18/11/07

Non á violencia contra as mulleres (XXI)

Levamos varios días falando do 25 de novembro. Pero, sabedes por que este día e non outro se celebra o Día da non violencia contra a muller?

Patria, Miverva e Mª Teresa Mirabal foron tres loitadoras sociais nadas na República Dominicana e que tiveron a valentía de loitar pola liberdade política do seu país, opoñéndose firmemente contra unha das tiranías máis férreas que tivo Latinoamérica, a de Rafael Leónidas Trujillo. Por esta actitude foron perseguiddas, encarceradas varias veces e finalmente brutalmente asasinadas o 25 de novembro de 1960.
Este día, Miverva e Mª Teresa foron visitar a seus homes ao cárcere, en compaña da súa irmá Patria. Foron interceptadas nun lugar solitario do camiño por axentes do Servizo Militar de Intelixencia. Conducidas a un canaval próximo, foron obxecto das máis crueis torturas, antes de ser vítimas do que se ten considerado o crime máis horríbel da historia dominicana. Cubertas de sangue, destrozadas a golpes, estranguladas, foron postas novamente no vehículo no que viaxaban e guindadas a un precipicio, coa finalidade de simular un accidente. O asasinato das irmás Mirabal produciu un gran sentimento de dor en todo o país, pero serviu para fortalecer o espírito dun pobo desexoso de estabelecer un goberno democrático que garantise o respecto á dignidade humana.
En honor a estas irmás, cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller, establecido no Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe celebrado en Bogotá no ano 1981.
As irmás Mirabal son tamén coñecidas e representadas como as "Bolboretas", por ser este o nome secreto de Minerva nas súas actividades políticas clandestinas en contra da tiranía Trujillista.


Recoméndovos a lectura da novela En el tiempo de las mariposas, de Julia Álvarez, unha historia novelada da vida destas tres irmás, amena e interesante, da que tamén se fixo unha película. Aínda que o lin hai tempo, lembro que falaba a outra irmá que quedou viva para relatar toda a historia e para manter vivo o legado da loita dunhas mulleres que crían na Liberdade e na Igualdade.
A película está protagonizada por Salma Hayek.
Ambas as dúas serviranvos para afondar máis no tema de xeito entretido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario