Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/05/09

Na lingua vivimos

In languages we live. Voices of the world é o título dun interesante documental de Canal Historia que trata a problemática actual de moitas linguas minoritarias en camiño de extinción. Foi traducido a español por “Sobre el origen de las lenguas”, deixando de lado na tradución o significado inglés da expresión, na lingua vivimos. É un filme danés e inglés sobre máis de 20 linguas. Para reflexionar.




Vía

Unha puta percorre Europa


Si, xa sei, é a segunda vez que falamos dela. A primeira, foi a miña amiga Rosa quen se prestou amablemente a colaborar e ofreceunos a súa lectura. Agora, despois de seguir o seu consello e decidir que fose a última? novela escollida para o club de lectura, son eu quen quero recomendárvola, porque creo que paga a pena a súa lectura, porque é do melloriño que podemos ler.
Gustoume moito. É áxil, fresca e reflexiva, espida de artificios e retoricismos. E estou segura de que na reunión do club poderán, grazas a ela, saír moitos temas sobre a muller, que era -ao fin e ao cabo- o que eu pretendía. Porque fala dunha sociedade patriarcal, da prostitución consentida social e politicamente, de se esta debe ilegalizarse, do papel da muller na política, nos medios de comunicación... en definitiva, da situación da muller na nosa sociedade enmarcada nun ambiente próximo e nun espazo coñecido. Magnífica.

Vía Revolucionaria

Inesquecible: Vía Revolucionaria de Richard Yates é unha lectura triste e apaixoante, unha novela que engancha desde a crítica a un sistema de vida baleiro e absurdo no que tod@s estamos inmers@s. Revivida grazas á súa adaptación cinematográfica (que aínda non vin), é unha obra mestra publicada en 1961.
Desoladora, angustiosa e brillante. Fálanos dunha familia normal dos anos 50 estadounidense, unha familia que reflectirá a soidade, a monotonía, a traizón, a perda das ilusións, os soños nunca alcanzados. Poucos personaxes dentro dunha trama na que a tensión non decae: somos incapaces de deixar de ler, aínda que intuímos o final, temémolo mesmo. Porque este non deixa de ser un argumento máis para tentar fuxir dunha realidade social que é quen de nos envolver en determinadas circunstancias. Guste ou non nos guste, a crueldade e a cegueira terá que nos servir de espellos de nós mesmos, das nosas frustracións e dos nosos anceios.
A derrota da civilización.
Sen esperanzas.



Las calles de arena

Absolutamente alucinante este cómic, Las calles de arena, de Paco Roca, autor de Arrugas, cómic do que xa falamos anteriormente. Nada teñen que ver ambas obras, agás o autor, e o medo á vellice, quen lle dá agora unha volta de rosca a Alicia no país das marabillas para nos presentar un mundo do que o protagonista, o home sen nome, non é quen de saír, e onde todos os personaxes xiran arredor dos seus propios medos. Deixando paso en moitas ocasións a que sexan os debuxos os que falen, estamos ante unha narración entretida que fala do inefable paso do tempo, nunha incongruencia da que non se pode saír porque o absurdo da realidade atrápate de tal xeito que nunca poderemos fuxir dela. As rúas de area estarán habitadas por medos, polo medo a perdernos, polo medo á morte, polo medo ás relacións, polo medo a envellecer... adobiadas con alusións literarias e herdadas do realismo máxico, do surrealismo e do teatro do absurdo.
Unha obra que non vos deixará indiferentes e que vos recomendo sen ningún tipo de dúbida.




30/05/09

A lingua do máis débil

Texto de Yolanda Castaño:

QUERO APRENDER a lingua do máis débil. A outra xa ma chantarán na carne con agullas, xa ma inocularán coma vacina obrigatoria, xa ma meterán na boca sen facer preguntas, xa ma enquistarán entre as febras dos músculos sen apenas darme conta. Irá nunha pílula imperiosa que fará niño nos estómagos, revestida de placebo. Química ilusoria, tragaráse con auga e fará sentir a todos ben.

Quero aprender a lingua do máis débil. As outras xa mas colocarán diante das pupilas, tan en primeiro plano que será imposible enfocar os lindes, ocuparano todo de tal xeito que non haberá sitio para máis, acabarei por confundir o que prefiro co único que os meus ollos podan ver.

Quero aprender a lingua do meu irmán máis débil. As outras xa me saltarán ao camiño cada vez que poña un pé fóra da casa: para ofrecerme un negocio ou para bater en min, para servirse de min ou para venderme traxes novos cos que me sinta importante; para que eu bata nos outros ou para ofrecerlles un negocio, para que poda servirme deles ou me compren un traxe co que se sintan importantes.

Quero aprender a lingua máis débil do meu territorio. A outra xa levará o abono máis potente, xa chuchará do mellor estrume e haberán arrincarlle as malas herbas cunha constancia non pedida, xa lle poñerán unha manta de plástico para que non pase frío e medre forte, máis forte aínda do que a súa semente. Movidos polo seu verdor, os traballos do campo trocarán de rutina en xesto espontáneo, de disciplina en instinto.

Quero aprender a lingua do meu irmán máis débil. As outras xa terán os pés máis grandes, avanzarán rápido e esmagarán algún insecto ao camiñar. As outras xa chegarán sempre máis cedo sen tanto esforzo, incorporaranlle un motor pola noite e dará xenio velas correr, ao día seguinte.

Quero aprender a lingua do máis débil. A outra xa ma pegarán no lombo cando non me decate, xa darei contra ela cando quera fuxir, xa baterei con ela ao dobrar cada esquina, xa medrará coma fungos nos recantos, instalarase nos meus balcóns sen case abrirllos, deglutiráa o meu corpo sen apenas decidilo, desembarcará con bandeiras das nosas cores favoritas e, sen apenas un conflicto, fará parte da paisaxe. Tan baril e tan presente, tan solícita e disposta que apenas repararemos nos que estaban de antes. Coma se libremente decidísemos, coma se de veras desexásemos o máis forte que hai, o único que hai.

Quero aprender a lingua do máis débil.

Pola antiga China

Esta é unha famosa pintura existente en Shanghai. O cadro foi pintado entre 1085-1145 durante a Dinastía Cançao do Norte e repintado durante a Dinastía Quing. Mide 5,25 metros de ancho por 24,80 de alto.
O traballo multimedia permite percorrer o cadro de esquerda a dereita. Cando aparece un cadro branco ou vermello debedes premer nel e aparecerá unha animación coas personaxes en movemento.
Así de fácil: preme nesta foto e... a percorrer un novo mundo!!!








Esixe Dignidade

Nova campaña de Amnistía Internacional: "Esixe dignidade", unha campaña para denunciar os vínculos entre a pobreza e as violacións de dereitos humanos. A pobreza non é inevitable.
Se os teus ingresos son de un ou dous dólares ao día dinche que es pobre, pero os teus dereitos poden ser incluso menos aínda que ninguén se moleste en calculalos. Non tes dereito á vivenda, porque bótante á forza de onde viviches sempre para que unha multinacional explote os recursos naturais. Non tes dereito á saúde, porque o teu bebé morre por unha pequena complicación no parto. Os teus fillos e fillas non teñen dereito á educación porque non poden ir á escola...

Poesía última de amor e enfermidade


Hoxe é Marta Nercellas quen fala:

Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas

Este poemario gustoume moito, xa que aínda non sentindo o mesmo có autor, transmite a sensación de querer que a súa enfermidade acabase con el, por non ter polo que loitar, nótase certa confusión entre esa morte xa desexada e as ganas de vivir para poder sentir de novo razóns polas que enfrontarse á enfermidade e seguir adiante.
Os poemas tratan todos os mesmos temas pero de xeito diferente, facendo que a lectura sexa amena e con moitas sensacións.

De Joaquin Baldwin

Fermosas animacións deste autor con futuro. Esta chámase Sebastian’s Voodoo, primeiro premio do Cannes Short Film Corner:



Como están todas tan ben, deixamos que sexades vós quen escolla a máis bonita. Supoñemos que Bolbor, que anda moi calado ultimamente, escollerá a segunda delas.

29/05/09

Con humor


Vía

Outro pasiño, que ben nos cómpre


Científicos galegos no exterior fan público un manifesto en defensa da lingua

Nove destacados investigadores, vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), dan un paso adiante para rebater prexuízos lingüísticos.

O forte debate sobre a normalización lingüística que se está a dar no noso país nos últimos meses trascende as nosas fronteiras. Un grupo de nove científicos galegos vinculados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (un dos máis prestixiosos do mundo) acaba de dar un importante (polo seu simbolismo) paso adiante en defensa da lingua do país. Nun manifesto que remiten a Vieiros subliñan que, contra o que sosteñen algúns, o galego é un idioma plenamente válido para a investigación científica.

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN:

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutiu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.


A cámara vivente

Unha interesante reportaxe sobre Stephen Wilshire, "savant" cunha habilidade moi especial: chámanlle a "cámara vivente". Cando tiña só 11 anos debuxou unha perfecta vista de Londres despois dun só voo en helicóptero. Neste vídeo vemos como despois de sobrevoar Roma 45 minutos en helicóptero é quen de debuxala de memoria sobre un papel de 5 metros cadrados con exactitude óptica: garda a proporción e a perspectiva de todo.
A cuestión que se plantexan é: a medida que adquire habilidades sociais perderá estoutras habilidades? Moi, moi interesante.




Vía La Huella Digital

28/05/09

Visita de Singala

Dentro das actividades do Mes das Letras Galegas enmárcase a visita de Manuel Núñez Singala -autor de, entre outras, Comedia bífida, obra de teatro que o ano pasado vimos na nosa vila e libro que foi lectura obrigada en 3º de ESO- hoxe para o alumnado de 3º de ESO e 1º de Bacharelato. Nestes tempos máis ca nunca cómpre falarmos de Sociolingüística e de prexuízos. Cunha exposición clara e amena, coa que nos introducía en diferentes prexuízos que nada teñen que ver coa linga, chegamos á resposta de diferentes cuestións que ameazan a estabilidade da nosa lingua.



Debemos agradecer novamente á editorial Galaxia a súa axuda e preocupación por que o noso centro sexa un lugar onde tantos escritores deixan a súa pegada.

Os lobos de Moeche

Manuel Cráneo escribe Os lobos de Moeche, última miña lectura de banda deseñada, unha historia de aventuras que transcorre a finais do século XV e que mestura personaxes históricos con outros de ficción nunha trama onde se producen varios saltos no tempo e que está salpicada de dramatismo, violencia e profundos sentimentos. De trasfondo, a guerras irmandiñas tema nunca antes tratado en novela gráfica. Ben trazada e narrada aínda que con erros lingüísiticos, fálanos da imposibilidade de loitar contra unha nobreza cruel e sanguinaria que tiña todo o poder naqueles tempos. Ao mesmo tempo, un alegato contra as guerras e a sede de vinganza que nada solucionan. Moi boa calidade de papel e debuxos con cores escuras que resaltan a trama. Un bo conxunto: recomendable. E en galego!!!
Este é o teaser:

OS LOBOS DE MOECHE TEASER HD from luispa on Vimeo.

The oter kids castle

Simpáticas animacións de Pierre Luc Granjon:



Vía Recogedor

27/05/09

Discurso de Serrat

Este é un fragmento do discurso de Joan Manuel Serrat ao recibir o Doutoramento Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid:

Slavoj Žižek e nós

Artigo de David Rodríguez en Vieiros:

Slavoj Žižek e nós (ou por que estamos a perder a batalla do idioma)

Os dous conceptos que esgrimen a cotío aqueles que queren dar morte á nosa lingua son, paradoxalmente, o da "Liberdade" e o da "Non Imposición". Cada un deles, sen verse referidos a unha realidade ou contexto concreto, representan, respectivamente, un anhelo e un rexeitamento que calquera persoa podería asumir coma propios. O que cómpre analizar é por que medra entre nós a sensación de que o sentido parcial que os inimigos do galego dan a estes dous termos ("Liberdade" en tanto que capacidade individual para escoller a lingua no sistema educativo e "Non Imposición" en tanto que rexeitamento a toda intervención administrativa neste ámbito) callaron na sociedade galega até o punto de que en calquera conversa informal desenvolvida nas nosas relacións cotiás, todo o mundo parece relacionalos coa manipuladora carga semántica que, até non hai tanto, era específica, exclusivamente, dunha parte reducida da sociedade. Tentar comprender mellor este fenómeno é o propósito deste artigo.

No epígrafe La hegemonia y sus síntomas que inicia o libro de Slavoj Žižek En defensa de la intolerancia (Sequitur, 2009) podemos ler algunhas reflexións que nos han ser útiles. A primeira delas expón de xeito teórico o fenómeno de substitución ao que me refería máis arriba: «Cualquier concepto ideológico de apariencia o alcance universal puede ser hegemonizado por un contenido específico que acaba “ocupando” esa universalidad y sosteniendo su eficacia». Para explicalo, Žižek recurre á figura construída pola dereita norteamericana da “Raiña da beneficiencia”. O goberno Reagan utilizou esta caricatura —a nai solteira, negra e de clase baixa que, en lugar de loitar por mellorar a súa posición, se aproveitaba dos servizos sociais pagados polos sufridos contribuíntes americanos— para xustificar as políticas de supresión do Estado Social. Aproveitando unha serie de asociacións nada inocentes (nai solteira=conducta desordenada; recepción de subsidios=nugalla; impostos=fraude aos traballadores honrados) e engadindo estas aos prexuízos raciais que a maioría branca dese país sempre padeceu, conseguiuse crear unha ficción ideolóxica eficaz «para traducir la abstracta y vacía noción universal en una noción que queda reflejada en, y puede aplicarse directamente a, nuestra “experiencia concreta”»; isto é, Reagan encheu o concepto abstracto e comunicativamente disfuncional de Derroche [do Welfarestate] co moi concreto contido da afroamericana parasita vaga e irresponsable que o seu electorado podía imaxinar —e despois transmitir— de forma moito máis nítida.

«La lucha por la hegemonía ideológico-política —continúa Žižek— es, por tanto, siempre unha lucha por la apropiación de aquellos conceptos que son vividos “espontáneamente” como “apolíticos”, porque trascienden los confines de la política”». No noso caso: cando a ultradereita española teima coa liberdade e a imposición está a empregar dous conceptos que non só son vividos coma non-ideolóxicos —no sentido de non parciais, de universais— senón que ambos ("Liberdade" e "Non Imposición" son expresión do que Žižek chama «aspiracións utópicas» positivas inscritas no imaxinario da xente. Valéndose delas —pois as «ideas dominantes no son nunca directamente las ideas de la clase dominante»— conseguen inocularlles, até lograr facelas indistinguibles, o contido específico, este si ideolóxico, de liberdade en tanto que “liberdade-do-neno-de pais-demócratas-e-cosmopolitas-que-buscan-afanosamente-o-mellor-para-o-seu-fillo” e de imposición en tanto que “imposición-dos-ubicuos-nacionalistas-minoritarios-antidemocráticos-esencialistas-e-pailáns-cuxo-poder-de-influencia-é-excesivo-en-relación-aos-seus-votos”. Que estas narracións imaxinarias do neno castelán-falante indefenso ante unha lingua inservible e opresora e a do funcionario ao servizo dunha minoría radical teñan calado tanto non é un asunto menor, xa que «esta concrección fantasmática —e aquí Žižek revela unha verdade importante— no es mera ilustración o anecdótica ejemplificación: es nada menos que el proceso mediante el cual un contenido particular acaba revistiendo el valor de lo “típico”: el proceso en el que se ganan, o pierden, las batallas ideológicas». E tanto ten que a situación de marxinación do castelán sexa falsa, tanto ten que a práctica totalidade dos medios de comunicación estean escritos naquela lingua, tanto ten que os datos sociolingüísticos estean denunciando invariablemente o esmorecemento do número de galegofalantes, tanto ten que a inmensa maioría dos funcionarios deste país atendan, nunha porcentaxe esmagante, en castelán; en definitiva, tanto teñen as razóns obxectivas que poidamos argumentar porque cando nos movemos no mundo da fantasía, a realidade é secundaria. Así, mentres sigamos utilizando unicamente as armas do discurso abstracto-racional (pois o relato dos galegófobos é xa hexemónico) as nosas teses nunca van avanzar.

E como consegue un contido particular desprazar a outro contido até ocupar o seu lugar? A esta pregunta responde Žižek botando man da idea de “Lexibilidade”. Así, o concepto ou grupo de conceptos que ha trunfar na loita será aquel que mellor saiba plasmar nun discurso coherente as experiencias de vida da xente (Un exemplo? Nos anos trinta o discurso do nazismo gañou a batalla ao da esquerda á hora de dar unha saída ás lóxicas preocupacións económicas das persoas creando un chibo expiatorio, o do xudeu-capitalista). E ademais, dinos Žižek, «la “legibilidad” no implica sólo una relación entre una infinidad de narraciones y/o descripciones en conflicto con una realidad extra-discursiva, relación en la que se acaba imponiendo la narración que mejor “se ajuste” a la realidad, sino que la relación es circular y autoreferencial: la narración pre-determina nuestra percepción de la realidad». O que quere dicir que non hai unha realidade fixa e inamovible que deba ser desvelada polas narracións en litixio, senón que a propia presenza destas narracións —debido ao seu caracter performativo— muda a visión da propia realidade.

Que facer, en definitiva, para podermos construír un discurso lingüístico alternativo ao hexemónico? Desde logo, cumpriría non gastar os nosos esforzos en denunciar todos e cada un dos ámbitos sociais nos que —a priori e sen aclarar onde, como, cando e contra quen— se conculca un dereito abstracto a empregar o galego cunha normalidade abstracta e a un falante abstracto. Dediquémonos mellor á denuncia de casos concretos protagonizados por persoas concretas até conseguir introducir no imaxinario colectivo un perfil facilmente identificable —e trasnmisible— do oprimido e do opresor lingüístico. Procuremos que se nos identifique con «aspiracións utópicas» como a do Dereito ao Recoñecemento, o Respecto, a Xustiza, ou calquera outra que se nos ocorra, e fagamos por asociar aos nosos adversarios con aquelas ideas (Desprezo pola cultura, Prepotencia, Chulería, Elitismo, etc.) que o común das persoas penaliza inconscientemente. Iso si, que cada unha destas ideas apareza sempre vencellada a un caso preciso. A unha narración. Porque nós, a diferenza deles, non necesitamos mentir, temos milleiros de historias verdadeiras extraídas directamente da rúa que contar. Deamos a coñecer as historias, os rostros e os nomes que se agachan detrás de cada marxinación até que algún deses nomes, deses rostros e desas historias sexa quen de activar o dispositivo que as transforme en metáfora de todas as demais. Entón axitémola sen acougo, exhibámola até o aburrimento, fagamos dela un símbolo. Machaconamente. Sistematicamente. Disciplinadamente. Sexamos entón inflexibles. E Intolerantes. Coma propón Žižek.


Tetas que non falten

Lembrades que hai un tempo colgamos un anuncio dunha lavadora no que só se vían tetas? Vaia, que no sabiamos o que anunciaba.
Mirade agora estes tres: outubro do 2008, novembro do 2008, febreiro do 2009. Está claro que a idea gustoulles e decidiron explotala. Porque iso si, as tetas intúense boas, as mozas magníficas, os homes quedan pampos... Quen dá máis? Porque estes seguros (os que están debaixo das tetas, maxino!) son os que mellores condicións ofrecen. Quédanos claro, verdade? E se non, que llo pregunten ao tío que conduce do terceiro anuncio.
Sen compromisos.







Ah! Anuncian seguros, non chicles!!! É todo tan elástico...

26/05/09

Din que son as mellores

Outra desas presentacións que nos falan das mellores fotos que circulan pola arañeira:

Harmonía

Outra de publicidade:

Petite morte

Orixinal anuncio con poucos recursos e unha moi boa idea: desenvolver a tipografía. Paréceme magnífico. Sobre todo achegándose a este tema.

25/05/09

A inmersión Lingüística

Rescato este texto desde Arume dos piñeiros:

O español non é unha Lingua Franca en ningún país do mundo (se exceptuamos, quizais, Andorra). En Europa e no mundo, ese papel correspóndelle ao inglés que ademais de ter moitos falantes como primeira lingua, é a segunda lingua en moitos outros. A medio prazo serao en todo o mundo. Tamén o francés é Lingua Franca, nomeadamente en África.

O español non xoga ese papel en sitio ningún: tén millóns de falantes e é primeira lingua en moitos países pero non é Lingua Franca . A súa importancia como lingua de comunicación internacional está sobrevalorada e é, sobre todo, un asunto de consumo interno.

Na UE non pasa de un cuarto posto no ránking, a anos luz do inglés, e tivo serias dificultades para ser considerada lingua de traballo. En número de falantes está incluso por debaixo do italiano. (En Europa non ten moito peso o argumento dos falantes latinoamericanos). Por esta razón, cada vez ten máis predicamento a aprendizaxe de linguas estranxeiras entre nós.

Moitos países europeos (países pequenos con sistemas educativos avanzados) xa hai tempo que aplican a inmersión lingüística en inglés para conseguir un dominio pleno nesta lingua por parte de toda a poboación. Calquera adolescente sueco ou finés desenvólvese perfectamente nela. O sistema de inmersión consiste en dar unha boa parte das asignaturas na lingua escollida (e non só a materia específica). Así, en inglés poderíanse dar asignaturas como matemáticas, física, Hª da arte, etc. Todos os gobernos europeos empezan a ver os beneficios deste sistema e xa falan del abertamente. O goberno español, tamén. Incluso os partidos da oposición (Rajoy dixo claramente que o útil para os rapaces sería estudar inglés e deixarse de andrómenas)

En Galicia déronse os primeiros pasos coas Sección Europeas que consisten en crear grupos de alumnado cun bo nivel académico que reciben algunhas das súas aulas na lingua estranxeira escollida. Polo momento, é un sistema moi precario, que se basea na boa disposición dos docentes que teñen algún dominio desa lingua, co apoio do departamento correspondente e tendo carácter voluntario para todos: profesores e alumnos. Sería, pois, unha pseudoinmersión, parcial e moi limitada. Se (como se pretende) nun futuro, os docentes de distintas áreas, acadasen un dominio pleno nunha lingua extranxeira, estaríase en condicións de planificar e levar a cabo a inmersión plena e total.

E todo isto, a que vén?

Pois a que, neste intre se está a debater en Galicia o tema lingüístico e a comenencia ou non de cursar en galego unha parte das materias. Discútese se os pais teñen que decidir e opinar sobre o propio sistema educativo e se todo isto é un asunto de libertade individual, etc. O que parece evidente é que o tema se utilizou, de xeito irresponsable, na confrontación política e iso conseguiu meternos a todos nun sarillo do que non se sabe como saír. Vendo algunhas das declaracións últimas dos responsables políticos na materia, moito me temo que a cousa rematará por enlearse aínda máis e traerá consecuencias moi negativas para o país.

Sabe o conselleiro de educación algo deste tema? E o presidente? Témome que non! As políticas que se anuncian (se en realidade se levan á práctica) rematarán no enfrentamento e no caos.

Como é posible que se acepte como necesario en toda Europa (en España tamén) o procedemento de inmersión lingüística nunha lingua estranxeira e ese mesmo sistema se lle nega ao galego?

Os pais de Galicia Bilíngüe negaranse tamén a que os seus fillos “sufran” a inmersión nunha lingua europea non coñecida? Se isto se levase a cabo, os resultados académicos veríanse gravemente afectados como din que pasa co galego? Están os pais en condicións de decidir sobre estas cousas? Como é posible que haxa xa colexios privados de elite e liceos estranxeiros que ofertan como un valor engadido na formación a inmersión lingüística? É que só o galego representa un hándicap na formación dos nosos rapaces e rapazas?

A ninguén lle importa que o galego sexa unha lingua milenaria na que se desenvolveu a maior parte da cultura do país, plenamente viva e en condicións de seguír ofrecendo sustento á arte, á ciencia e á comunicación? A ninguén lle importa que sexa, con moito, a parte máis importante do noso patrimonio?

Que se esquezan de conseguír os seus fins os que soñen cun sistema educativo moderno, aberto e plurilingüe e que, ao mesmo tempo, prescinda do galego, un IDIOMA PROPIO E OFICIAL DE GALICIA. Non sería viable, nin xusto, nin democrático!

Sería antepoñer a barbarie á razón.

X. G.


Isto si que era un bo contrato

Mudan os tempos. Estes contratos xa non se ven hoxe en día (vale, con tanto paro, vense poucos contratos!!!):




Can con sorte

Porque os hai bos de verdade:

video

Medo a Internet

Campaña da International Society for Human Rights.







Vía Capítulo 0

24/05/09

Poden elixir os pais a lingua no ensino?

Desde Mil primaveras:


Luís Villares, xuíz e coautor do Estatuto xurídico da lingua galega, cuestiona desde diferentes puntos os plans da Xunta. En 1994 o Tribunal Constitucional pronunciouse sobre a lei de normalización lingüística de Cataluña e deixou claro -resalta- que os pais non teñen dereito a elexir a lingua do ensino.

"Esa facultade correspóndelle só ao poder público". O feito de que quixese descargar nos pais a responsabilidade de determinar cal é a lingua vehicular do ensino sería unha abdicación dunha función que lle corresponde legal e constitucionalmente, e xa que logo, sería ilexítimo"

O xuíz é crítico ademai co modo en que se está emplegando o término libertade en todo este asunto. "Para que haxa liberdade de escolla ten que haber igualdade de condicións das linguas, e esa non é a situación que temos hoxe. E o que ten que facer a escola é precisamente prepararte para poder escoller"..

Ese papel obriga o Governo a unha protección especial do galego, engade. É así porque ten a obriga de fomentar a lingua que está en condicións sociolingüísticas desfavorables, tal e como contempla a Lei de Normalización Lingüística (1983), que é en sí unha asunción do poder lexislativo de que o galego está en desventaxa.

A obriga tamén reside no artígo 9.2 da Carta Magna, que lle obriga a promover as condicións para que "a libertade e a igualdade do individuo e dos grupos" sexan reais.

Máis do 50%, é lícito

Por iso -valora- a posibilidad de que máis de 50% do currículo se imparta en galego que recolle o decreto do bipartito é lícita, dacordo col principio da discriminación positiva para alcanzar a igualdade efectiva: "Para interpretar correctamente a lei temos que ter en conta os datos sociolingüísticos, que revelan unha perda progresiva de falantes e un ámbito raquítico no que o galego está normalizado. Todo o entramado social e desgaleguizador, e a única maneira que ten o poder público de neutralizalo é garantindo que no ensino se adquira unha maior competencia en galego".

O Tribunal Constitucional determinou ademais nos 80 que as leis de normalización deben ser de aplicación gradual e progresiva. "E iso obriga a que se vaia de menos a máis, e cun horizonte definido, nunca unha política de normalización regresiva", recalca el experto.

Facer o contrario, como parece agora pretender a Xunta de Galicia, iría en contra "da letra e o espírito" da Lei de Normalización, pero tamén da Carta Europea das Linguas Minoritarias, un tratado internacional que España debe cumprir, e que reza que a ensino terá que ser vehiculizado na lingua minorizada.


Hilos

Despois de ler Matar a Platón quedoume curiosidade por coñecer máis poemas desta autora, Chantal Maillard. E así cheguei a Hilos, o seu último poemario. Unha poesía difícil e fermosa, lampexos soltos unidos por fíos invisibles que conforman o noso ser. A autora cuestiona a linguaxe, interrogándose sobre a súa descomposición, e intuíndo que o "eu" está precisamente nela.
Realmente, dous son os poemarios, Hilos e Cual, aínda que ambos conforman unha unidade. Esta vén da tensión de sentir e sentirse. O eu esvaécese pouco a pouco, estrañado, confundido, ofuscado e ata canso. A autora indaga e realiza poesía filosófica para que o eu busque razóns para vivir. As palabras esparéxense e flúen, necesitadas por si mesmas e polo noso afán de utilizalas. Porque os corpos deterióranse e aínda así queremos seguir vivindo.
Lela é unha pasada.

Volver a las palabras.
creer en ellas. Poco. Sólo
un poco lo bastante
como para salir a flote y coger aire
y así poder aguantar, luego,

en el fondo.

Volver a las palabras. Con
voluntad de sentido.
Boqueando. Pez en la orilla
común de los creyentes.

Volver. Decir superficie. Escribirla.


Me pedís palabras que consuelan,
palabras que os confirmen
vuestras ansias profundas
y os libren
de angustias permanentes.
Pero yo ya no tengo
palabras de este género.

Aceptad mi silencio: lo mejor
de mí. Huid del soplo que pronuncia,
en mi boca,
la amarga condición de lo humano.
Y, entretanto, dejadme contemplar
el vuelo de la ropa
tendida en las ventanas.


Irremediable.
Escribir irremediable.
Buscando remedio.
Con esa intención. Pero lo
irremediable no es remediable.

O sólo mientras se escribe. La
palabra irremediable no es lo
irremediable. Aunque, una vez
escrita, sea irremediable. Así
pues, escribir remediable. Lo es
mientras se escribe.

Después, caer al adentro. Donde
lo irremediable
paraliza.




Rematou a Feira do Libro

Entre as actividades que realizamos este mes de maio co gallo das Letras Galegas estivo a Feira do Libro, (xa vos ensinamos o cartaz) aderezada coas caixas de medicinas e receitas das que xa vos falamos, e cun tendal que reflectía aqueles libros que deixaron algún tipo de pegada no noso alumnado e que este quería recomendar.
Pero as actividades non remataron. Quedan aínda as charlas de Sociolingüística, das que xa falaremos.
Grazas por colaborar e a quen quixo achegarse á lectura na nosa lingua, que este ano foron máis ca nunca.

O Paraugas contra o Apartheid

Artigo de Manuel Rivas:

Disque en Santiago a chuvia é arte. O que é arte son os paraugas. Os paraugas cando combinan e marchan por Compostela. Esvaeceuse na turbulencia histórica o soño dun gran Partido Galeguista. Mais o que temos nestes limiares convulsos do século XXI e unha magnífica ferramenta cívica de marca PG: o Paraugas Galego. Ou o Parachuvias de Galicia.

-E vostede de que partido é?

-Eu non son de partido. Son do Parachuvias de Galicia!

Velaí as dúas máis grandes 'performances' de saudade vangardista na historia da arte universal. O 1 de decembro do 2002, o día do Nunca Máis, centos de miles de paraugas ateigaron as rúas as prazas todas. O temporal tiña o xeito dunha catástrofe ecolóxica agravada polo desleixo político e a cobiza delincuente. O 17 de maio do 2009, outra chea de paraugas fixo levitar Compostela. Desta vez a metáfora do temporal é unha ameaza de seca para o idioma nacido en berce galego, de prexudicar o medio ambiente no que se desenvolve a lingua galega. Se cadra por iso choveu tanto en Compostela. Polo medo á seca. E por iso había tantos paraugas. Para comunicarse. Para ter conta das palabras. É unha misión que Elias Canetti atribuíu aos escritores: ser custodia das palabras. Mais en Galicia esa función fanna os paraugas.

En primeiro lugar, os paraugas galegos adoitan ser competentes, mesmo hainos co alcume de 'sete parroquias', para albergar alomenos unha parella, unha familia ou unha asociación. Son, pois, fogares en marcha. Que outra cousa é a verdadeira cultura? Por outra banda, os paraugas galegos comunícanse e convócanse entre si ao emitiren un ultrasón en morse de chuvia que repica. E ademais, o Paraugas Galego, esa converxencia de paraugueiros ceibes, comunica Galicia co planeta. É un agrupamento de pequenos satélites, co seu xeito parabólico. Así pasou no 2002. E, en certa medida, volveu a pasar este domingo 17 de maio. Despois da manifestación na Quintana, chamou unha amiga de Arxentina e o primeiro que me dixo foi: "Che, viste! Acabamos de verlo acá, en la televisión. Eran miles de paraguas!".

'Eran miles de paraguas!' Non é para emocionarse? Un pacífico xentío alzado alegremente con paraugas! Espectadores no planeta, na China, en Canadá ou no Irán, co ollar enfexo ante a revolta ética e estética do Paraugas Galego. As Irmandades da Fala definiron Galicia como "célula de universalidade". Pois hai días que a célula é un paraugas. Un paraugas de universalidade. Dixeron que habería vinte mil persoas, os da policía local. Home, haber habería vinte mil paraugas. Caendo como caía a chuzos, debaixo de cada paraugas ía polo menos un cuarteto. En Galicia hai que estabelecer o índice pluviométrico para medir as multitudes. Un plus de mollados. Agora que hai tanta gratificación, que o goberno subvenciona a compra de furgonas novas, pois poderían aboar o importe dun paraugas por galego que se molla. Pola ganga de dez euros, non se merca un ben útil, senón tamén un símbolo vivo da liberdade galega. Para cando os xornais, que reparten toda clase de atípicos, levarán o agasallo dun paraugas co seu exemplar do domingo?

Hai moi diferentes respostas a un temporal. Mesmo hai quen non o quere ver, o temporal. Ou quen di que abre o sol cando o ceo tolda. No noso acervo, hai un proverbio durísimo que expresa con escatolóxica claridade o que dende Hegel se chama alienación ou negación do real: "Mexan por nós e dicimos que chove". Nunca entendín moi ben porque hai xente que ri o dito como se fose da familia das brincadeiras, ai que irónicos somos!, que relativismo!, etcétera, etcétera, cando é unha denuncia directa aos miolos conformistas. Para min humor, fina retranca, sutil pensamento heterodoxo, haino nestoutro ferrete que semella ter nacido do caletre popular como aforismo crítico para definir o tipo de político e xornalista que agora andan moi farrucos polos nosos eidos: "Por cada verdade que di cáelle un dente e aínda os ten todos".

Xa temos, pois, dous aforismos complementarios que resumen un tempo. Un, o do mexo, que expresa o mecanismo de interiorización da tradición servil. E outro, o da dentadura perfecta, que apunta á fabricación das trolas que alimentan esa tradición. Tradicións hai moitas, e o presente de cada día tamén é un pretérito futuro onde se dilucida que tradición pode ser dominante ou inspiradora. Hai tradición mexona e hai tradición de auga limpa. Hai tradicións que feden e hainas que dan vida, que fertilizan a historia. O paraugas está dende hai moito tempo presente na nosa iconografía. Hai moito paraugas nas viñetas de Castelao. E hai paraugas máxicos na imaxinación de Cunqueiro. Mais é agora cando se está a crear unha tradición liberadora e solidaria co Paraugas Galego. Un pretérito de futuro paraugueiro.

Co ocorrido nas pasadas eleccións, volveu a retomarse o tópico da Galicia de xeoloxía política conservadora. Despois do sismo que abrira á porta a un cambio progresista, produciuse un movemento á contra e as pedras asentaron onde estaban. Moitos comentaristas e analistas respiraron confortados. Non porque en Galicia gañase a dereita, senón porque así non tiñan que facer fronte á rareza de que en Galicia gobernase unha rara coalición de esquerda e de nacionalistas rabudos. A situación en Galicia, dende os dez días que fixeron abanear a Aznar e chimparon a Fraga, esixía unha análise complexa. E non estamos para análises complexas. Imos ver. Cantos caracteres e cantos píxeles se necesitan para analizar unha realidade complexa? Dez mil, vinte mil? Pois non pode ser. Non hai espazo nin tempo para tanto. Non é obriga do xornalista analizar unha realidade complexa. Pola contra, é obriga da realidade complexa o simplificarse. Agora xa andan contentes os analistas. Xa teñen outra vez Galicia metida no tópico.

Mais non andan pola rúa con paraugas para comprobar que a realidade é un ser mutante. E para detectar que a contabilidade electoral ten que asemellarse ao que Lester R. Brown chamou o "mercado honrado". É dicir, ten en conta en cada medida os custes humanos e ecolóxicos. Agora xa sabemos o que había detrás da gran trola da "imposición lingüística": o intento de estabelecer no ensino un réxime de segregación e 'apartheid' en función da lingua. Terá tamén o seu correlato no transporte público escolar? Irán no autobús a un lado os "negros" que falen galego e ao outro, os "brancos" que falen castelán? Haberá dous autobuses? Non son partidario de aconsellar lecturas. Que cada quen goberne o seu canon. Mais é urxente enviarlle a este goberno 'O factor humano', o libro que John Carlin escribiu sobre Nelson Mandela e a súa habelencia e intelixencia para unir un país e non para esgallalo. Antes, pois non dicían 'sexo', separación por 'saias' e 'pantalóns'. Agora, pola lingua, dividir a infancia e a mocidade dun país en cuartos separados. Velaí utilizando a Autonomía para isto. Que noxo, que fedor, que maldade!

Algo que parecía incríbel, pode ser certo. Así ocorre ás veces cos pesadelos. Hai xente que fabrica soños e haina que fabrica pesadelos. A que min a que me gusta é a que leva un paraugas.



23/05/09

Galego a lambetadas

Encantoume esta imaxe que descubrín graza ao Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Estaba neste blogue. Non me digades que non é fermoso!:



Non podía deixar de traela hoxe aquí porque onte lembreime dela repetidamente. Tiven que asistir a un acto relixioso nun colexio privado de Vigo: o panorama resultoume desolador. Non só pola hipocresía do ambiente, senón porque non fun quen de escoitar unha soa palabra na nosa lingua. O dito do "polbo nun garaxe": así estaba eu. Supoño que isto é a Galicia bilingüe que temos, sen necesidade de preconizala. O "máis granado" da cidade se daba alí cita, maxino, dando boa conta de traxes e lingua española. Lembrei tamén (o acto prolongouse unha boa hora) aquela invitación que nos fixeran desde a editorial Galaxia hai uns anos, no verán, a uns cantos profesores para falarmos de libros de texto, lectura e lingua; alí, despois de escoitar a outro profesorado das cidades, asegurei vivir nun oasis lingüístico. Agora dou fé unha vez máis. Lingüístico e emocional.

Tigre blanco

Coa procedencia deste libro, o resultado tiña que ser este. E é que o libro mo deixou "la Paramio", coa que coincido normalmente no que a gustos literarios se refire (entre outras cousas).
Tigre blanco
de Aravind Adiga, premio Man Booker 2008, retrata unha sociedade triste con sentido do humor. Con el viaxamos ao corazón da India, un país dividido polo sistema de castes, un lugar onde os seres humanos, ás veces, deben sacar o peor de si mesmos para sobrevivir, un sitio desolador moi afastado desa India idílica que nos retrata Bollywood. Unha realidade contundente cunha narración mordaz e ferinte, pero máis ca nada, exacta. Unha lectura que custa interromper, chea de sarcasmo e ironía que nos fala de falsos valores, de corrución extrema, de condicións de vida inhumanas, de diferenzas sociais, de cartos e de anceios. E o que máis chama a atención é, repito, ese sentido do humor que pulula nas liñas do texto, que nos fan afastar as bágoas que puideran xurdir ante o sórdido da situación, ante unha realidade cruel que normalmente preferimos esquecer.
Un libro máis que recomendábel que tod@s deberiamos ler para achegarnos á India de verdade.
Grazas, Luz, polo libro e pola recomendación.




Covas de Ajanta

Hai que ir aló, está claro:

Canciones del que no canta

Quixo a casualidade de que xustamente esta semana o meu libro de lectura poético fose este poemario de Mario Benedetti, Canciones del que no canta, que, por suposto, me deixou a miña alumna Andrea (grazas!). Teño que recoñecer que non me encantou, aínda que -coma adoita ocorrer cos poemas- sempre hai versos que chegan ata o fondo. E máis en pleno adeus ao autor. O bo que ten a sinxeleza deste autor é que pode reunir todos os temas nun poema sen apenas percatarte, deixar que a tristura entre e saia de túa alma sen loita aparente, e mesmo que algunha bágoa asome timidamente ao berce das nosas mans. Pode falar de fracaso, de morte, de vida, de soidade... e comprender que todas estas constitúen a nosa partitura particular que debemos vivir cada día. Porque a perda dos seres queridos connota sobre todo as claves deste pentagrama que debemos solventar. E el perdeu á súa muller, a quen lle dedica estes versos. Por iso escollo o derradeiro poema, o

Epílogo

Antes de su final inmerecido
Luz abrió por última vez sus ojos
y su mirada fue una despedida

nunca podré olvidar
esos ojos tan míos
resumiendo una vida
dando un amor postrero
mas o menos consciente
del temblor de mis manos

de ahora en adelante
aunque comparta el tiempo con cercanos
con los míos de siempre
y pregunte y responda y hasta ría
mi alma estará sola en su guarida
con su resignación involuntaria
rodeada de memorias imborrables
e insomnios invadidos de tristeza

y así una noche llegaré en silencio
al borde de mi último destino


22/05/09

Millergoodman

Divertida animación infantil:




Vía Recogedor

Saír do cárcere

Desde logo, a publicidade sempre nos sorprende:

video

O paxaro que trae a boa sorte

Xa sabedes que o ano pasado o noso club de lectura estivo dedicado integramente ao Sáhara. Este curso chegaron ata nós postais (grazas, As Mariñas) que tentan axudar a manter vivo o espírito do Bubisher. Agora hai aínda outro xeito de colaborar: seleccionaron a curta "O paxaro que trae a boa sorte" no Festival Actúa de Intermom Oxfam; podedes votar por el na web oficial: premede aquí. E ademais, tedes alí outras curtas tamén moi interesantes: recoméndovos sentar e velas todas.

EL PAJARO QUE TRAE LA BUENA SUERTE from Irene Bailo on Vimeo.



A educación é a clave para cambiar o destino das persoas máis desfavorecidas. Agardo que vexades as curtas e logo me comentedes.


Ataque real

Na primeira Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos (máximo órgano de "negociación" entre representantes dos empregados e empradas públicos cos responsables políticos da Xunta), chega a o primeiro ataque á lingua propia de Galiza.

O punto único da Orde do Día será a sua resposta á demostración cívica do domingo 17 de maio: Anteproxecto de Lei de reforma da Lei da Función Pública, polo que eliminan a mínima demostración de capacitación d@s empregad@s públic@s para atenderen en lingua galega aos cidadáns.


O feito de non esixir esta proba tamén deriva en que moitos funcionarios non teñan por que acreditar un coñecemento axeitado da lingua galega, e así poder atender á xente en galego cando esta sexa a lingua empregada polo administrado. Indo claramente en contra de poder garantir o dereito a sermos atendidos na nosa lingua.
De momento esta convocada unha concentración paro o venres 22, ás 11:30, na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), Compostela.

21/05/09

El maldito


A miña última lectura de banda deseñada foi esta: El maldito. Tres días muerto, de Cullen Bunn e Brian Hurtt. Un argumento non moi do meu gusto, pero recoñezo nel un trazo impecable: os escuros anos 20, coa lei seca e os gánsters, pero engadindo os demos. E que demos! O protagonista, Eddie, comeza baixo terra (si, entendedes ben: morto), pero a súa maldición permítelle volver á vida pasando as súas feridas a outra persoa. E como boa novela negra, o protagonista é un perdedor, pero, iso si, un perdedor valente. O que fai diferente ao cómic é que os capos sexan demos que comercian con almas; e non falo metaforicamente, é tal cal.
Os debuxos en branco e negro imprimen máis carácter a esta trama xa de por si, violenta. Creo que son moi bos, desde logo, con ese toque tan diferente que ten esta novela gráfica. Por iso vos digo: se buscades novela negra, non vos vai defraudar; se buscades mundos sobrenaturais, tampouco. Agora pensade que este cómic ten ambas cousas. E ben adaptadas graficamente.



A vida nuns instantes

Unha curta alucinante que amosa a vida dunha persoa nuns cantos pestanexos. Con 23 tomas e 42 segundos foi filmado para o festival Ondedreamrush, onde 42 autores foron invitados a amosar en 42 segundos os soños que os perseguen e inspiran.:


Last Day Dream [HD] from Chris Milk on Vimeo.



Vía Microsiervos

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.