Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/09/07

Emigrantes

Durante o século XIX e gran parte do XX fomos nós os que emigramos, cara a América sobre todo partían barcos cargados de xente fuxindo de condicións miserabeis. Posteriormente a emigración estendeuse a Europa, onde ocupabamos os traballos máis baixos do escalafón laboral, aqueles que os propios do país non aceptaban. Non podemos nin debemos esquecer o que pasaron os nosos avós, ás veces os nosos pais, para darlle agora as costas á realidade que todos os días vive o noso país. Non podemos nin debemos consentir a súa discriminación, os seus soldos mesquiños. Non podemos nin debemos esixir que esquezan a súa propia identidade para adoptar a nosa. África desángrase e os gobernos occidentais -os nosos- non fan nada; mentres non se corte a hemorraxia o problema é irresolúbel, xa que a situación foi creada por Occidente e o seu afán expoliador. E todos os días están a chegar pateras, caiucos... cartos roubados a si mesmos para chegaren ata aquí en condicións infrahumanas.
Coñecedes un libro fermosísimo que se chama Emigrantes de Shaun Tan? Unha historia sen palabras, porque as palabras sobran: as imaxes falan por si soas. As imaxes e a nosa propia memoria deberían ser suficientes...
Unha homenaxe a miles e miles de persoas que tiveron que deixalo todo "en busca dunha vida mellor"

Re-PASO do mes

Póñome a escribir sen saber moi ben qué sairá de aquí. Reflexións en voz alta no mundo da blogosfera. RePASO a un mes de infarto. E post demasiado longo.
O bo de ter un blog dunha biblioteca virtual é que se pode falar de moitas cousas "diferentes", opinións persoais... O malo de non ter biblioteca real é que quedaron aparcados moitos proxectos pensados no verán.
O bo da vivencia dalgunhas "vicisitudes" é saber a quen tes cerca. O malo é descubrir a quen non tes e crías ter.
Dar clases só. E tentar cumprir o consello da miña admirada Carme Loriga. Adicarme por completo ao meu alumnado, que non é pouco, algo desatendido ultimamente (menos mal que sei que hai ollos que non me lerán nunca, xa estarían a dicir con toda a súa mala (...): "Ya la decía yo").

Recoñezo que fixen trampa. Recoñezo que teño unha compañeira de departamento xenerosa e marabillosa que me saúda cun sorriso aberto: "non volvo falar contigo, tes o 4º bo!!!". Que si, querida Teresa, que tiña informacións confidenciais.

Sobre todo, decidín que parte dos meus esforzos na ESO ían dirixidos a crear no meu alumnado o "amor" pola lectura. Para isto, mergulleime en diferentes blogs de aula. E así comezou o curso.

A miña idea do desenvolvemento do mesmo: convertérense en lectores, sempre premiados con puntos sobre a nota da avaliación. (Alá vai o meu prestixio!!!) Non cun libro obrigatorio, senón que lles proporcionaría unha selección de 40 ou 50 títulos e el@s deberían escoller un diferente, para que cando os acaben se contaxien entre eles, recomendándoos. E a esixencia dunha libretiña de "seguimento" da lectura: nada de resumos (que poidan copiar), senón que expresen as emocións que o libro lles proporcione en cada momento.
Ao principio non comprendían. Todo isto é moi novo para eles, aínda que (isto eles non o saben) tamén o é para min. E tentei explicalo cun exemplo: comentei que ao ler "Expiación" pasa algo no medio que me cabreou tanto que tiven que parar a lectura. E recuperala tres días despois. Pero ao mesmo tempo non quería profundizar moito porque algún día esperaba que eles lesen ese libro. Pois ben: díxome unha nena que A SÚA NAI VAI LER ESE LIBRO. Isto case me provoca bágoas, non creades, porque non só significa que me escoitan para o seu beneficio, senón que fun capaz de transmitir algo que chegou ás súas casas.
Cando expliquei todo isto non tiña moi clara a lista de lecturas. O que si sabía era que non quería que fose a típica de lecturas xuvenís. E iso supuña un novo reto. Unha alumna comentou que este verán leu "Los pilares de la Tierra" e que agora lle gustaría ler "El código da Vinci". Eu respondín que ese libro estaba traducido ao galego. E preguntoume se servía para o curso. Non é o libro no que eu pensaba, pero aí está.
Isto fíxome pensar en arriscarme. A lista é, desde logo, ampla, e amplos son moitos dos libros que nela se inclúen. Cando cheguei con ela case a devoran. "O señor dos aneis para min", berrou un rapaz moi inquedo, e eu fíxenlle un xesto coa man, porque é groso tamén, pero DÁ IGUAL. E outra rapaza, quen eu pensaba que ía ser máis pasota (repetiu 3º) escolleu... "Crime e castigo"; expliqueille os atrancos que se podían topar na súa lectura, tentando razoar con eles que a estética á que están acostumados na nosa sociedade actual é moi rápida e que os libros decimonónicos non o son... pero está decidida. E entre lecturas se nos foi a clase, e así será todos os venres, porque a ler e a escribir adicaremos a última hora da semana.
Na segunda avaliación terán que inventar unha historia longa, de 15 a 20 folios. Iso parece que lles provoca máis ansiedade, pero véndoos traballar, creo que imos poder con todo.
Se a alguén lle interesa, podo publicar no blog a lista de lecturas. E xa vos irei contando como resulta a experiencia

Humor literario

Ata lendo, cómpre ter coidado...

Profesión? Ensinar...

Día a día, moitos mestres transitan por arduos camiños, sementando a xermola do coñecemento. O mestre é un soñador porque ten a seguridade de que o seu soño será unha realidade cando o seu ensino dea o seu froito. Un dos privilexios dos que se adican ao ensino é a oportunidade de estar en contacto coa "fonte da eterna xuventude". Como dixo José Vasconcelos: "Iguais somos todos os mestres(...) Cómpre que cada xeración ofreza o seu exemplo aos demais, por iso é mestre o que trata de aprender e empéñase en mellorarse a si mesmo. Mestres son os que se apresuran a dar bo consello, o segredo recóndito. Seremos bos mestres se non transiximos coas medias verdades nin coas xustizas incompletas"
Algunhas frases interesantes sobre este noso oficio:
"Educar é depositar en cada home toda a obra humana que o antecedeu, é facer a cada home resumo do mundo vivinte, até o día en que vive; é pólo a nivel do seu tempo, co que poderá sacar adiante sobre el". José Martí.
"A ensinanza que deixa pegada non é a que se fai de cabeza a cabeza, senón de corazón a corazón". Howard G. Hendricks
"A tarefa do educador non é podar as selvas, senón regar os desertos". Clive Staples Lewis
"Por cada persoa que quere ensinar, hai, aproximadamente, trinta persoas que non queren aprender". Walter C. Sellar
"Ensinar é aprender dúas veces". Joseph Joubert

Pero non se debería esquecer que educar é labor de tod@s, dar exemplo, repetir o paradigma, ser con eles e fronte a eles como queremos que eles sexan. Todos e todas, a sociedade en xeral. Lembrades un vídeo que vos amosamos hai unhas semanas "prediquemos co exemplo"? Pois diso se trata: tentar construír unha sociedade mellor.

Dar...

O outro día topei un "telegrama" moi fermoso que quero achegarvos, simplemente polo goce das palabras:

"Deille o meu amor e tirouno entre os dentes dun león.
Deume o seu amor e gardeino en cada unha das miñas letras"

Sempre hai música nas palabras. Só hai que saber escoitala. Aí reside o grande e o fermoso da literatura. E os ollos agradecerán o concerto.

... prefiro seguir dando e non quedar coas ganas, aínda que ás veces doian os silencios.



29/09/07

Los amigos que perdí

Perdéndome na libraría, os meus ollos acaeron neste título, que tan triste me resultou. Supoño que a ninguén lle gusta perder amigos, pero isto sucede de cando en vez, sempre existe a posibilidade de que unha amizade teña fin.
É un libro ameno e cheo de reflexións. Cinco capítulos en forma de cartas. Bayly escribe confesións con sentido do humor, ironía e cariño. O personaxe principal vive só e quixera escoitar o teléfono, pero comprende que perdeu os seus amigos porque os utilizou nas súas novelas rompendo segredos; e escríbelles cartas desexando recuperalos.
Isto me lembrou un comentario que lin nun blog: as amizades hai que consolidalas ben dende o principio porque ao fin e ao cabo son unha relación; doe perder amigos, pero se os perdes, quizais é que en realidade nunca o foron...
Pero tamén existen eses amigos (poucos) verdadeiros que reconfortan e apoian en todo momento. Non sei qué sería de min sen eles.

O desafío de Aristóteles


Calquera pode poñerse furioso... iso é doado. Pero estar furioso coa persoa correcta, na intensidade correcta, no momento correcto, polo motivo correcto, e do xeito correcto... iso non é doado
Do libro: Ética a Nicómaco

(Será que a furia pode volvernos persoas realmente estúpidas... como o amor?)

A foto é de Carlos Manzano


Arte de ler (5)

Ademais de ver cadros que retratan lectores e lectoras, estou a descubrir artistas que non coñecía e que espero vos gusten. Hoxe tócalle turno a Soraya French, da quen podemos asegurar unha carreira en ascendente grazas ao seu uso dun colorido vibrante combinado co seu subxectivismo romántico. Unha artista que gañou numerosos premios e que no ano 2005 foi nomeada artista do ano pola Society of All Artists

Os filmes da miña vida (IV)

Cadena perpetua


P
arecerá estraño que vaia falar dunha peli que transcorre nunha prisión, pero este filme paréceme extraordinario, non só pola calidade dos seus actores, dos mellores dende o meu punto de vista (Tim Robbins e Morgan Freeman), senón polo desenvolvemento da trama: non trata sobre o seu protagonista, senón sobre a nosa relación con el, a nosa curiosidade, a nosa piedade, a nosa admiración. Se o personaxe interpretado por Tim Robbins (Andy Dufresne) tivese sido o centro da acción, a película sería convencional e menos misteriosa. Pero interésanos saber se é realmente culpábel, por que se comporta dese xeito tan diferente...
Utiliza a tranquila e observadora voz do narrador para mergullarnos na historia duns homes que forman unha comunidade no cárcere. Pero sobre todo trata da continuidade durante toda unha vida baseada na amizade e na esperanza.

28/09/07

Unha soidade demasiado ruidosa


Hai moito tempo que lin este magnífico libro. Agora tiven a oportunidade de follealo na nosa lingua. Unha gran iniciativa a da editorial Rinoceronte, que nos achega libros verdadeiramente bos en galego.
Bohumil Hrabal (Brno, 1914 - Praga 1997) estudou Dereito, Historia da Literatura, Arte e Filosofía. Obrigado a deixar a vida académica, pasou por diferentes empregos, nos ferrocarís, nos telégrafos ou nunha planta de recollida de papel na rúa Spálená de Praga, experiencia que lle serviu de inspiración para esta novela.
O mundo que describe Hrabal é ás veces triste; o seu estilo, moi vivo e peculiar, con longos períodos, que reflecten a corrente de consciencia dos seus personaxes cotiáns e marxinais, os cales nos amosan unha realidade pouco idílica, xenios da vida corrente, mergullados nela e condenados por ela á insignificancia.
Un libro que se debe ler...

27/09/07

Se a poesía é unha Fervenza...

Se andas por estas terras, ou te podes achegar a elas, mañá é unha boa ocasión para facelo:
A Editorial Fervenza celebra a II Festa da Poesía na Estrada. Anímate!!!

Estiven pensando...

"Estiven pensando..."
Estas foron talvez as primeiras palabras que dixeron os inventores desas pequenas cousas que nos fan a vida máis doada. Mentes espertas e expertas que coa súa imaxinación e o bo facer foron quen de crear auténticas marabillas.
Aquí vos deixamos unha breve selección...

26/09/07

Día europeo das linguas

Hoxe, 26 de setembro, celébrase o Día europeo das linguas, organizado polo Consello de Europa. Podedes visitar a web, na que hai materiais e iniciativas para a conmemoración da xornada, cunha clara dimensión educativa.
O que máis destaca é que nunha xornada na que se celebra a diversidade lingüística europea a información apareza... EN INGLÉS!!!

Un libro é un xardín...

... que se leva no peto.
Esta frase, e esta ilustración, é que pecha o álbum "Dos bobas mariposas" de Javier Sáez Castán, editado por RBA.
(Vía Librosfera)



Sempre hai un lugar para a poesía (XIX)

Un beixo para todos e todas, para aqueles que -a pesar de todo- me aprecian, un beixo para @s que estades lonxe, un beixo para @s que amades a poesía, un beixo pola amizade e polo cariño...


Besos (Gabriela Mistral)

Hay besos que pronuncian por sí solos
la sentencia de amor condenatoria,
hay besos que se dan con la mirada
hay besos que se dan con la memoria.

Hay besos silenciosos, besos nobles
hay besos enigmáticos, sinceros
hay besos que se dan sólo las almas
hay besos por prohibidos, verdaderos.

Hay besos que calcinan y que hieren,
hay besos que arrebatan los sentidos,
hay besos misteriosos que han dejado
mil sueños errantes y perdidos.

Hay besos problemáticos que encierran
una clave que nadie ha descifrado,
hay besos que engendran la tragedia
cuantas rosas en broche han deshojado.

Hay besos perfumados, besos tibios
que palpitan en íntimos anhelos,
hay besos que en los labios dejan huellas
como un campo de sol entre dos hielos.

Hay besos que parecen azucenas
por sublimes, ingenuos y por puros,
hay besos traicioneros y cobardes,
hay besos maldecidos y perjuros.

Judas besa a Jesús y deja impresa
en su rostro de Dios, la felonía,
mientras la Magdalena con sus besos
fortifica piadosa su agonía.

Desde entonces en los besos palpita
el amor, la traición y los dolores,
en las bodas humanas se parecen
a la brisa que juega con las flores.

Hay besos que producen desvaríos
de amorosa pasión ardiente y loca,
tú los conoces bien son besos míos
inventados por mí, para tu boca.

Besos de llama que en rastro impreso
llevan los surcos de un amor vedado,
besos de tempestad, salvajes besos
que solo nuestros labios han probado.

¿Te acuerdas del primero…? Indefinible;
cubrió tu faz de cárdenos sonrojos
y en los espasmos de emoción terrible,
llenaron sé de lágrimas tus ojos.

¿Te acuerdas que una tarde en loco exceso
te vi celoso imaginando agravios,
te suspendí en mis brazos… vibró un beso,
y qué viste después…? Sangre en mis labios.

Yo te enseñe a besar: los besos fríos
son de impasible corazón de roca,
yo te enseñé a besar con besos míos
inventados por mí, para tu boca.

Estudar... mates, puaf!!!

Para o meu anxiño particular, a quen tanto boto de menos no insti, pero a quen teño na distancia, e con quen me gusta meterme sempre, aí vai algo que lle vai gustar, seguro (e non me digas que mañá xa non vés comer, eh!!!).

...e para que a miña Des-gracia habitual (con cariño, claro!) vexa que eu sempre estarei para dar a réplica:

A muller na banda deseñada

Queremos que reflexiones vendo as seguintes imaxes. Que opinas do tipo de muller que se nos presenta normalmente nos libros de banda deseñada? Son diferentes as mulleres protagonistas das mulleres "vítimas" que deben ser salvadas polos heroes, ou a estética é a mesma? Presentan sempre o mesmo tipo de debuxo, de corpo? As liñas femininas son similares en todos os libros?
Agardamos as vosas respostas!

Sueños en el umbral

Este libro, Sueños en el umbral: memorias de una niña del harén, é de Fatema Mernissi, escritora marroquí nada en Fez. Historiadora, ensaísta, doutora en socioloxía e profesora universitaria; unha das intelectuais do Magreb máis coñecidas en Occidente, destacando pola súa defensa dos dereitos da muller, especializouse no estudo da condición feminina nas sociedades musulmás. No ano 2003 recibiu o Premio Prícipe de Asturias das Letras.
O libro está escrito cunha dozura e unha tenrura que conquistan irremediablemnte. O lector non tarda en descubrir firmes conviccións en defensa da liberdade, xa que todo ocorre no interior dun harén (concepto que define ao comezar a historia... nada que ver co que nós pensamos) e porque os peores muros son os da mente.
O harén é un lugar no que viven as mulleres da familia, avoas, tías, fillas... Hai un garda na porta para que non poidan saír. Nestas condicións, unhas aprenden a ser libres, mentres que outras péchanse máis no seu cárcere; estas tratan de impedir ás primeiras a liberdade dos soños.
Sueños en el umbral é un libro que desmitifica a visión do harén e que explica a infancia da autora. É unha historia fermosa, divertida, máxica, chea de mulleres extraordinarias e homes peculiares que navegan entre o "dentro" e o "fóra", entre o "prohibido" e o "permitido" dende o punto de vista dunha nena que medra arredor de historias...

É un libro que nos leva de viaxe a Marrocos e nos ensina as rúas, as casas, os costumes... Recoméndovolo!!!

25/09/07

Piano

Boa música: tempo de lembranzas, de soños, de amores... e, sobre todo, de esperanzas.

Nu Shu

Que é isto tan raro? Pois nada máis nin nada menos que a lingua secreta das mulleres en China.

En setembro de 2004 morreu con 98 Yang Hunai, considerada a última usuaria plena do Nü Shü, un código de escritura de Jiangyong (Provincia de Húnán, China). Esta denominación quere dicir "escritura feminina" e contraponse á chamada Nan Shü, escritura masculina.
A época álxida da cultura feminina coincide coa incorporación de innovacións tecnolóxicas á agricultura, o que deixa máis tempo para facer tarefas como a costura, realizadas comunitariamente, e que se amenizaban con cantos e poemas, recollidos en parte como bordados en pezas de seda, abanicos de papel, etc. Estes bordados están escritos en Nü Shü.
E disto falámosvos non hai moito co libro El abanico de seda, no que tamén se trataba este tema, lembrades?
Un dos xéneros particulares escritos en Nü Shü eran as “cartas do terceiro día”, que as nais entregaban ás súas fillas en ocasión da voda. Na sociedade plenamente patriarcal dos yao, a muller sempre marchaba a vivir á casa do seu marido. Desvinculada da propia familia, a moza pasaba a estar baixo a tutela da sogra. Coas cartas, escritas persoalmente pola súa nai e encadernadas en tela, que debían de ler a partir do terceiro día de casadas, as mozas podían acceder á palabra viva da nai, nos momentos difíciles.
Yang Huanyi (1906- 2004) pertenceu á última xeración que aprendeu o Nü Shü desde a infancia, como as súas antepasadas. Para ela, “o Nü Shü ofreceunos ás mulleres un xeito de poder expresarnos”



Riso-biblioterapia

Dedicado a tod@s @s amig@s bibliotecari@s, eses grandes incomprendidos...

24/09/07

Xeometría e son

Por se alguén aínda non está moi convencido da relación entre as matemáticas e o son, aquí che mostramos este interesante video.
Antes de que o vexas, avisámoste de que non poñas os altofalentes co volume moi elevado...xa entenderás o por que.

23/09/07

Nontodovanserlibros(X)

Grazas á unhas letras totalmente apartadas do pop que se facía na súa época e ao carisma torrencial do seu líder, The Doors conseguiron en moi poucos anos ser considerados como un dos grupos fundamentais na historia do rock.

The Doors foi un grupo de rock psicodélico, formado en Los Ángeles (California) en xullo de 1965 e disolto en 1972. Estaba compuesto por Jim Morrison na voz, Ray Manzarek nos teclados, John Densmore na percusión e Robby Krieger na guitarra.
A ambición orixinal da banda era integrar satisfactoriamente elementos de diversas artes, entre elas a poesía, o teatro e, desde logo, a música. Morrison e Manzarek consideraban que o rock podía convertirse nunha nova relixión que ofrecera ao público unha experiencia comparábel á traxedia grega ou ao éxtase chamánico.
O estilo musical da banda baséase nunha mestura de blues e psicodelia. Nos textos dos primeiros discos, o elemento visionario propio da psicodelia aparece expresado en imaxes que beben da tradición romántica e simbolista, actualizándoa con acenos ao existencialismo e o psicoanálise. É destacable o gusto de Jim Morrison pola poesía dos simbolistas franceses, como Rimbaud ou Verlaine. Nos últimos discos, como L.A. Woman, a lírica de Morrison evoluciona cara letras máis sinxelas e inmediatas, ao estilo do blues.
O 3 de xullo de 1971 foi o principio do fin da banda. O falecemento en estrañas circunstancias de Morrison aos 27 anos de idade serviu para que ao poeta-cantante de The Doors lle fose colocada a etiqueta de mito da música. Está soterrado no cemiterio de Père-Lachaise de París e a súa tumba é ainda frecuentada como un lugar santo; día a día recibe a homenaxe e recordo dos seus incondicionais fans.

Discografía básica
  • The Doors (1967)
  • Strange days (1967)
  • The Soft Parade (1969)
  • Morrison Hotel (1970)
  • L.A. Woman (1971)


free music

22/09/07

Pola defensa do Caurel

Dende a plataforma "A Ría non se vende" faise un chamamento a toda a cidadanía a unha concentración en solidariedade co Caurel, mañá, domingo día 23 ás 11.00 da mañá na pista de patinaxe de Samil.
Como tod@s sabedes, o Courel está en perigo e necesita o maior apoio posíbel.
O Courel é o territorio de maior biodiversidade e xeodiversidade da Galiza. Polos seus valores naturais e culturais foi declarado Espazo Natural en 1989. Está incluído na Rede Natura 2000. Pero isto non abondou para impedir a inmensa desfeita ambiental e cultural que se está levando a cabo en toda a Comarca, con danos irreparables aos veciños, aos ecosistemas fluviais, aos elementos culturais, á paisaxe, á flora, á fauna....
A Asociación Ecolóxico-Cultural “SOS Courel” vén de iniciar unha campaña na que pide a colaboración e as sinaturas cos seguintes propósitos:

  • Que declaren o Courel Parque Natural, que inclúa como mínimo as cuncas enteiras dos ríos Lor-Louzara, Soldón, Selmo e Ferreiriño, e que se libre o territorio conformado por todas elas, de todo tipo de impactos e concesións incompatibles, como canteiras, eólicos, hidroeléctricas, ....

  • Que se devolva á Rede Natura a superficie da cunca do Lor que se descualificou no 2004, deixándoa fóra do Espazo Natural e deixando este territorio partido en dous, impedindo a súa función como o corredor biolóxico que une os Ancares e o Canón do Sil, tamén dous espazos da Rede Natura.

  • Que poñan xa de inmediato en marcha un Plan Urxente, no que participen todas as Administracións, para a recuperación ambiental, do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, arquitectónico, e da paisaxe tradicional.

  • Neste plan débese incluír necesariamente a dotación de servizos á poboación, para equipara o Courel ao resto da Galiza (sanitarios, asistenciais, culturais, de transporte...).

Se queredes saber máis sobre a situación do Courel, podedes consultar as seguintes páxinas:

http://www.galeon.com/sloren/courel21.htm

http://www.verdegaia.org/content/view/275/

www.salvemosmonteferro.org

Ler, ler, ler

Ás veces, ler é un acto de asocialización. Se non, que llelo digan aos que están arredor!!!:

21/09/07

50 segundo con Van Gogh

Non o podo evitar: esta técnica toléame...

Liberdade...

Onte pola tarde vivín unha das experiencias máis impactantes da miña vida: levar a miña música ao interior dun cárcere. E preciso dalgún xeito facer públicos os sentimentos tan diversos que pasaron pola miña cabeza.
Coñecer desde dentro unha realidade que nos parece moi afastada; apertar a man de persoas que estiman infinitamente calquera pequeno detalle que os aparte da monotonía; recibir aplausos agradecidos; saber que, por un tempo, puideches facer esquecer momentos amargos.
Ao fin, valorar máis que nunca o feito de ser libre.
E isto vai para eles.

Sempre hai un lugar para a poesía (VIII)

Empeñados en encher de poesía o noso mundo, tan falto dela, volvemos á carga. Hoxe cun poema de Blanca Varela, poeta peruana, unha das grandes voces da poesía do noso tempo


A media voz

la lentitud es belleza
copio estas líneas ajenas
respiro
acepto la luz
bajo el aire ralo de noviembre
bajo la hierba
sin color
bajo el cielo cascado
y gris
acepto el duelo y la fiesta
no he llegado
no llegaré jamás
en el centro de todo
esta el poema intacto
sol ineludible
noche sin volver la cabeza
merodeo su luz
su sombra animal
de palabras
husmeo su esplendor
su huella
sus restos
todo para decir
que alguna vez
estuve atenta
desarmada

sola casi
en la muerte
casi en el fuego

20/09/07

Frautista

Unha das miñas "nenas" (xa sabedes que teño moitas) acaba de me mandar este vídeo, eu creo que coa sá intención de que volo amose a tod@s!
E todo porque ela é frautista, pero non tan boa (pouco a pouco, Hadriana!)

Ler con humor

No blog Todas atopamos esta entrada que nos fai lembrar cantidade de correos que nos teñen chegado tantas e tantas veces... e que dan no clavo!

Sgeun Un Etsduio De Una Uivenrsdiad Ignlsea, No Ipmotra El Odren En El Que Las Ltears Etsan Ersciats, La Uicna Csoa Ipormtnate Es Que La Pmrirea Y La Utlima Ltera Esetn Ecsritas En La Psiocion Cocrrtea. El Rsteo Peuden Etsar Ttaolmntee Mal Y Aun Pordas Lerelo Sin Pobrleams.
Etso Es Pquore No Lemeos Cada Ltera Por Si Msima, Snio La Paalbra En Un Tdoo.

Presnoamelnte Me Preace Icrneilbe.

Tnatos AoÑs De Colgeio A Al Mrieda …

Oito millóns de razóns

Que aínda non liches este libro? Pois a que esperas! Hai oito millóns de razóns para facelo.
Son oitos millóns as persoas en todo o mundo que compraron un exemplar do libro de máis éxito nos últimos anos: La sombra del viento de Carlos Ruiz Zafón.
A novela é un faiado. Esa é unha das súas grandes virtudes. Nas súas páxinas hai un pouco de todo: novela histórica, novela de intriga, novela de amor...
Neste libro dáse a capacidade do autor para enganchar ao lector e a calidade da escritura. Ruiz Zafón manexa o argumento e a alquimia das palabras.
Ata existe a posibilidade de patear Barcelona seguindo as pegadas do libro! Porque é unha novela de viaxes prodixiosas sen saír de Barcelona.
Eu pregúntome intrigada que escribirá agora. Porque despois de tanto éxito, supoño que calquera obra que escriba posteriormente será comparada con esta. E aí radica a dificultade do éxito.

"Alguien dijo una vez que en el momento en que te paras a pensar

si quieres a alguien, ya has dejado de quererle para siempre"

Mil veces he querido regresar y perderme en un recuerdo del que apenas puedo rescatar una imagen...

19/09/07

Que queres ser de maior?

