19/04/08

De ventos e tornados

Onte á tarde escoitaba atónita como o meu querido Anxinho me comentaba que quedara sen lugar de traballo, porque, literalmente, voara. O tellado do seu centro de Redondela foi levantado pola choiva e esta inundou as aulas. Agora están pendentes dunha solución temporal mentres o seu edificio non é arranxado. O que nos dá unha idea da boa construción dos nosos centros escolares, como edificios públicos que se precien.


Eu aseguraba que ese temporal non chegara a Lalín. Cal foi a miña sorpresa que ao chegarmos á feira do libro para asistir á presentación do libro do meu ben querido compañeiro Xoán Carlos García Porral, topei que esta fora desmantelada por un tornado ás dúas da mañá. Ben é certo que si chegara o temporal. E que non me enterara.
Así pois, os poucos actos que aínda se celebraron foron trasladados ao museo. Lugar que debería de estar acondicionado o día anterior cando unhas poucas persoas nos reunimos arredor de Xosé Luna e o seu último traballo, No pazo de Laiovento, xa que se viu na obriga de acurtar a presentación polo frío que nos invadía. Teño que recoñecer que eu non o sentín, xa que unha onda de calor me percorría ante o que escoitaba nun ambiente "culto" como o desprezo pola normativa e -case- o uso do dicionario. Mágoa non ser eu un tornado. Non podo estar máis lonxe das palabras de Vázquez Pintor.
Como estaba a dicir, onte á noite dirixímonos ao museo para estar con Xoán Carlos. Todos na rúa, esperabamos a saída de Sánchez Dragó para ser quen de entrarmos. Demorouse case unha hora; pregúntome se non estaba avisado... Mentres, entrei. Entrei para escoitar tales lindezas como que a Educación para a Cidadanía é introducir a política no ensino, ou que o noso alcalde seméllase a Bertín Osborne. En fin, máis tornados.
E por fin, chegou a hora de Xoán Carlos, quen fixo honor á súa humildade e xenerosidade, cualidades que lle caracterizan. Que me dea as grazas polo asesoramento lingüístico, cando eu nin o lembro, xa que o traballo foi de Mario Pereira, dá unha idea de como é este investigador antropolóxico. Grazas a ti, Xoán Carlos.

4 comentarios:

  1. Estou indignado,
    liches o Faro de Vigo?
    un artigo de Miguel Font?
    ese tipo é un jilipollas nato

    ResponderEliminar
  2. Weno, se xa dicia eu que como non houbera dous instis en redondela fora o de anxo o que quedara sen teito. E que as cousas de redondela....aiaiaiaiai. Do de dragó e mellor non opinar.

    ResponderEliminar
  3. Cantas cousas!!
    Que á Anxinho o rodea a maldade e a catástrofe... pois non é nada novo, a verdade ;o)
    Que Xoan Carlos é un pelotillero coa xefa... pois tampouco.
    Que Sánchez Dragó é Sánchez Dragó... pois que vai ser...
    Parabéns, Xoan Carlos, mágoa que non soubese do evento...
    E agora un segredo, a xefa tamén ten un libro a piques de saír...
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. ...vaia ho! Resulta que agora son un "sen teito" e o amigo bolbor me define como un "cenizo"

    O que hai que oír! jeje

    ResponderEliminar