11/07/08

La trilogía de Nueva York

Volver a Paul Auster. Debe ser un verán nostálxico este, que me obriga a volver a lecturas pendentes e a autores amados. Xa sabedes que Paul Auster é un dos meus escritores preferidos. E, curiosamente, aínda tendo lido tantas das súas obras, quedárame pendente unha das máis famosas: Trilogía de Nueva York. Unha obra diferente e ao mesmo tempo exquisita, un xogo de personaxes, realidades e irrealidades, de pesimismos e autodestrucións, mesmo de finais abertos. Das tres obras interrelacionadas, a que máis me gustou foi a última. E a unión entre elas é, ademais do espazo, o xogo de espellos e personaxes fascinados e fascinantes, que estarán abocados á propia desaparición, xunto coa soidade e o azar. Porque a pregunta que nos presenta o escritor é ¿quen somos? Somos nós ou esoutra persoa a quen admiramos, a quen vixiamos...?
Ademais deste xogo de detectives e personalidades, hai un xogo metaliterario, con alusión a outra obras -como Don Quijote-, e mesmo xogando co nome do escritor.
Unha obra imprescindible para achegarnos ao universo de Paul Auster que vos recomendo, como todas as súas novelas.

1 comentario:

  1. Ya sabes que para mi es lo mejor de lo mejor. Me alegro de que te gustase.

    ResponderEliminar