
Veño de rematar a última novela de Marcela Serrano, La llorona, unha escritora que descubrín con El albergue de las mujeres tristes e que me gusta seguir, xa que sempre retrata o universo feminino. Pero esta novela gustoume menos cás outras que lin dela. Conmove, si, conmove polo tema (unha nai a quen lle rouban a filla), e moito, e mesmo polo tratamento que del nos ofrece con linguaxe poética. Pero queda coxa, creo. Tamén recrea o amor polos libros, un leitmotiv moi de moda ultimamente; e este amor polos libros é quen salva á protagonista da loucura. Tamén nos asegura a solidariedade entre as mulleres, algo que ás veces resulta máis que dubidoso, solidariedade que -por outra parte- aparece en todos os libros de Marcela Serrano. Que teña un final feliz unha novela que nos retrata a amarga sociedade do noso tempo, onde os pobres son pobres non só pola falta de cartos, resulta incrible. Ou quizais sexa eu moi pesimista, non sei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario