Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/12/08

Rematar con humor

Por suposto, o humor e a poesía non deben faltar nunca neste blogue.

Quédome sempre coa nena lectora de Liniers, totalmente auténtica:




E, claramente, afástome de Gaturro, eu prefiro pasar ao novo ano:





Imos prohibir a tristura por un instante:



Feliz, moi feliz ano.

Feliz ano

Anxo propúxose facer un cartel especial para desexarvos un feliz 2009. E conseguiuno, non si?

Hai exactamente un ano falabamos de todo o que nos quedaba por dicir neste blogue, tantas lecturas, tantas cancións, tantos retos... e tanta inxustiza. Este cartel fala precisamente de todo isto, do que é importante para nós, e cremos que tamén para vós, por iso nos seguides. O mellor: que todo podemos falalo na nosa lingua.
Falar do 2009 é motivo de esperanza. Eu, persoalmente, lembrarei o 2008 como un ano nefasto. Teño moitos desexos gardados nun recuncho para pedir coas uvas da noite. Coma tod@ vós, maxino. Desde aquí desexámosvos que esas peticións se cumpran; pero non podemos esquecer arestora a fin de ano en Gaza, como noutros lugares do mundo; non podemos nin debemos esquecer a falta de Dereitos Humanos que rexe o mundo que nós empeñámonos en manter. E por iso seguiremos aquí, se vós queredes acompañarnos. Que o novo ano nos agasalle con 365 días de entradas no blogue e coa vosa lectura.
Feliz ano a tod@s!!!


Amigo

Ter un Amigo, con letras maiúsculas. Neste "annus horribilus" que remata por fin, un amigo acompañoume sempre, mesmo compartimos padecementos que nos vai custar esquecer. Para ti, Anxo, amigo sempre, o meu anxo da garda... que che vaia bonito! É un honor trafegarmos xuntos. Unha sorte terte ao meu carón.


30/12/08

Carta pola compaixón

Karen Armstrong, experta en historia da relixión, graduada en Oxford, ex-monxa católica, autora de moitos libros, cre que as relixións teñen todas un mesmo propósito: ensinarnos a vivir do xeito máis compasivo posíbel. Vén de lanzar unha campaña global, "Charter for Compassion" sobre a súa "regra dourada": non lle fagas aos teus semellantes o que non queres que che fagan a ti. Ela asegura que a tarefa principal do noso tempo é crear unha sociedade global en que as persoas de todas as crenzas poidan convivir en paz e harmonía.




Non parece suficiente proposta para eliminar as diferenzas sociais existentes. Fará reflexionar a fundamentalistas de calquera relixión?

Vía Cadaunadas

Dende Gaza

Leo en Brétemas:

Moito recomendo a lectura da carta que Khalil, habitante da Faixa de Gaza, envía ao seu amigo Moncho Iglesias e que publica hoxe Vieiros xunto cuns vídeos gravados dende a súa casa. Documentos de interese para saber o que realmente está sucedendo alí.

Subscribo o que di Bragado totalmente: por favor, premede na ligazón e achegádevos a este desvastador mundo que creamos.

Convídamosvos tamén a asinar aquí para pedir que se deteña esta crueldade. Con máis de 280 mortos e continuos bombardeos a civís no sur de Israel, é o momento (sempre o foi) de demandar aos líderes do mundo que fagan un maior esforzo para pór fin á violencia que caracteriza o conflito palestino-israelí.



Fotos incribles

Porque a fotografía é unha arte, aproveitamos estas presentacións que de cando en vez chegan ata os nosos correos:



29/12/08

Arte no corazón

Debuxo, poesía, música, todo xunto no corazón, todo concentrado en menos de 3 minutos:




Vía Ars Legendi


Deixa que o viño fale


Xosé González, secretario da Asociación de Funcionarios para a N.L., achéganos este anuncio para fomentar o uso da nosa lingua na etiquetaxe dos nosos viños. Vai sendo hora de que a nosa economía, así coma o noso país, se galeguice, e este é un paso máis a prol da normalización. Desde aquí, o noso agradecemento polo envío.
Consumir viño etiquetado en galego é contribuír á defensa da nosa lingua e dun sector importante na economía galega (11% do PIB).



Sempre hai un lugar para a poesía (LIII)

Poema de Alberto Lema, do seu libro Plan de fuga:


En Territorio Inimigo

Observa compañeiro o exército inimigo,
conta os innúmeros soldados
as espadas, as lanzas, os satélites,
(e algún dos teus tamén está con eles)
observa, e comprende que a vitoria
é imposible. Terás que aprender
a vivir entre eles agochando
todo o que te poida delatar
porque non houbo batalla, compañeiro,
nin vencidos, e levamos toda a vida
vivindo en territorio inimigo.

28/12/08

Arte dixital

Vía o noso blogue artístico preferido, Iniciarte, chéganos un interesante vídeo de arte dixital centrado no corpo:

Unha puta percorre Europa


A nosa amiga Rosa, quen pensabamos nos tiña esquencidos, vólvenos a honrar coa súa presenza e as súas reflexións lectoras:


Co suxestivo título Unha puta percorre Europa iniciouse Alberto Lema (Vimianzo, 1975) na narrativa galega. E pola súa frescura, que non banalidade, espero que continúe nela. A obra aborda o tema da prostitución dun xeito directo, sen hipocrisías e tamén sen maniqueísmos nin esquemas simplistas. Con situacións e personaxes diversos dános que pensar, se queremos, claro, porque o que predomina é a acción, a reflexión vai pola nosa conta. O meu padriño leva anos dicindo unha frase que penso que lle acae á perfección a esta novela-policial-política-feminista: “as cousas sonche dunha chea de maneiras”. Pois si. E, ademais, está o final: desconcerta e obriga á relectura do comezo. En definitiva, unha novela que dá que falar desde a primeira á última páxina.


Grazas novamente, Rosa



As mellores fotos do 2008 segundo Reuters

Seguindo co noso resume fotográfico do ano, hoxe a quenda é das mellores a xuízo da axencia Reuters. Se queres velas todas podes acceder na seguinte ligazón.


Vía Capítulo 0

27/12/08

Creatividade con humor

O festival Méribel une profesionais do mundo da publicidade; as axencias máis importantes, clientes, produtores, directores, medios e compañías de márketing reúnense para amosar as súas creacións, primando creatividade e humor.

Bigger Every Year, é o spot gañador do 2008 Viral Film Contest:



Vía Todas


Fotografía Humanitaria

O fotógrafo irlandés Andrew McConnell vén de gañar o XII Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña, convocado por Médicos del Mundo, pola súa serie fotográfica Crisis en Congo, sobre os desprazados polo conflito armado no leste da República Democrática do Congo. Este premio estableceuse en lembranza do fotógrafo Luis Valtueña, que xunto con Flors Sirera, Manuel Madrazo e Mercedes Navarro, todos cooperantes de Médicos del Mundo, foron asasinados en Ruanda e en Bosnia cando traballaban en proxectos de acción humanitaria.

26/12/08

El lector


El lector de Bernahrd Schlink é un libro fascinante que non podedes deixar pasar. Igual que me ocorreu con El señor Pip, libro imprescindible onde os haxa, houbo un momento na lectura que soltei un exabrupto -que no vou reproducir- ante a sorpresa que me produce un feito da novela. Un libro que conxuga erotismo con lectua, paixón con tormento, emoción con febleza. Unha moi orixinal historia de amor sobre a que voa a pantasma do nazismo; unha reflexión sobre o sentido da xustiza, tanto persoal como pública. Unha novela que non deixa indiferente, pois deixa un pouso, unha reflexión que permanece no tempo. Porque queremos ser capaces de tocar e sentir como o fai o protagonista, queremos que nos lean e nos leven a mundos afastados; queremos sentir a paixón. Pero, curiosamente, preferimos meternos na pel da protagonista para comprender mellor os horrores e os erros, os antes e os despois. Preferímola a ela para saber. Quizais aquí radica a grandeza do libro.
E o autor consegue todo isto sen necesidade de acudir á escrita de moitas páxinas nin a grandes florituras: un libro sinxelo e fermoso que vos recomendo encarecidademente.


El blog del inquisidor

Xa sabedes o que sinto por Lorenzo Silva. Telo no centro hai uns anos, manter aquela conversa tan entrañable, haber mantido mesmo outra por email, fai que non sexa obxectiva á hora de falar dos seus libros. Admíroo e punto. Pero, aínda coa boca pequena, este libro non me encantou. O autor fala de que "la soledad acarrea un par de cosas divididas en dos grupos: en los días malos te sientes muy solo o muy sola, en los días buenos te sienten muy libre. La libertad va asociada de manera intrínsica con la soledad". De soidades fala El blog del inquisidor, de tormentos, aparencias, xogos e manipulacións, de tristuras e de vidas.
A pesares do título, non estamos ante unha novela histórica, aínda que temos un capítulo enteiro dunha transcrición do século XVII. Tampouco é unha novela de intriga -xénero ao que nos ten acostumados-, xa que a Inquisición e o que acontence nese xuízo que serve de base para a novela é tan só un pretexto. É máis ben o reflexo dos chats e os blogues, das novas teconoloxías por tanto, onde os protagonistas falan con toques de enxeño. Hai, mesmo, un narrador apócrifo. O destacable é a relación estrañamente intimista que se establece entre dúas persoas grazas á era dixital; unha especie de reto no que se establece un vínculo que non acabamos de crer, con anacos interesantes como as reflexións do Inquisidor pero cunha protagonista feminina demasiado sinxela que non está á altura. E cun final que a min, particularmente, paréceme demasiado evidente e menos crible.

"He incumplido compromisos en el pasado, y esa experiencia, unida a una larga meditación posterior, me ha enseñado una lección que procuro aplicar a rajatabla: no te comprometas nunca a la ligera, pero una vez que lo hagas, revienta o rómpete antes de fallar. Porque lo peor de las deudas insatisfechas no es el menoscabo que uno pueda sufrir en la consideración del acreedor: del acreedor uno puede protegerse, apartarse, incluso borrarlo de la mente. La consecuencia más dañina de nuestros incumplimientos es que nos van empujando, de un modo tan imperceptible como inexorable, hacia el borde de nuestro propio abismo interior. No se trata de que los demás no se fíen de uno, sino de acabar no fiándose de uno mismo: llegados a ese punto, no hay manera de impedir el desastre".

Como sei que algúns de vós andades a lelo, agardo as vosas opinións.

El Marqués de Anaon


Moi interesante esta proposta de banda deseñada de Vehlmann e Bonhomme, El Marqués de Anaon, da que veño de ler os dous primeiros títulos: La isla de Brac e La Virgen Negra. Creo que é unha serie estupenda e orixinal que nos viaxa á Francia do século XVIII, recreando un conto popular: un personaxe fabuloso que é quen de se enfrontar a demos e criaturas de outros mundos. Asemella un debuxante clásico por estarmos ante aventuras de época pero cun debuxo e unha cor impresionantes.

Na primeira entrega, La isla de Brac, preséntannos ao personaxe de Jean-Baptiste Poulain, un profesor que chega de París á illa de Brac para ser o titor do fillo do barón. Pero nada é o que parece nesa illa.

Na segunda entrega, La Virgen Negra, o mesmo protagonista tentará descubrir unha serie de asasinatos que parecen froito da maxia negra e que acusan directamente aos xitanos.

Diferentes e interesantes, outra lectura máis de cómic para recomendar.



A resposta está a flotar no vento

Blowin´ in the wind é unha das canciones máis emblemáticas dos 60’s, obra do poeta do rock Robert Zimmerman, (Bob Dylan). Himno na loita que a xuventude americana e o mundo enteiro librou e finalmente gañou para que rematase a Guerra do Vietnam.
1962. Tempos de crise, guerras, discriminación racial e relixiosa, conflitos sociais, violencia, desamor... A letra plantexa unha serie de cuestións filosóficas sobre a paz, a guerra, a compaixón, a liberdade. O enfoque de esperanza co que trata estes temas trascendentais e atemporais é o que lle permite conservar a súa vixencia máis de 40 anos despois.
Velaquí está a adaptación que fixemos dunha das moitas presentacións que chegan aos nosos correos:

video

25/12/08

Non á violencia contra as mulleres (LXXI)

Unha amiga mándame o cartel que a súa filla realizou para un concurso da Deputación da Coruña.




Grazas, Lupe.

Fotos do ano de UNICEF

14 instantáneas impresionantes. Este é o noso mundo:




Vía Libro de notas

24/12/08

Eles saben que é Nadal?

Esta canción foi creada co fin altruísta de paliar a fame no mundo. Déixovos as dúas versións:





Vía

Desexos

Anxo e mais eu desexamos a todos @s nos@s lector@s e amig@s:




Claro que sen esquecer o humor...



video


Que pasedes unhas felices vacacións!

23/12/08

Regala as túas palabras



Tentamos normalmente facernos eco das iniciativas que leva a cabo Amnistía Internacional, Asociación na que cremos profundamente. E esta parécenos do máis axeitada, polo que vos convidamos a participar. Que mellor regalo hai que as palabras? As palabras poden conmover, achegar, pacificar, amar, desexar, abrazar, aloumiñar.... claro que tamén poden matar.
Es dos que pensas que as palabras non serven para nada? Pois as vosas mensaxes poden cambiar a vida de moita xente: dos 30 presos e presas de conciencia a quen se lle teñen regalado palabras en case a última década... 20 viven en liberdade!
Non esquezamos, pois, os presos de conciencia, persoas que en máis de 45 países pasan os seus días no cárcere por exercer pacificamente o seu dereito a pensar e a expresarse libremente.

Charles Ntakirutinka (Ruanda), Ebrima Manneh (Gambia) e Abune Antonios (Eritrea) son tres presos de conciencia, aos que Amnistía Internacional quere enviar esperanza. Por iso convídanvos a lles enviar o mellor dos agasallos: as palabras.

Preme na imaxe para ir á páxina de Amnistía Internacional e agasallar as túas palabras. Non dicías que o nadal é tempo de solidariedade?







Ler é o que ten

Spots da libraría Gandhi:




Bart Hess "Future Fur"

Proposta sobre a manipulación xenética e o corpo como manifestación artística:




Vía Bajo el signo de Libra


22/12/08

Isaac el pirata



Outro cómic máis que recomendábel de Christophe Blain. Con personaxes que se deixan querer, e cun debuxo que chama a atención, esta serie da que só lin o primeiro, fíxose un oco no mellor cómic francés. Destaca a expresividades dos rasgos dos personaxes, que raian a caricatura.
Isaac é un pintor se fortuna que recibe unha proposición de ir nun barco para facer debuxos, unha proposición enganosa que o levará a converterse en pintor de piratas e a vivir as mesmas aventuras ca este, mentres a súa moza, Alice, agárdao, non sei por canto tempo. E todo isto situado no París do século XVIII, cun uso da cor ambiciosa que dá un resultado óptimo.
Así pois, outra serie de cómics moi recomendables para ler no Nadal... ou cando sexa.



El gato del rabino


Este cómic gustoume moito polo tratamento poético que nos fai sobre a cuestionabilidade da relixión xudía e os seus límites.
A historia comeza cando o gato do rabino decidiu que non aturaba máis un loro e papouno. Desde entón, convértese nun gato parlanchín que rebate os preceptos da relixión xudía toleando ao seu dono, namorado ademais da bela filla do rabino. Un xeito moi intelixente de facer crítica, xa que un gato non é, ao fin e ao cabo, humano. É, polo tanto, independente. E esa independencia é a que lle permite cuestionar todos os preceptos relixiosos que repasa no libro.
O seu autor é Joann Sfar, e escribiu non só este que teño nas mans, senón varios libros máis -son cinco en total, segundo teño entendido- que lle dan continuidade e que agardo ler nalgún momento, xa que creo que nos ofrece unha visión moi interesante sobre a non evolución da relixión na nosa sociedade.
Outro cómic máis que recomendábel.



A cultura que facemos


Está en marcha a campaña da Consellaría de Cultura e Deporte para a visibilización dos produtos culturais galegos e que pretende incentivar a compra de libros, discos e DVDs galegos como agasallos de Nadal.
Recoméndovos que leades este post de Brétemas, "Malia ao escaso tirón", cunha crítica máis que axeitada sobre a nosa falta de autoestima.



Horror: o nadal!

Desde Biblioríos, como non, chega un nadal de medo: que sexades moi felices.

21/12/08

Lotarías

Lionel Neykov, autor da canción da lotaría de Nadal, é un músico en paro. A axencia española Ricardo Pérez Asociados atopou o tema en YouTube e utilizouna na súa proposta de anuncio para o concurso de Lotarías e Apostas do Estado. Ao gañar, púxose en contacto con Neykov; este aceptou xa que case o botan do apartamento por impago de aluguer. Foron 20000 dólares por colgar en Youtube este vídeo coa canción «Freeze my senses» (Conxelo os meus sentidos)




E esta é publicidade que seguramente coñecedes:



Vía La Huella Digital

Ler fainos maiores


Con motivo da campaña Llegir ens fa més grans da Generalitat de Catalunya, difundiuse unha guía práctica para que os pais transmitan aos seus fillos os valores da lectura. Este libreto, de Joan Carles Girbés, inclúe un decálogo destinado a pais, nais, educadores e educadoras que se titula "DEZ consellos infalibles para que os nenos e as nenas ODIEN os libros":

1.- Cando empecer a ler en voz alta, interrómpeos constantemente para marcar os seus erros... a ti tamén se che sacarían as ganas de seguir lendo.

2.- Obrígaos a ler... Nada máis eficiente que un simple monosílabo, le! para conseguir o efecto contrario.

3.- Menospreza os seus gustos e non respectes o seu criterio... Que é mellor, que lean o que lles gusta ou que non lean?

4.- Imponlles lecturas... Esa novela que tanto che gustou á súa idade non ten por que ser do seu agrado.

5.- Pídelles que che fagan un resumo... Non deixes que asocien os libros cos deberes.

6.- Controla todo o que len... Interesarse non significa examinalos e interrogalos.

7.- Lémbralles os beneficios de ler... Dille: os nenos que len sacan mellores notas, coma o teu amigo. Así o rapaz ou a rapaza perderá as ganas de ler e collerá manía ao amigo.

8.- Relaciona os libros só cos deberes... Un libro non debe ser só un instrumento para aprender cousas.

9.- Castígaos sen tele por non ler... En ver de converter a tele no noso aliado, preguntándolle, por exemplo, cantos filmes infantís baséanse en libros?

10.- Esíxelles lecturas non axeitadas. Non por se bo e correcto, un libro debe ser axeitado á súa idade ou ao seu estado madurativo.

video

Vía Casa das Letras

Tan toos

Para Anxo, Bolbor, Xabier e Chus, que tan pavinhos, que pasedes o mellor nadal das vosas vidas cos vosos recéns.

20/12/08

Resultado concurso lectura do ano

O xoves pola tarde repartimos os premios dos concursos que fixemos dende o Equipo de Normalización: "Vistomengalego" e o "Concurso lectura en galego do ano".
Neste consurso chamáronme a atención os libros máis votados, non sei se é resultado de que o alumnado ten pouca memoria histórica e vota o lido hai pouco. De todos os xeitos, resalta o quinto clasificado, un libro que non temos centro, polo que obviamente é produto dunha lectura anterior; igual sucede co segundo clasificado: foi libro de lectura obrigatoria o curso pasado en 1º de ESO. O gañador absoluto é Un casoiro ben mal amañado, con 41 votos, que leron neste trimestre; xa contamos aquí a visita do escritor.
Para ser a primeira vez que se realiza, non nos queixamos da participación, aínda que agardamos mellorala en vindeiras ocasións.
Os resultados foron os seguintes:

.- Bali Rai: Un casoiro ben mal amañado. Sotelo Blanco : 41 votos


.- Breogán Riveiro: Tonecho de Rebordechao . Galaxia : 20 votos


.- Xosé Miranda: O meigo de Salamanca. Xerais : 16 votos


.- John Boye: O neno do pixama a raias. Faktoría K : 15 votos


.- Fina Casalderrey: A Lagoa das nenas mudas. Xerais : 11 votos


.- J. K. Rowling: Harry Potter e a pedra filosofal. Galaxia : 11 votos


.- Fina Casalderrey: Ás de mosca para Anxo. Xerais : 7 votos


.- Roald Dhal: Charlie e a fábrica de chocolate. Cumio : 5 votos


.- Eduardo Blanco Amor: A esmorga. Galaxia : 4 votos


.- Sempé e R. Goscinny: O Nicolasiño. Alfaguara : 4 votos


.- Fina Casalderrey: Prohibido casar, papá!. Galaxia : 4 votos


.- Paul Jennings: Vaiche boa!. Galaxia : 4 votos


.- Xabier P. Docampo: O misterio das badaladas. Vía Láctea : 4 votos


.- J. K. Rowling: Harry Potter e a cámara dos segredos. Galaxia : 4 votos


.- Xabier A. Barreiro Liz: A pantasma telefónica. Baía : 3 votos


.- Agustín Fernández Paz: Cartas de inverno. Xerais : 3 votos


.- María Vassart: E agora que?. Edebé : 2 votos


.- Gonzalo Moure: Palabras de Caramelo. Anaya : 2 votos


.- María Reimóndez: Usha. Xerais : 2 votos


.- J. K. Rowling: Harry Potter e o cáliz de fogo. Galaxia : 2 votos


Hai moitos libros mencionados cun só voto, por exemplo:


Blankets

Manolito gafotas

Diario de Ana Frank

O vixía no centeo

A cidade en chamas

Arraianos

A lei da rúa

O escaravello de ouro e outros relatos

Diario secreto de Adrian Molle

Pel de lobo

Alguén roubou a Lúa

O Príncipe da Brétema

A praia da esperanza

As flores radiactivas

Nassima a sombra dos talibáns

Ollos de auga

A mansión dos Pampín

Os Megatoxos

Durmido sobre os espellos

As lágrimas de Shiva

Fiz nos Biosbardos

A lingua das bolboretas


As mellores do 2008

As mellores fotografías do 2008. Son moitas, pero todas pagan a pena. Abondan as tristuras, non podía ser doutro xeito no noso planeta.





Vía Islas Cíes

Arte en papel

Pois si, só papel. Incrible, non si?

19/12/08

Consumo

Así de simple?





Vía La Huella Digital

A mosca e o ollo

Que conste: a min créame unha sensación de claustrofobia...!



Vía Recogedor


18/12/08

Facendo flocos de millo

Se queredes, podedes facer vós a proba; o efecto que os móbiles producen no noso cerebro xa é outra historia.

Pare

Agardamos que vos guste tanto como a nós este tema de Serrat con imaxes impactantes. En xaneiro, un ano máis celebraremos o Día da Paz (inexistente), mentres seguimos apostando por un mundo mellor. Ogallá o ano próximo sexa mellor ca este.


video

17/12/08

Hoppípolla

Hoppípolla, palabra islandesa que significa "saltando nos charcos", é o título deste vídeo de Sigur Ros que me gustou polo seu significado: podemos sentirnos sempre nenos, non importa a idade.






Vía

As promesas non protexen

Rebélate contra a pobreza:



Vía Darle a la lengua

16/12/08

Retos matemáticos... e non tanto (XII)

Buffff... canto tempo sen traer esta sección por estes lares. Pero xa sabedes que ultimamente teño ocupacións moi serias ás que adicarme case que por completo... Pero como nunca é tarde se estamos a falar de matemáticas, aí vos van tres retos a resolver nestas prevacacións de Nadal...

Reto 1.- Este foi un xogo que descubrín nun destes programas timo das madrugadas da Sexta e que recoñezo que me enganchou (para curiosos e malpensados, por suposto que nin se me ocurriu chamar!). Trátase de atopar o número máis grande posible movendo tan só DOUS mistos. Hala, a discurrir!

Reto 2.- Neste exercicio, na escritura da data, o día e o mes están escritos sempre con dúas cifras, podendo a primeira ser cero eventualmente. Sendo o 25/06/1987 unha data que chamaremos fascinante pois ela ten todas as súas cifras diferentes. Cal é a seguinte data “fascinante”?

Reto 3.- As letras da seguinte igualdade representan as cifras dun número que multiplicado por catro é igual a outro formado polas mesmas cifras en orde inversa á inicial. Cal é ese número?

ABCDE x 4 = EDCBA

Solucións ao reto anterior
Reto 1
.- Ten hipo
Reto 2.- Eran Adán e Eva
Reto 3.- Na última

Non á violencia contra as mulleres (LXX)

Curta de denucia: "Lo hago porque te quiero":

Cuidado com a língua

Desde Brétemas, achégovos esta máis que interesante reportaxe da RTP. Seguro que algo aprenderedes:

15/12/08

Operación desastre duradeiro

Afganistán está en guerra permanente ao longo de 30 anos, máis tempo que o que suman xuntas as dúas guerras mundiais e a guerra con Vietnam.

Así comeza o artigo de Tariq Alí "Afganistán: operación desastre duradero" (que vos invito a ler premendo na ligazón) onde nos ofrece un panorama desolador deste país, onde fracasaron os intentos de estabilizar a situación bélica e os de crear unha estrutura social e política de bases sólidas.
A principal tarefa debería ser a creación dunha infraestrutura social e así preservar a paz, algo no que Occidente fracasou. Edificios escolares construídos que carecen de mobles, mestres e nenos.
Cómpre involucrar os veciños de Afganistán nunha solución política que dese fin á guerra, preservase a paz e reconstruíse o país. Irán, Rusia, India e China, así como Paquistán, deben comprometerse na busca dunha solución política que poida manter un goberno nacional xenuíno durante unha década despois da retirada da OTAN e dos Estados Unidos.
Mentres, prevese unha fame negra en Afganistán este inverno.

Vía Libro de Notas

Bibliotecario Heavy

Comentábame un amigo que estaba preparando Bécquer co seu fillo para un traballo de clase e este vídeo venlle ao pelo. Ademais, sempre maxinamos distintos xeitos de animar a ler. Estes téñeno moi claro:



Vía Bibliovaladares


Nenos roubados no franquismo


O sábado pasado puidemos ver en Informe Semanal unha reportaxe que nos conmocionou sobre o que ocorreu cos fillos dos perdedores na guerra civil española. Para quen non o vistes, déixovos un par de vídeos que están colgados en Youtube.
Os pequenos eran afastados das súas nais ao amparo do Patronato da Nosa Señora da Merced, que chegou a tutelar a máis de 12000 nenos e nenas, na súa maioría para seren purificadas do contacto coas súas nais; baixo un entramado de normas legais propiciouse a perda de identidade de miles de nenos na década dos anos 40.
E nós parécenos tan afastado o nazismo e as desaparicións en países como Arxentina?






Para aprender algo máis podedes consultar esta wiki dun profesor de Ciencias Sociales. Resulta moi clarificadora e serviume de Vía.


14/12/08

O mito da monogamia

Finalmente, as miñas teorías son axeitadas. Tiña que ser Punset quen me dea a razón, a monogamia está moi afastada de ser a elección natural dos seres humanos e dos animais en xeral: premede aquí para ler o artigo.

A conduta que podemos chamar de variedade sexual está condicionada non tanto pola busca da diversidade como pola da calidade. Outórganse inconsciente ou conscientemente unha gran importancia á saúde e á beleza e, polo tanto, aos xens. Pero, como pode saber un membro da parella que os xens do outro son bos?


Vía



Vivamos coma galegos

Xa vos deixamos aquí por dúas veces a campaña do Gadis. Hoxe unha ex-alumna mandoume a ligazón a páxina desta empresa onde descubrín un par de vídeos máis que non coñecía relacionados con esta publicidade:



René Petillon

René Pétillon, gañador do premio ao Mellor Álbum no Festival de Angouléme 2001 con El archivo corso, creou en 1974 un desafortunado detective privado francés. Con el, reflicte a actualidade máis polémica.

En El caso del velo fai rir a integristas e moderados musulmáns, como a todos nós. O seu inútil detective Jack Palmer busca unha moza que parece converterse ao fundamentalismo islámico. Con esta escusa amósanos problemas de convivencia entre musulmáns e franceses e denuncia o trato da muller naquela relixión. O libro acaba converténdose nunha reflexión sobre a cuestión velo si, velo non.

En El caso de la top model o álbum integra tres historias, a primeira das cales serve par darlle título ao libro. Segue a ser a actualidade francesa o fío condutor da historia, sempre retratada esperpenticamente. O protagonista detective segue a resolver casos por pura casualidade, xa que el é un desastre na súa profesión, o que nos leva ao sorriso constante, cuns trazos claros e un guión importantísimo. A ironía e a sagacidade para retratar a nosa sociedade actual é do máis suxestivo.

Non volos perdades.



Barbie culturízase

Barbie en "Un conto de Nadal" é unha adaptación do conto clásico de Charles Dickens co mesmo nome chea de vilancicos e fabulosos vestidos. O conto ten como protagonista a Barbie como Eden Starling, unha glamurosa cantante de teatro no Londres vitoriano.
O libro de Dickens, escrito en 1843, fala de como unha mala persoa pode cambiar de actitude grazas ao espírito do nadal. Lectura obrigatoria nestas épocas, ten moitas versións e adaptacións.
Servirá Barbie para ler máis? Co que me espantou sempre esta moneca de medidas imposibles...



Vía Todas

13/12/08

El ladrón mago

Chega esta novela xuvenil editada por Montena da escritora norteamericana Sarah Prineas usando como ferramenta de difusión a posibilidade de descargarse o primeiro capítulo, unha web interactiva con multitude de opcións, un librotráiler e un sortedo dunha Nintendo DS. É unha mostra clara de que o sector editorial é cada vez máis sensible á aparición de novas técnicas para a difusión das súas novidades editoriais.



Máis información e vía


Magasin Général

Estes tres cómics é do mellor que lin ultimamente. Xunto con Lacernet, Loisel e Tripp pasan a engrosar os meus autores preferidos deste xénero.
Literalmente, encantáronme. Pola sensibilidade, polos debuxos, polas historias, polo trato das persoas, polo retrato das miserias humanas... por todo. Lin tres tomos e agardo a que haxa máis entregas. Desde logo, o terceiro deixounos unhas sorpresas coas que non contabamos, e como di o meu compañeiro Bernardo "eu quería que fose doutro xeito", pero aquí reside precisamente o valor da historia: que non sucede o que o lector quere ou agarda.
A historia trasládanos até unha vila illada do Canadá, sobre os anos 20 do século pasado. No primeiro tomo cóntanos a historia dunha viúva (quen conta a historia e o falecido) que era unha das poucas persoas que non pertencían á comunidade. O segundo tomo céntrase na chegada dun descoñecido e todo o que este aporta na vida do lugar. E o terceito en como se toman os homes a chegada dese descoñecido que parece alterar toda a orde lóxica da súas vidas.
Nas páxinas dos tres tomos contemplamos tanto personaxes coma o seu contorno, todo isto cun coloreado e uns debuxos totalmente evocadores e -creo eu- sensibles. Porque o que máis me chama a atención destes cómics é precisamente isto: o xeito en que o debuxo e a historia son tratadas, cunha sensibilidade tan especial que os autores conseguen facilmente que o lector sinta o frío do inverno e a paixón iniciada dunha viúva que quere seguir a vivir. Mesmo somos quen de pasear tranquilamente por aqueles bosques inhóspitos.
Se tedes oportunidade, paseade entre as súas páxinas, lédeos e disfrutade coas súas imaxes. Non sempre a vida nos ofrece tantos praceres. Digo eu.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.