Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/12/17

Ernesto e Celestina perderon a Simeón

Publica Kalandraka unha nova aventura desta entrañable parella, Ernesto e Celestina, creadas por Gabrielle Vincent, neste caso o título que nos ocupa é Ernesto e Celestina perderon a Simeón. Encántame esta estraña parella da ratiña e o oso bonachón que se queren e coidan entrambos, amosando asemade o respecto polo diferente e lembrándonos que somos quen de termos sentimentos fermosos e non estragados. Nesta ocasión, será Ernesto quen teña que loitar contra a tristura que sente Celestina por perder o seu moneco favorita. Como resolver o problema?
As ilustracións son tan importantes que transmiten perfectamente as emocións dos personaxes; son como unha sucesión de gravados antigos que saben achegarnos o frío e a calor, fóra e dentro, a necesidade de cariño e ledicia, o sabor das historias e o doce reconforto do fogar. Porque é aquí, no fogar, onde se reestablecen as diferenzas e onde o amor converte en emoción a historia.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.