30/09/07

Re-PASO do mes

Póñome a escribir sen saber moi ben qué sairá de aquí. Reflexións en voz alta no mundo da blogosfera. RePASO a un mes de infarto. E post demasiado longo.
O bo de ter un blog dunha biblioteca virtual é que se pode falar de moitas cousas "diferentes", opinións persoais... O malo de non ter biblioteca real é que quedaron aparcados moitos proxectos pensados no verán.
O bo da vivencia dalgunhas "vicisitudes" é saber a quen tes cerca. O malo é descubrir a quen non tes e crías ter.
Dar clases só. E tentar cumprir o consello da miña admirada Carme Loriga. Adicarme por completo ao meu alumnado, que non é pouco, algo desatendido ultimamente (menos mal que sei que hai ollos que non me lerán nunca, xa estarían a dicir con toda a súa mala (...): "Ya la decía yo").

Recoñezo que fixen trampa. Recoñezo que teño unha compañeira de departamento xenerosa e marabillosa que me saúda cun sorriso aberto: "non volvo falar contigo, tes o 4º bo!!!". Que si, querida Teresa, que tiña informacións confidenciais.

Sobre todo, decidín que parte dos meus esforzos na ESO ían dirixidos a crear no meu alumnado o "amor" pola lectura. Para isto, mergulleime en diferentes blogs de aula. E así comezou o curso.

A miña idea do desenvolvemento do mesmo: convertérense en lectores, sempre premiados con puntos sobre a nota da avaliación. (Alá vai o meu prestixio!!!) Non cun libro obrigatorio, senón que lles proporcionaría unha selección de 40 ou 50 títulos e el@s deberían escoller un diferente, para que cando os acaben se contaxien entre eles, recomendándoos. E a esixencia dunha libretiña de "seguimento" da lectura: nada de resumos (que poidan copiar), senón que expresen as emocións que o libro lles proporcione en cada momento.
Ao principio non comprendían. Todo isto é moi novo para eles, aínda que (isto eles non o saben) tamén o é para min. E tentei explicalo cun exemplo: comentei que ao ler "Expiación" pasa algo no medio que me cabreou tanto que tiven que parar a lectura. E recuperala tres días despois. Pero ao mesmo tempo non quería profundizar moito porque algún día esperaba que eles lesen ese libro. Pois ben: díxome unha nena que A SÚA NAI VAI LER ESE LIBRO. Isto case me provoca bágoas, non creades, porque non só significa que me escoitan para o seu beneficio, senón que fun capaz de transmitir algo que chegou ás súas casas.
Cando expliquei todo isto non tiña moi clara a lista de lecturas. O que si sabía era que non quería que fose a típica de lecturas xuvenís. E iso supuña un novo reto. Unha alumna comentou que este verán leu "Los pilares de la Tierra" e que agora lle gustaría ler "El código da Vinci". Eu respondín que ese libro estaba traducido ao galego. E preguntoume se servía para o curso. Non é o libro no que eu pensaba, pero aí está.
Isto fíxome pensar en arriscarme. A lista é, desde logo, ampla, e amplos son moitos dos libros que nela se inclúen. Cando cheguei con ela case a devoran. "O señor dos aneis para min", berrou un rapaz moi inquedo, e eu fíxenlle un xesto coa man, porque é groso tamén, pero DÁ IGUAL. E outra rapaza, quen eu pensaba que ía ser máis pasota (repetiu 3º) escolleu... "Crime e castigo"; expliqueille os atrancos que se podían topar na súa lectura, tentando razoar con eles que a estética á que están acostumados na nosa sociedade actual é moi rápida e que os libros decimonónicos non o son... pero está decidida. E entre lecturas se nos foi a clase, e así será todos os venres, porque a ler e a escribir adicaremos a última hora da semana.
Na segunda avaliación terán que inventar unha historia longa, de 15 a 20 folios. Iso parece que lles provoca máis ansiedade, pero véndoos traballar, creo que imos poder con todo.
Se a alguén lle interesa, podo publicar no blog a lista de lecturas. E xa vos irei contando como resulta a experiencia

4 comentarios:

  1. Que como vai ir a experiencia?? Estou convencido que vai sair moi ben aínda seguro que a ti non te colmará o suficiente porque claro.."Eu pensara que..." .
    Ai, profesora Sanctorrrum, vostede é capaz de calquera cousa!. Por certo, non esquezas levarme un libro mañá!!!
    Velo? hehehe

    ResponderEliminar
  2. Mira que es rápido! Case me das un susto de morte. Anónimo, anónimo... puafffff

    ResponderEliminar
  3. A min, interésame a min!! "Pactei" media hora de lectura todos os venres cos meus moz@s do PDC e teño que propoñerlles títulos que os animen e non abandonen antes de comezar. Así que xa sabes. Ademais, non é este o blog da nosa biblioteca escolar virtual? Pois iso...
    Bicos!!

    ResponderEliminar
  4. N�s tamen queremos esa lista por suposto. Que sorte te�en eses rapaces!!, e este post non � nada longo, A mim s�ubome a pouco.

    ResponderEliminar