos necesita abusar de si mesma, non hai quen lle provoque ese abuso senón ela mesma, e iso infrínxenos máis medo.
A carón da dor, o traballo, os compañeiros, a descrición dunha vida chea de vasos rotos onde a protagonista nin sequera se lamenta; a decisión valente de querer gañarse a vida por riba de todo, de non amosar os sentimentos, de ser unha boa profesional. Só o conta. Para que a dor sexa resolta con máis dor. E esta é relatada fragmentadamente, porque a dor non é senón a conciencia dunha vida espantosa, desgarradora. Como a lectura.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.