26/08/09

Azul

Acabo de chegar e atopo galiñas azuis por todas partes. Unha vez lin que se estaba a perder a nosa retranca. Agardo que non, a xulgar polas imaxes:









Artigo hoxe no Xornal:

Ninguén lle pode negar orixinalidade á nova Xunta do PP. Por primeira vez, un Goberno galego ataca a lingua, a bandeira ou o nome propio. Inédito e pavoroso. E con novidade cada semana. A última foi que coa escusa de “despolitizalas” o PP vén de cambiar o nome das galescolas para convertelas en galiñas azuis, bautizo a medio camiño entre o insulto e a parvada.

Pero cales eran os símbolos que o Goberno de Feijóo viuse obrigado a derrubar para impedir que as crianzas saísen de clase pedindo documentais sobre Moncho Reboiras en vez de Shin Chan ou o canal Disney? Pois tres: que se falara galego; que o logotipo tivese unha bandeira galega (sen estrela nin aditivo ningún) e que os centros chamáranse cun diminutivo –galescolas– que simplemente significa escolas de Galicia. Ou sexa, que este ensino estaba politizado porque é de Galicia e así o di. Será que o normal para o PP é agochar a galeguidade.

“Iso das bandeiras no mandilón non me parece correcto”, dixo Feijóo sobre os colexios infantís creados polo bipartito. Dado que a que aparecía nos uniformes dos rapaces era a galega, non semella complicado entender que o que lle molesta é a propia bandeira cando loce soa, o que fai deducir que pronto desaparecerá a inmensa que ondea, sen acompañamento e moi digna, sobre o teito de San Caetano. Como é posible que un Goberno desprece o seu propio maior sinal de identidade, que ademais é común e non pertence a ningún partido? Pois é posible cando non se cre en Galicia como tal. Non hai outra.

As escolas públicas infantís xa non son galegas, son galiñas. E de galiña póñense os pelos cando se pensa no trastorno que lle fai pensar a alguén que unha casiña cunha bandeira é algo politizado pero o legado de Castelao non. Pobres, deben ter a gripe aviar.

2 comentarios:

  1. Xa volviches?? aver como remata isto, con galiñas azuis, ou "gallinas azules"

    ResponderEliminar
  2. Esta é outra demostración máis de que a Xunta pilotada por Feijoo vai gobernando mirando unicamente cara o retrovisor. Unha mágoa.

    (Eu xa propuxen tamén unha alternativa á pita choca no meu post do día 20, pero ainda non me chamaron da Consellería. Vese que non lles debeu parecer ben tampouco...)

    ResponderEliminar