Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/07/09

Les Ventres

Esta curta é un extracto tan só dunha curta máis longa de 18 minutos; esta que aquí vos deixo non chega aos 4 minutos. É de Philip Grammaticopoulos.




Vía Capítulo 0

Enquisas: resultados

Anxo Lorenzo, só, presentou os resultados das enquisas, para rematar coas seguintes palabras: "a enquisa reafirma o carácter bilingüe da sociedade galega". Bilingüismo, que non monolingüismo en castelán, como pretenden os mal chamados bilingües. Despois de tanto despropósito que tivemos que aturar estes meses, o último día antes das vacacións "oficiais", aproveitando que no ensino estamos a medio gas, ás présas e sen discusións, valoran uns resultados maioritarios dos centros privados. A saber por que.
Consultade aquí ou aquí as porcentaxes dadas.
E aquí, aquí, e aquí, diferentes valoracións.
Non deben, aínda así, andar moi contentos cos resultados, porque se fose doutro xeito, armarían máis barullo. A pesar de que todo o proceso foi unha auténtica vergoña, a opción de defender o galego non queda tan mal como temiamos. Pero a derogación do Decreto é un empeño deste novo goberno que levarán a cabo por riba do que sexa. Ata do sentido común.

León el Terrible

Non sei moi ben que dicirvos deste cómic. É algo tan... surrealista, un protagonista tan absurdo que non sei se podo asegurar se me gustou ou non.

León el terrible, que naceu en Holanda en 1976, de Wim T. Schippers e Theo Van Den Boogaard acode a uns mecanismos humorísticos clásicos e tremendamente bastos. Desde logo, non é unha lectura que pasa desapercibida, e as tiras creo que estilisticamente son boísimas; outra cousa é o humor, cun personaxe principal, León, que causa estragos vaia por onde vaia; peor que o "Rompetechos" de cando era pequena... porque xa na portada avisa que este é un cómic "Só para adultos": as relacións sexuais explícitas sucédense nas súas páxinas, así como os comentarios chocarreiros do protagonista. En fin, un libro rei do politicamente incorrecto, unha suma de humor do máis variopinto.

Se o ledes, xa me contaredes. Eu tratarei de me aclarar.


Carnet

Acabamos de nos apropiar desta idea marabillosa: presentármonos co carnet de afiliado das Irmandades da Fala asinado por Antón Vilar Ponte en 1917 para observar como Anxo Lorenzo, non o señor Conselleiro -ocupadísimo con outros asuntos?-, presenta os resultados das enquisas. Levaremos algunha sorpresa????????? Temo sabermos os resultados de antemán.



555 Kubik

Esta é unha proxección sobre unha galería de arte en Hamburgo realizada por Urbanscreen. As paredes convértense nunha fonte constante de sorpresas.

555 KUBIK | facade projection | from urbanscreen on Vimeo.



Vía Fogonazos

30/07/09

Muzorama

Unha curta moi, moi especial. Dirixida por Elsa Brehin, Raphaël Calamote, Mauro Carraro, Maxime Cazaux, Emilien Davaux, Laurent Monneron e Axel Tillement. Está baseada no mundo do ilustrador francés Muzo.


Muzorama from Muzorama Team on Vimeo.



Vía Capítulo 0

El contador de cuentos

Este libro ensinoumo a miña amiga Paramio. É tan fermoso que só con telo nun andel chega: calquera que pase por diante collerao e mirarao; é inevitábel.
Un tren no que viaxan un señor moi serio e unha tía cos seus tres sobriños que non paran. A tía tenta entretelos cun conto, pero faino fatal, polo que o viaxeiro do vagón decide contarlles un, que non será politicamente correcto.



O autor de El contador de cuentos, Saki, ou Henry Munro, escribiuno a principios do século XX para realizar unha sátira das convencións sociais presentes nos contos infantís -cousa que sucede aínda hoxe en día-. As ilustracións son tan fantásticas, a portada tan marabillosa, que é imposíbel non namorarse deste libro.

Con romanticismo

Hai anuncios que deixan a condición de ser humano polo chan... por moi macho que sexas!


video

29/07/09

Far Far West

Animación stop motion inspirada nos westerns e filmes de vaqueiros que cobran vida coa música. A autora fíxoo para a súa graduación na Escola de Arte de Glasgow.


Hoedown from Rodeo from Eleanor Stewart on Vimeo.



Vía Librosfera

O museo da inocencia

Este é o primeiro libro que leo de Orhan Pamuk e teño que recoñecer que me sorprendeu agradablemente, aínda que polo medio houbo unhas cantas páxinas que chegaron a facérseme pesadas. O libro fala sobre todo de amor, un amor apaixonado fóra de toda fronteira social que non chega a bo termo e que convence ao namorado a recoller calquera obxecto tocado pola amada ou calquera outra cousa que lla lembre. De aí o título, O museo da inocencia, xa que todos estes obxectos chegarán a ter esta finalidade: a de abrir un museo que recoñeza este inmenso amor do protagonista para que calquera poida contemplalo, admiralo e respectalo. (Parece ser que o propio autor vai abrir un así en Turquía, xa que percorreu mundo buscando todo tipo de obxectos para buscar unha relación entre estes e os seus donos).
Chama a atención o feito de que o propio escritor se engada na novela, posto que será un personaxe que rematará sendo crucial no libro, pois recoñecerase como o autor-protagonista aínda que deba poñerse na pel do namorado e terá a súa propia voz cara ao final do libro.
Como espazo deste amor, o libro iranos amosando unha sociedade convulsa, unha Turquía dos trinta últimos anos do século XX na que conflúen dúas perspectivas de ver o mundo e a modernización, así como todas as revoltas, toques de queda... que neses anos alí se produciron.
Unha obra interesante e moi ben escrita que de seguro vos gustará.

Formación dos continentes

Movemento das masas terrestres nunha simulación que amosa a formación dos continentes e a probable evolución destes no futuro. 650 millóns anos en pouco máis dun minuto.




Vía Mangas Verdes

28/07/09

Olladas

Un libro fermosisísimo, tal como nos ten acostumad@s a editorial Kalandraka: Olladas de Dieter Wiesmüller amósanos as distintas olladas de diferentes animais que podemos atopar en lugares moi afastados entre si, cunhas ilustracións que nos axudan a adiviñar de que animal se trata en cada páxina, pero que se non os descubriramos dannos a solución na última páxina. Olladas que espreitan, que buscan, que observan. E por suposto, cunha estética dominante chea de colorido. O libro estrúturase por cada par de páxinas: na primeira está o ollo do animal misterioso e na segunda a escena, o espazo no que se desenvolve o animal e que presumiblemente el contempla.



Worms the Teaser

Simpática animación brasileira de "Animaking productions"




Vía Recogedor

REC

Moit@s de vós sabedes que o meu mellor amigo e socio blogueiro Anxo é un gran cantante. O que é menos probábel, é que esteades ao tanto dos seus últimos pasos no mundo da música.
Un dos grupos nos que canta, REC, o síndrome do botón vermello, foi seleccionado como finalista no concurso de "novos" talentos musicais de Cuatro dentro da categoría de rock con este vídeo-clip.
Agardo que non me mate, pero vouvos pedir que axudedes co voso voto. É sinxelo: tedes que ir á páxina de Cuatro, rexistrarvos, e votar.
O enderezo é o seguinte:
http://www.cuatro.com/purocuatro/vota/rock


si me oyes


Moitas grazas.

Anxo: moita sorte!

27/07/09

No tempo libre?

Vale, nós cremos que non é así, pero de todo hai...




Vía

Exasperación galegófoba

Artigo de Méndez Ferrín no Faro de Vigo este sábado, Día da Patria Galega:

Esoutro día o pequeno presidente (o verdadeiramente grande é o de Madrid, ao pé do Rei) presentouse no Consello da Cultura para decer que a literatura galega debería deixar de ser provinciana e que os escritores debiamos renunciar ao monolingüismo e abrírmonos ás influencias exteriores. Toda unha caricatura coa que Núñez Feijóo, asistido por algún guionista malévolo e sen demasiadas luces, veu incidir na súa táctica espectacular. Táctica que consiste en non gobernar para nada en materia económica e social e en levar a lingua e cultura nacionais á centralidade pública nunha permanente exasperación galegófoba. O interés propagandístico e goebelsiano de Núñez Feijóo é o de abrir unha fenda caínica que defronte aos galegos en cuestión do idioma e de literatura para evitar que pensemos na extinción da agricultura, na ruina da pesca, na terríbel situación dos medulianos que resisten no sector da producción de leite, nas razóns de subsistencia e dignidade que asisten aos traballadores do metal contra unha patronal primitiva, mediocre e votante do PP.
Púxolles como exemplo Núñez aos escritores un James Joyce que non escribiu en irlandés senón en inglés. Cáseque dá vergoña facer mención de que iso ocorreu porque o imperialismo británico asoballou Irlanda durante catrocentos e máis anos cunha predación política, socioeconómica e lingüística que en tempos de Joyce case fixera desaparecer da illa o idioma céltico. Iso é o que o designio de Núñez pretende para Galicia: que unha política lingüística devastadora faga recuar o galego deica a súa extinción (mediante o auto-odio no que o pequeno presidente respira) para que, finalmente, os posibeis Joyce galegos do futuro teñan que escribir os grandes relatos en español. Igualmente teño vergoña de lembrar agora que, cando nin en Madrid nin nas repúblicas hispanoamericanas, ninguén ouvira falar de Joyce, os moi provincianos escritores galegos e nacionalistas Otero Pedrayo e Vicente Risco xa o lían. Otero traducía do inglés ao galego páxinas do Ulysses que España ignoraba e Risco facía viaxar Stephen Dedalus de Dublií a Compostela. Non estou seguro de se Núñez sabe ben quen é Dedalus. Pro estou certo de que el e o seu guionista ignoran que Connolly, a figura marxista do Sinn Féin, foi traducido ao galego e, antes diso, en Galicia suscitara unha discusión teórica e política de moita importancia. Certo que os nacionalistas galegos estiveron tan abertos ás influencias exteriores que non dubidaron en traducir Sinn Féin por Nós e en lle chamar así á revista que fixo historia. E escribiron do IRA en Nós. Resulta tan estúpida a mención de Joyce que Núñez fai que un lévase as mans á cabeza ao pensar que xamais a Fraga Iribarne (el temía e coñecía a un tempo a cultura galega), aquel ministro de Franco, se lle ocorriría proferir semellante disparate e cair e tan infantil provocación.
Insultou Núñez Feijoo os autores, os lectores, os editores, os filólogos, os profesores, e insultou o pobo soberán que sabe e sinte que a literatura galega é a única literatura galega que existe en Galicia e que a lingua española (ou castelá) provén do norte da provincia de Burgos e foi imposta aquí cos mesmos métodos cos que o inglés procedente de Inglaterra foi imposto en Irlanda, manu militari.
No seu delirio, Núñez Feijóo pídenos aos autores galegos que deixemos de ser monolingües. Eu, desde logo, non lle vou dar tino e continuarei sendo tan monolingüe como foron Cervantes e James Joyce.

El libro negro de los colores

Impresionante libro de Menena Cottin e Rosana Faría publicado pola editorial Libros del Zorro Rojo. Digo que é impresionante porque El libro negro de los colores transmite cunha soa frase ("ver el mundo a través de los ojos del otro") toda unha experiencia sensorial grazas ás ilustracións en relevo que permiten captalas non só cos ollos, senón tamén cos dedos. O libro utiliza só a cor negra, e está impreso no noso alfabeto e no sistema braille. E isto porque non todos somos iguais, porque hai xente que debe percibir as cores dende os outros sentidos para suplir o da vista, que lle falta. Toda unha lección de humanidade en poucas páxinas.



Disimulando

O que hai que facer!!!...


video

video


26/07/09

Sempre hai un lugar para a poesía (LXI)

"El sello personal"

Estos son mis dos pies, mi error de nacimiento,
mi condena visible a volver a caer una vez más bajo las implacables ruedas del zodíaco,
si no logran volar.
No son bases del templo ni piedras del hogar.
Apenas si dos pies, anfibios, enigmáticos,
remotos como dos serafines mutilados por la desgarradura del camino.
Son mis pies para el paso,
paso a paso sobre todos los muertos,
remontando la muerte con punta y con talón,
cautivos en la jaula de esta noche que debo atravesar y corre junto a mí.
Pies sobre brasas, pies sobre cuchillos,
marcados por el hierro de los diez mandamientos:
dos mártires anónimos tenaces en partir,
dispuestos a golpear en las cerradas puertas del planeta
y a dejar su señal de polvo y obediencia como una huella más,
apenas descifrable entre los remolinos que barren el umbral.
Pies dueños de la tierra,
pies de horizonte que huye,
pulidos como joyas al aliento del sol y al roce del guijarro:
dos pródigos radiantes royendo mi porvenir en los huesos del presente,
dispersando al pasar los rastros de ese reino prometido
que cambia de lugar y se escurre debajo de la hierba a medida que avanzo.
¡Qué instrumentos inaptos para salir y para entrar!
Y ninguna evidencia, ningún sello de predestinación bajo mis pies,
después de tantos viajes a la misma frontera.
Nada más que este abismo entre los dos,
esta ausencia inminente que me arrebata siempre hacia delante,
y este soplo de encuentro y desencuentro sobre cada pisada.
¡Condición prodigiosa y miserable!
He caído en la trampa de estos pies
como un rehén del cielo o del infierno que se interroga en vano por su especie,
que no entiende ni sus huesos ni su piel,
ni esta perseverancia de coleóptero solo,
ni este tam-tam con que se le convoca a un eterno retorno.
¿Y adónde va este ser inmenso, legendario, increíble,
que despliega su vivo laberinto como una pesadilla,
aquí, todavía de pie,
sobre dos fugitivos delirios de la espuma, debajo del diluvio?

Olga Orozco
de Museo salvaje. (1974)

Non á violencia contra as mulleres (XCII)

25/07/09

Docentes

Unha amiga achegounos esta presentación que non podemos deixar de publicar:

Hasta el infinito




Hasta el infinito de Kveta Pacovská foi marabillosamente publicado pola Faktoria K de libros o ano pasado: é un luxo de ilustración que comeza como un xogo para os lectores: pronunciar a letra "A" en voz alta até que o seu eco rebote nas paredes. O libro xoga coas vogais, cos números, pero tamén coas formas e as imaxes, resultando un libro a medio camiño entre a arquitectura e a ilustración, pois contén páxinas en pop-up, estampacións en prata, páxinas troqueladas, páxinas vernizadas... un libro grande, cadrado, un canto á imaxinación e á arte. Unha xoia nas túas mans.





24/07/09

Dereitos de autor

Todo é copiable:

Racismo e intolerancia


O Informe Raxen Especial 2009 do Movemento contra a Intolerancia alerta sobre o crecemento da xenofobia e a intolerancia social, é máis, nalgunhas das enquisas albíscase que un 14% da xente nova estaría disposta a votar a un partido racista (tres puntos máis quen en 2002). Especialmente en Valencia, Madrid e Cataluña medraron os sucesos de xenofobia; dunha web pasamos a 200 espazos onde se difunden ideas para o odio e o racismo, mesmo negando o Holocausto. Dous terzos do alumnado rexeita traballar xunto a marroquís e xitanos e os ataques homófobos cuadriplícanse nun ano.
Esta é a nosa sociedade democrática?


Vía

Récord de percusión

582 baterías reuníronse o domingo 12 de xullo no National Indoor Arena de Birmingham para bater o récord do mundo de percusionistas tocando un mesmo ritmo á vez.

O acto foi organizado dentro dunha campaña de sensibilización pola esclerose múltiple e logrou recadar 20000 dólares para unha organización humanitaria.




Vía

23/07/09

Web 2.0

Iso si, sen palabras:



Vía

Cuentos de la periferia


Xa vos teño falado deste autor-ilustrador que me ten fascinada. Agora volvo con outro libro del, da mesma editorial, Barbara Fiore, e con 15 historias curtas que nos convencen de que este home tanto poder ilustrar un libro cal obra de arte como pode escribir fantáticas historias. E é que Cuentos de la periferia de Shaun Tan son 15 relatos fantásticos, surrealistas, que abondan na impagable imaxinación deste señor. Gustaríame que o libro estivese editado nas dimensións ás que estamos acostumados, para disfrutar doutro xeito das ilustracións, que conviven cos textos de diferente xeito, podendo ser protagonistas ou acompañantes, pero todas elas deliciosas, como vén sendo habitual.


Lingua e novas estratexias



Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades
Luis de Camões

A lingua galega está a pasar por unha difícil situación na que non coinciden a necesidade dos tempos coa intención das vontades. E isto acontece tanto no ámbito gobernamental, do que falaremos noutro momento, como no ámbito do activismo social a prol da lingua, do que nos ocuparemos nestas liñas.
Así pois, no contexto actual cómpre que axustemos necesidades e intencións para podermos avanzar socialmente na recuperación do galego. Ou estamos intelixentemente á altura dos tempos ou os tempos levarán por diante todos os nosos esforzos, traballos e bos propósitos.

Mudaron os tempos

Nos últimos trinta anos a estratexia que se implantou desde grupos que manteñen o monopolio do discurso da lingua tivo -e segue a ter- como idea central o monolingüismo en galego, entendido como uso exclusivo desta lingua e en clara oposición ao uso do castelán. Esta tese quizais foi axustada para aqueles anos 70 nos que realmente o galego era a lingua da maioría da poboación, mais a sociedade galega mudou. E no terreo lingüístico a mudanza foi cara a un abandono progresivo do noso idioma. Entón, teremos que preguntarnos se as estratexias de recuperación da lingua que se seguiron desde aquel momento foron adecuadas.

Se un se para a avaliar (iso que tan pouco se practica) como se desenvolveu todo este proceso ao longo da última trintena, non pode máis que considerar un fracaso a estratexia de promoción da lingua que se proxectou desde ese axioma e, polo tanto, un fracaso de todas aquelas persoas que participamos nela.
A situación actual é moito peor que hai trinta anos: hai moitos menos galegofalantes e hai un sector importante da sociedade que, baixo o amparo da democracia, inventou a falacia da imposición lingüística (xa non é o franquismo, xa non son os de fóra os que queren exterminar a nosa lingua. Non. Son galegos coma nós). Mais o peor de todo é que os grupos que se consideran máis representativos na defensa do idioma están condicionados por unha ideoloxía lingüística conservadora que lles impide ter, e mesmo permitir, unha nova estratexia.

Alén disto, temos que lembrar que a sociedade galega hoxe vive nun mundo globalizado, para ben e para mal, e iso, por moito que haxa grupos que non queiran aceptalo e interiorizalo, é algo que non podemos (queremos?) evitar. Neste mundo global a cidadanía vai tender ao plurilingüismo. Ten entón algún sentido manter o dogma dun monolingüismo en galego en oposición ao castelán que, á vista da situación actual, deu escasos resultados?

Mudaron as vontades?

Pensamos que chegou a hora de mudar o rumbo nas estratexias de promoción do idioma. Só así teremos algunha oportunidade, só así a nosa lingua poderá ter futuro. Non podemos permanecer ligados a argumentos do pasado, inservibles no presente.

Todas as persoas que queremos un futuro para a lingua galega debemos participar dunha nova estratexia de promoción:

unha estratexia que fuxa da endogamia e que se abra á sociedade galega (fale a lingua que fale), que se abra ao mundo sen medo a perder nada (porque aí si que hai unha morea de posibilidades), que abandone definitivamente esa pegada ruralista tan letal para o prestixio da lingua (porque aínda que amemos a aldea da que somos parte, o mundo desde hai moito tempo ten como epicentro a cidade).
Neste novo rumbo temos que abandonar definitivamente o resistencialismo táctico, non só por estéril (foron escasos os réditos acadados, tanto na oposición como no poder), senón por ser socialmente contraproducente. Temos que ir máis alá de nós mesmos con ilusión e mesmo con alegría, sen adoutrinar a ninguén, evitando eses manidos desexos de pureza ideolóxico-lingüística que non conseguen máis que afastarnos da sociedade. Debemos apostar por unha sociedade plurilingüe na que o punto de partida sexa a nosa lingua, como lingua de identidade e tamén como lingua de relación co mundo.

Moitas destas ideas non son outra cousa que evidencias, mais o activismo lingüístico actual non fixo ningún acto de aggiornamento e quizais esta sexa a última oportunidade: se non mudamos o noso enfoque, como pretenden algúns grupos, imos irremediablemente camiño da marxinalidade lingüística, paralelamente ao que xa se comeza a albiscar nos ámbitos social e político.

Nestas coordenadas tamén cómpre ter en conta o ámbito institucional. Así pois, outro tanto lle debemos esixir ás institucións que ostentan un poder simbólico e de complicidade na elaboración das políticas culturais e lingüísticas que se levan a cabo no país. Querémolo dicir alto e claro para que non fiquen dúbidas : aquelas institucións creadas ex profeso para velar pola cultura e o idioma galego deben deixar nun segundo lugar calquera tipo de prebenda, por mínima que sexa, e estar á altura da circunstancias históricas en que estamos. A cidadanía consciente deste país estará ao axexo para ver se os seus pasos se encamiñan a pensar no beneficio duns poucos ou no beneficio do pobo, se son capaces de colocar a lingua de todos por riba do interese dunha minoría. Saberemos se tamén neste ámbito percibiron as mudanzas dos tempos e se están dispostos a actuar coa máis firme das vontades.

En definitiva, trátase de que todos e todas teñamos a intelixencia e a valentía de xogar en campo alleo. Chegou o momento. Comecemos!


Miguel Louzao Outeiro


Bruxas pola regra

Este anuncio conta a historia dunha bruxa que amedrenta un pobo até que toma leite. O incrible resulta a frase final: "O calcio do leite reduce os síntomas do síndrome premenstrual. Toma leite". Ou sexa, que as mulleres convertémonos en bruxas neses días. Vaia.
Como realmente non importa a mensaxe, foi un dos anuncions gañadores de Televisión do FIAP 2008 na categoría de alimentación, entre outros premios.



Vía

22/07/09

Niagara Falls

Durante tres noites Matthew Wartman tomou imaxes das cataratas do Niágara para realizar este vídeo espectacular:

Niagara Falls in Motion from Matthew Wartman on Vimeo.



Vía

Conversas con Ana Iglesias

Ana Iglesias, quen estivo no noso centro non hai moito tempo, autora do estupendo libro Falar galego: "no veo por que, comenta nestes vídeos a situación de desigualdade da nosa lingua; no primeiro reivindica a necesidade dunha política activa e no segundo valora negativamente o que está a ocorrer con este goberno.






Vía Falantes

Falantes

Entéirome polo blogue de Fran Alonso de que naceu Falantes: Movemento polos dereitos lingüísticos. Unha boa iniciativa da que tiro estes dous vídeos: "Lingualoxía": a xente da rúa opina da nosa lingua.




O nacemento do dragón


Fermosisímo libro este de Faktoría K, tal como nos ten acostumad@s: O nacemento do dragón de Wang Fei, Marie Sellier e Catherine Louis conta de xeito lendario a orixe desta criatura mítica tan descoñecida no noso mundo, a partir das guerras provocadas polos diferentes animais que en China admiraban e en nome dos cales facían a guerra; así, os nenos, fartos de tanta morte, inventaron un animal que simbolizase a paz, algo que conseguiron e que chegou ata os nosos días.
Hai un narrador que nos conta todo isto acontecido hai moreas de anos. Por suposto, ademais do relato en si, chaman a atención as espectaculares ilustracións, e mesmo o formato alongado do libro.
En edición bilingüe, galego e chinés, inclúe ao final un despregable onde nos explican as técnicas dos ideogramas e a escritura chinesa.
Fermoso libro para todas as idades para achegarnos a unha cultura tan diferente que debemos ter presente e da que debemos aprender máis.



Homes obxecto?

Se case todos os anuncios que vemos consideran a muller como un obxecto para o pracer, esta marca de cervexa decidiu voltear o rol e presentarnos uns homes guapísimos que nos conquistan para saborear a súa bebida: homes musculosos de sorriso permanente que cantan á cámara e que reproducen algunhas das actitudes que normalmente vemos nas mulleres da publicidade. E todo isto para vendernos unha bebida a medio camiño entre a cervexa e a sidra.
É este o camiño da igualdade?



Vía

21/07/09

Coral ideal

Facendo chover coas mans: ás veces non fai falla nin a voz: é abraiante como un grupo de persoas poden recrear o son dunha tormenta utilizando soamente as mans e outros movementos do corpo.
Este grupo orixinario de Eslovenia, Perpetuum Jazzile sempre executan as súas obras a capella.

Comunicado da AELG

Ante o que a Asociación de Escritores en Lingua Galega considera a creba do proceso de restitución á normalidade do noso idioma impulsada polo actual goberno galego, que obvia así o espírito do Estatuto que lle dá sentido e tras pulsar o sentir dos seus asociacidos, promoveu a creación dun comunicado que será lido en acto público o vindeiro 24 de xullo, ás 17,00 horas, diante da estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.

