21/01/09

Cultivos transxénicos

Libro de poemas de Carlos Negro, gañador do I Certame de Poesía Victoriano Taibo, Cultivos transxénicos preséntase nun principio como unha serie de preguntas e respostas ao xeito do Catecismo do labrego para falar da agónica sociedade tradicional. Non me foi doado seleccionar algúns poemas, pero aí van:

Testamento

O poema levanta acta
da redución do rural
a produto de mercado,
da reciclaxe da aldea
en paraíso perdido,
da conversión da terra
en idílico escenario,
da moda publicitaria
que converte o labrego
en gardián das esencias,
unha casa abandonada
nun hotel con encanto,
os apeiros da memoria
en ornamento de pazo,
a cultura campesiña
en estampa de museo.


Política urbanística

Aquí, estimados señores,
iso que chaman memoria
é unha leira abandonada
cen por cen urbanizable:
corten, pois, os carballos.


Hardware agrario

Non sei se os nosos fillos han saber da terra.
Do negra que pode chegar a ser sobre as mans.
Por iso, teremos que educalos para o tacto.
Para que apalpen na escuridade das orixes.


Cámaras frigoríficas

Agora que a froita de óso xa non sabe a nada.
Agora que o pan se precociña e desconxela.
Agora que xa non hai nin cereixas nin paxaros.
Agora que se perderon os nomes exactos.
Agora xa nin doe de tanto que se ignora.


Ningún comentario:

Publicar un comentario