Estes días os medios de comunicación informáronnos de qué queren ser os nosos nenos de maiores. A maior parte non quere seguir os pasos de seus pais. Pero... e se, simplemente, non queren medrar? Grazas ao blog Iguales en las 3000 tráiovos este vídeo dun ton precioso poético e que nos suxire o que realmente é importante na vida.
"Este mundo non é un mundo romántico, pero algunhas persoas si o son e deles depende a nosa salvación. Non deixes que o mundo te cambie".

video

Expiación

Expiación, de Ian McEwan é unha das mellores novelas que lin ultimamente, e xa sabedes que lin unhas cantas! Eu case vos mandaría lela. E iso que a lin nunha das peores semanas da miña vida (primeira semana de setembro, xa sabedes). É unha novela que suscita emoción e que nos leva máis alá da simple lectura (houbo un momento que me cabreou tanto que tiven que parar de ler...). Consegue o que debe conseguir unha boa lectura: evadirnos da realidade que nos rodea para viaxar coa imaxinación a onde o autor quere. Coa súa lectura contemplamos personaxes que nos introducen en paixóns e avatares que dan sentido ao que se nos conta e somos quen de coñecer outros destinos humanos.
O argumento plantexa unha mirada crítica sobre os usos e costumes británicos durante o novecento. A vacuidade da vida burguesa, os costumes cotiáns da casa no campo, a discriminación xenérica e social , a crueza da guerra... son algúns dos tópicos que se entrecruzan cunha prosa axeitada que nos sorprende ata o final.

E dentro de pouco poderemos ver a súa versión cinematográfica, xa que o filme inaugurou a mostra de Venecia deste ano.


18/09/07

Podemos facer algo?

Cal é unha das maiores razóns para sufrir a violencia?
A guerra?
O racismo?
O radicalismo?
Ou é simplemente nacer muller?

1 de cada 3 mulleres é vítima da violencia:

tráfico de asasinatos por honor
mutilación xenital
explotación sexual
violación
violencia doméstica

Poñamos fin á violencia contra as mulleres

O Fondo de Desenvolvemento das Nacións Unidas para a Muller (UNIFEM) é a axencia do Sistema das Nacións Unidas (ONU) responsable de impulsar e promover o avance e o benestar das mulleres. Este é o vídeo que fixo neste ano 2007:


O pozo dos desexos

Que lle pediriades ao xenio de Aladino? Ou ao puzo dos desexos? Pois... IGUALDADE. Veredes o que pasaría!!!

Nontodovanserlibros (IX)

Como seguramente sabedes, Paul Auster é un dos meus escritores predilectos. Teño pendente a lectura –xa hai tempo, recoñézoo- dunha novela da súa muller, tamén escritora Siri Hustvedt. A súa filla, Sophie Auster, presentou un CD que inclúe textos que proceden tanto dela como do seu propio pai, e dalgúns poetas franceses que este traduciu ao inglés cando era novo: Eluard, Apollinaire, textos de Tristan Tzara, pai do dadaísmo, Philippe Soupault, e Robert Desnos

Ten unha voz preciosa, cristalina. Algúns temas mesmo nos presentan reminiscencias cabareteiras.



free music

17/09/07

Mulleres e sexo vasco

Sen comentarios...


www.Tu.tv

Número 100

Para este número tan especial de entradas, queremos retomar a fotografía que Charo nos mandara hai xa tempo e coa que iniciaramos o outro blog. Ségueme gustando darlle patadas co rato no cu a ese tipo que saca a foto. E, desgrazadamente, queda moito camiño por andar ata que esta foto só nos provoque riso, e non unha profunda carraxe.

Despedida... e benvida

Como vexo que Antonio tivo a xenerosidade, coma sempre, de incluírnos nesta rolda dos blogs galegos, creo que debemos unha explicación. Se queredes, podedes ler no blog do Colmeiro a nosa despedida. Mudamos de casa. Esta que agora tendes é o noso novo lar na blogosfera. A casa que construímos xuntos Anxo e mais eu, Gracia.
Vedes que esta é a entrada número 99. No verán traballamos arreo no mundo dos blogs, e decidimos mudalo de lugar. A este noso lugar. Pedimos seguir ao voso carón, se nolo permitides, porque seguimos a ser bibliotecarios sen biblioteca, agora cunha biblioteca virtual grazas ao blog. Seguimos en pé coa mesma ilusión que tiñamos antes. E seguiremos a traballar pola cultura dende as nosas aulas.
Grazas ao PLAMBE coñecemos xente marabillosa cun mesmo obxectivo: mellorar a nosa sociedade. Un obxectivo que segue a ser o que nos conduce nesta nova andaina blogueira. Grazas por estardes aí e axudarnos a manternos en pé. E, sobre todo, grazas por lernos e comentarnos. Esperamos, cando menos, non defraudar as expectativas.

Desertización: un desafío planetario

O home sabe que é quen de facer descarrilar o planeta. É consciente de que debe coidar a Terra. Pero non o fai.
A erosión e a degradación afectan xa a un 41,3% da superficie terrestre, e nestas rexións vive o 34,7% da poboación, case 2.500 millones de persoas, segundo datos da Avaliación dos Ecosistemas do Milenio, patrocinada pola ONU. O deserto avanza por doquier, pero non é ese o verdadeiro problema. Por desertización debemos entender o proceso polo que un territorio que non posúe as condicións climáticas dos desertos -principalmente zonas áridas, semiáridas o sub-húmidas-, acaba por adquirir as súas características.
Isto sucede como resultado da destrución da cuberta vexetal, da erosión do chan e da falta progresiva de auga. É dicir, factores todos nos que a acción do home é determinante. O xermolo que alenta o problema é a pobreza. E as zonas áridas superan xa os 12 millóns de quilómetros cadrados, cunha extensión maior á suma de China, Brasil e Canadá, tres dos máis grandes países do planeta.
Máis de 1.200 millóns de persoas tópanse directa o indirectamente ameazadas nos seus contornos naturais pola degradación das terras, terrible para os cultivos e o gando. Moitos terminarán emigrando a lugares menos duros. E entón o problema non será só climático, será tamén económico e, sobre todo, social.
A causa de todo: a pobreza, que empurra ao home a un uso insostible da terra, que a súa vez impulsa o cambio climático.
O risco é real. Todos os secretarios da ONU califican a desertización como "a maior ameaza para o planeta".




16/09/07

Un sorriso para tod@s vós

É que hai animais que dan ganas de achuchar...

Para todo hai clases

Non vou falar do "secuestro" máis famoso dos últimos tempos, sen sabermos aínda se foi tal. A min o que me abraia é a cantidade de cartos que estas persoas tan singulares foron capaces de recibir para buscar a súa filla desaparecida. Pregúntome indiganda que pensarán tantos e tantos outros pais e nais a quen tamén lles desapareceron os seus fillos ou as súas fillas para rematar no esquecemento ao cabo de pouco tempo por parte da sociedade e, ás veces, por parte da policía. E que nesta sociedade non hai nada coma os cartos: cantos máis tes, máis che veñen. Curioso.
A campaña dos McCann chgou a todo o mundo. É indescritible o entramado e os máis dun millón e medio de dólares en donacións. Mesmo a igrexa católica non é allea.
E é que mesmo para os secuestros... hai clases!!
Tes aquí unha reportaxe moi interesante publicada por El País titulada Madeleine: más que un crimen

O mundo ao revés

Os fundamentalismos, sexan políticos, relixiosos, económicos e/ou coulturais, impiden o exercicio de cidadanías plenas e a consolidación das democracias, atentando especialmente contra os dereitos das mulleres.
Este traballo é da Articulación Feminista Marcosur (Uruguay)
Autora: Lucy Garrido (con Gustavo Cortabarría)




Os filmes da miña vida (III)

Tiña pendente dende hai un mes falar deste gran cineasta que nos deixou en agosto: Ingmar Bergman.
Nas súas rodaxes, intimistas e emocionalmente estresantes, Bergman usaba un equipo de colaboradores case fixo, pero "o máis importante eran as actrices. O universo das mulleres é o meu mundo", dicía.
Nomes como os de Liv Ullman, Bibi Andersson, Ingrid Thulien o Harriet Andersson figuraban entre as súas protagonistas, as cales tamén no privado tiveron unha relación co director.
Bergman creou o seu propio mundo cinematográfico. Un xénero en si mesmo. Para el, o cine e o teatro eran traballos moi eróticos. E facer películas unha necesidade. Que todo é unha evocación que se ten de cando se é neno.
Déixovos unha escena da película “Fresas Salvajes” na que se cuestiona unha vez máis a existencia de Deus entre as correntes positivistas e relixiosas.»





Precisamente, este foi o film escollido para a despedida de Jose Luis Garci no último programa “¡Qué grande es el cine!”. O meu programa favorito de todos os tempos.
Torres Dulce, Miguel Marías (nunca o esquecerei entre o fume da súa pipa) y Antonio Giménez Rico son tertulianos que acompañan o peche:


Perruquerías africanas

Vale, vale, xa o sei. Son alérxica ás perruquerías e agora póñome a falar delas... e eu con estes pelos! Pero despois de ver estes carteis non puiden evitar querer ensinárvolos a vós, para que os disfrutedes... e xa me diredes se pagou a pena!


Se facedes click veredes máis no seu país de orixe. Xa veredes como vos gustan!:

Costa de Marfil
Ghana
Burkina Faso
Benin
Kenia
Togo
Indigo Arts








Dobre inxustiza

Dende 1993 máis de 400 mulleres foron violentamente asasinadas en Ciudad Juárez e Chihuahua, no norte de México. Este fenómeno, coñecido como "feminicidio", converteuse nun dos máis vergoñentos escándalos dos dereitos humanos na historia recente de México. A policía, baixo presión pola súa incapacidade para resolver estes crimes, intentou calmar á opinión pública inculpando a persoas mediante tortura. Porén, os familiares das vítimas e dos acusados, non cren que os verdadeiros culpables estean presos. Estes, xeralmente pobres, aseguran que os asasinatos son perpetrados por unha rede de sádicos sexuais que atacan ás mulleres e teñen conexións en altas esferas.

Dobre Inxustiza (2005) narra a historia de Neyra Cervantes, quen desapareceu en maio de 2003 e a de David Meza, o seu curmán, quen foi torturado para autoinculparse do asasinato de Neyra. Ante a demora demostrada polas autoridades na investigación sobre a desaparición de Neyra, a súa familia chamou a David, quen viaxou máis de 2.000 quilómetros para axudar na búsqueda. Como a presión da familia hacia as autoridades aumentaba para que realizaran unha investigación axeitada, estas contestaron, "Queren un culpable? Pois, terán un moi pronto." Unha semana despois David foi aprehendido.
Dobre Inxustiza é a crónica das familias de Neyra e de David, que se uniron na loita para terminar coa impunidade das autoridades que se referiron aos asasinatos de mulleres como unha "esaxeración" e fabrican culpables.
Os actores mexicanos Gael García e Diego Luna pediron o escrarecemento do asesinato desta moza, unha de centos de mulleres que teñen sido vítimas de mortes violentas en Ciudad Juárez.




Nus contra o cambio climático

O fotógrafo Spencer Tunick, coa colaboración de Greenpeace, reuniu 600 persoas nun glaciar suízo.
Homes e mulleres espíronse baixo unha temperatura relativamente fresca, preto do glaciar Aletsch, clasificado como patrimonio mundial da UNESCO e vítima do cambio climático, posto que cada ano perde uns 100 metros de altura. As fotografías servirán para unha campaña internacional.


