12/06/08

A natureza da fame

Na actualidade, 820 millóns de persoas pasan fame na Terra. Destrás desta traxedia conflúen causas políticas e socioeconómicas. Pero certos factores de índole medioambiental, como o quentamento global ou a escaseza de auga, están afectando decisivamente á loita do ser humano por conseguir alimentos. Até o 73 por cento da poboación mundial que vive por debaixo do limiar da pobreza habita en zonas rurais, onde a subsitencia depende directamente do que abrolla da terra.
"O noso planeta rebosa riqueza biolóxica, e esta diversidade é a clave para afrontar a peor crise alimentaria da historia moderna" asegura Alexander Müller, subdirector xeral da FAO. Precisamente, o acentuado descenso da diversidade xenética en animais e colleitas é un dos problemas máis lacerantes no Terceiro Mundo.
No último século, o 75% dos cultivos desapareceron en favor dunha minoría de colleitas máis rendibles a priori. A maior parte dos alimentos procede unicamente de doce produtos agrícolas e catorce especies animais. Esta dependencia significa menos oportunidades para o crecemento e a innovación necesarios para impulsar a agricultura e gandería nunha época tendente á alza de prezos. A demanda de cereais medra, pero o seu coste faino máis vertixinosamente, xa que o seu uso como biocombustibles disparou o seu valor económico. A consecuencia é que se deforestan zonas para plantar especies vexetais aptas para a obtención de etanol e biodiésel.
O fenómeno do quentamento global, sobre todo en zonas áridas e semiáridas, supón outra das pragas que inundan a malnutrición. E iso porque o impacto medioambiental nestas rexións podería deixar baixo mínimos as precipitacións, ademais de supor a extinción de numerosas especies animais e vexetais.
A xestión eficaz dos recursos hidrolóxicos representa outra das caras da fame. E xusto é a actividade agrícola a maior consumidora de auga no mundo. Desde 1950, o consumo de auga triplicouse a nivel mundial, pasando dos 4300 km cúbicos ao ano.

O primeiro dos Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio plantexados por Nacións Unidas é erradicar o 50% da fame e a pobreza no mundo para 2015, o que suporía mellorar as condicións de vida de 854 millóns de persoas que malviven en contornos rurais carentes de fontes de alimentación. E aínda así, máis de 400 millóns de persoas, excluídas dos criterios de Nacións Unidas, seguirán pasando fame.

Fonte

Ningún comentario:

Publicar un comentario