12/01/09

Castelao. Expediente de responsabilidades políticas

A nosa benquerida Rosa achéganos novamente unha colaboración, que se está a facer imprescindible neste voso blogue. Grazas, Rosa, coma sempre.

Castelao. Expediente de responsabilidades políticas. Estudio introductorio: O colexio de avogados de Pontevedra no decurso histórico do galeguismo.

De mans dunha alumna –grazas, Irene–, despois de explicarmos Castelao na clase, chegou a min o libro Castelao. Expediente de responsabilidades políticas. Estudio introductorio: O colexio de avogados de Pontevedra no decurso histórico do galeguismo, editado polo Colexio de Avogados de Pontevedra no ano 2000. Eu non tiña nin idea da súa existencia e resultou unha lectura sorprendente e moi proveitosa.

Despois dun estudo introdutorio de Modesto Barcia, o libro contén unha reprodución facsimilar do expediente de responsabilidades políticas que se iniciou contra Castelao en agosto de 1937. Seguimos paso a paso todo o proceso, a sentenza (“debemos declarar y declaramos incurso en responsabilidad política al inculpado Alfonso Rodríguez Castelao, y le imponemos como sanciones quince años de inhabilitación absoluta, ocho años y un día de destierro a distancia de doscientos quilómetros de Pontevedra y el pago de setenta y cinco mil pesetas”) e o consecuente embargo de todos os seus bens, que aparecen detallados e taxados (desde a súa biblioteca ata “seis paños higiénicos”, “un tarro de melocotones en conserva” ou “un calzoncillo corto de caballero”…) e tamén das súas contas bancarias. Cando rematou definitivamente todo o proceso xudicial, xa había varios meses que Castelao morrera.

Lemos, nesta ocasión, non procurando unha fonte de pracer senón de coñecemento, nun sentido amplo da palabra: coñecemos moitos pormenores da vida de Castelao e do funcionamento da “xustiza” do réxime franquista, pero, sobre todo, asistimos –estarrecidos­– á materialización da mesquindade e o fanatismo do ser humano. Un coñecemento imprescindíbel.

Podedes ler máis información sobre este libro en Vieiros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario