Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/09/17

A terra de Anna

Vén de publicar na nosa lingua a editorial Kalandraka este libro de Jostein Gaarder titulao A terra de Anna, un libro ecoloxista que nos leva á reflexión, unha reflexión necesaria que implique asemade un movemento pola nosa parte, non só de posicionamento senón tamén de actuación, ante o que ocorre no noso planeta, algo que semella xa imparable pero contra o que debemos loitar.
Mesturando fantasía e realidade, o autor berra unha chamada que interpela a nosa responsabilidade, tanto individual como colectiva, deixando que sexa o planeta Terra a verdadeira protagonista da novela. A palabra clave, quentamento global e cambio climático. Un aviso do deterioro perigoso ao que estamos sometendo á Nai Natureza. E aínda que sexa este o eixo da novela, ao seu arredor atopamos algúns artigos xornalísticos que o autor considera imprescindibles para afondar no tema xunto cun elemento misterioso que aporta esa parte máis ficticia da obra.
Un libro que pasa a formar parte da lista de lecturas que ofrezo ao meu alumnado de 3º e 4º da ESO, pola súa mensaxe urxente e verídica que pide unha confirmación por parte do lectorado: a necesaria implicación nunha loita que arestora resulta necesaria e imprescindible. Si, o libro ten unha finalidade didáctica, pero este valor pedágoxico non fai desmerecer a historia, e sobre todo lémbranos que no podemos ser pesimistas nin preguiceiros, tan só debemos preocuparnos e loitar con esperanza pola supervivencia do noso planeta.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.