A principios de agosto a ONU convirteuse en branco das críticas de activistas polos dereitos das mulleres, quen cuestionaron o seu xeito de abordar o cambio climático:
-As mulleres e os nenos teñen 14 veces máis posibilidades de morrer durante un desastre que os homes.
- No tsunami de 2004, entre o 70 e o 80% de vítimas fatais foron mulleres.
- En 1991 morreron 140.000 persoas en Bangladesh a causa dun ciclón: o 90% foron mulleres.
- Nos países industrializados ocorre o mesmo: máis mulleres ca homes perderon a vida durante a vaga de calor en Europa do 2003
Máis datos: Agenda de la ONU excluye perspectiva de género

O "asasino" dos dinosaurios

A gran extinción de especiesque marc0u afin do Cretácico, hai 65 millóns de anos, foi debida con toda probabilidade á caída dun gran asteroide sobre a Terra: a familia Baptistina, asteroide duns 170 Km de diámetro que xiraba arredor do Sol ata que chocou con outro asteroide que o desintegrou. Foi unha colisión de proporcións impresionantes que se produciu hai 160 millóns de anos.
A violencia do impacto e a enerxía liberada foron de tal magnitude que ambos saltaron en millóns de anacos, aos que se lles coñece como a familia Baptistina. Un deles impactou 95 millóns de anos máis tarde contra o norte da península do Yucatán, México. A nube de pó envolveu o planeta na oscuridade durante un longo período de tempo, e o brusco e prolongado descenso das temperaturas acabou con boa parte da vida na Terra.


Cambio climático

Os expertos confirman que o cambio climático é un feito e que a actividade humana é a súa causa.
Segundo o Panel Internacional sobre Cambio Climático, unha duplicación dos gases de invernadeiro incrementarán a temperatura terrestre entre 1 e 3.5 ºC.
O aumento de temperatura sería o máis rápido nos últimos 100.000 anos, facendo moi difícil que os ecosistemas do mundo se adapten.




A extinción acelérase

Na Cumbre de Biodiversidade da ONU establecéronse por primeira vez obxectivos cuantificables para axudar a alcanzar a meta de 2010 de frear a perda de biodiversidade no planeta: conservar polo menos o 10% de cada unha das rexións ecolóxicas do mundo.
A Unión Mundial de Conservación da Naturaleza (UICN) poñía números á perda de especies de plantas e animais. A súa Lista Vermella de Especies Ameazadas alcanza as 16.306 especies; entre elas, unha de cada tres especies de anfibios, unha de cada oito aves, un de cada catro mamíferos e o 70% das plantas. Esta Lista está recoñecida coma a avaliación máis efectiva do estado actual das especies en todo o mundo. E este ano constátase o declive dos grandes simios.
O gorila occidental pasou da situación de especie en perigo á de especie en perigo crítico, despois de constatar que a principal subespecie, o gorila occidental das terras baixas, foi dezmado; a súa poboación diminuíu máis dun 60% nos últimos 20 anos, e cerca dun terzo da poboación total que vive dentro de áreas protexidas foi eliminada polo virus do ébola nos últimos 15 anos.
O orangután de Sumatra continúa en perigo crítico e o orangután de Borneo en perigo. Ambos están ameazados pola perda de hábitat debida á tala de bosques.
Baixo o mar, as ameazas tamén son grandes. Entran na Lista Vermella dez especies de corais das Galápagos. O coral solitario de Wellington probablemente xa se extinguiu. As ameazas para estas especies proveñen do cambio climático
Entre as aves, a sorpresa déronnola os voitres, que merman en África e Asia.
A única especie extinta este ano é unha planta, a begonia de talo lanoso, de Malasia.
Se queres ver máis imaxes de especies en perigo de extinción pincha aquí

15/09/07

Sempre hai un lugar para a poesía (VII)

Veño de mercar o libro en galego que o noso flamante ministro de Cultura, César Antonio Molina acaba de publicar na nosa lingua: Soños nos cantís.
Ten máis de vinte libros publicados como poeta, ensaísta e tradutor, todos eles en castelán, agás un poemario en galego: A noite no crátere (1982).
Este libro que agora nos ocupa é unha tradución antolóxica da súa obra poética. Non podo evitar ensinarvos unhas palabras da contracapa que me chamaron poderosamente a atención: "César Antonio Molina permite que a súa palabra máis fonda atinxa o pleno fulgor no idioma de Rosalía". Canta xenerosidade!
Aquí tedes unha mostra da súa poesía:

EN TERRAS MOVEDIZAS

Mentres o alto sol ilumina o océano.
Mentres se estrela o vento nos penedos.
Mentres xa non se ouve o galo montés,
nin as carricantas nos campos segados,
e a espuma mariña repousa como unha rapariga durmida,
e ilumina o crepúsculo leves faíscas de pegadas,
regreso a través da rubias sombras.
Perdido, volvo, volvo!
-hai xa tempo-
sobre os meus pasos en terras movedizas.


Arte de ler (4)

Hoxe traemos dous cadros da italiana Silvana Maria Cimieri, nada en Crotone en 1964 e que di de si mesma que a súa primeira lembranza é a necesidade de materializar coas mans a imaxinación da súa mente e que descubrir a pintura supuxo toda unha revelación. O cadro que tedes á vosa dereita é un seu autorretrato.

Olladas

En todas as facetas da vida podemos atopar diferentes interpretacións. Aínda que estas, ás veces, están máis preto do que pensamos.
Fixádevos se non en



ou en

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.