A AELG prega a asistencia a este acto, co que se pretende transmitir á sociedade que os seus escritores e escritoras asumen plenamente a responsabilidade que lles foi transmitida dende o Rexurdimento, e que traballan e loitan a cotío por normalizar e engrandecer un sistema literario nacido dunha lingua e dunha cultura propias, patrimonio tamén da humanidade.

O texto do comunicado é o seguinte:

Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega

¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!

Señora e nai nutricia da palabra galega, vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar.

Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os séculos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.

Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e canda ela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa.

Rosalía de Castro primeiro, e todos os escritores e as escritoras que despois dela ousaron reivindicar esta lingua minorizada e desprezada polo poder, elixiron asumir como propia unha identidade colectiva e ver nela a nación soñada. No noso caso, como é común nas nacións sometidas, a escrita fixo o pobo. Non só estamos hoxe a defender a lingua dos nosos maiores e o dereito a conservarmos a herdanza do pasado; estamos a defender a lingua para contribuírmos co noso oficio a que no futuro Galiza sexa.


Sidecar

A miña prezada alumna lectora Susana Cumbraos vén de agasallarnos coa súa opinión sobre unha das lecturas do seu verán: Sidecar de Alberto Lema.

Sidecar trata temas do día de hoxe; temas actuais que fan que as persoas que o lean se dean indentificado cos personaxes; temas universais como o amor, a amizade, a paixón, a traizón... Pero tamén outros como o tratamento das inxustizas ou a propia realidade, que en si xa representa a nosa sociedade.
O porqué de que me gustara este libro foi pola linguaxe empregada... Ese estilo tan típico de Alberto Lema no cal intenta achegarse ao autor como ningún outro e logre que o lector queira devorar o libro da noite para a mañá.

O libro está dividido en dúas historias, as dúas ben diferentes polos temas a tratar. A primeira historia trata da amizade e do amor, sobre todo do amor. Pero un amor que entrelaza o familiar co de parella.
Porén, a segunda historia trata máis ben a paixón.

Recoméndollo a todo tipo de lectores, tanto para os máis novos coma para os lectores máis expertos porque nunca é tarde para afastarse do mundo.

"O sentido do amor nin se aprende nin se coñece,
e torna máis escuro canto máis tratamos de explicalo"

Machu Picchu Post

Clement Crocq, Margaux Durand-Rival e Nicolas Novali crearon esta preciosa curta de animación sobre un neno indíxena peruano e un piloto do correo aéreo.


Machu Picchu Post from Machu Picchu Post Team on Vimeo.



Vía Capítulo 0

20/07/09

Elvis



Se un libro está ilustrado por Rebecca Dautremer está claro que debe estar nos meus andeis. Para iso foi a ilustradora que -desgrazadamente para a miña economía- me namorou deste mundo dos álbums ilustrados. E se ademais ten este tamaño espectacular e nos conta os inicios de Elvis Presley..., que vos vou dicir!. Unha historia que nos conta os inicios de El-Rei desde unha pobre infancia, na que lle regalaron unha guitarra, ata atopar o amor e a busca da felicidade ata conseguir o recoñecemento e a fama. As ilustracións son tan fermosas que case podemos oír a música que agochan. O autor deste libro, Tai-Marc Le Thanh, deixa o final aberto.
Un fermoso libro como adoitan ser todos os que ilustra esta muller.





Campaña "Aa" (Avisar a)

Despois de ter sido algo "non oficial", semella que agora si o é: A campaña Aa é da Cruz Vermella Española:

En el marco de esta estrategia y en el contexto de la prevención, el día 15 de julio presentamos la Campaña “Aa” (Avisar a), campaña de sensibilización, dirigida a la población en general, que desde Cruz Roja Española ponemos en marcha conjuntamente con el Ministerio del Interior, y que tiene como objetivo principal lograr, que el mayor número posible de ciudadanos añadan en la agenda de su teléfono móvil el número de la persona con la que habría que ponerse en contacto en el caso de que se produzca una emergencia, bajo el nombre: “Aa” (Avisar a… + nº de teléfono…)

Deste xeito, o número de teléfono da persoa que se grave neste epígrafe "Aa" aparecerá sempre como o primeiro contacto da lista de contactos do móbil.



Vía

O soño do astrónomo

Cando un astrónomo famento se durme mentres traballa sobre un problema, descobre unha solución non no espazo exterior, senón na cadea surrealista do seu subconsciente. Unha película animada por Malcolmo Sutherland, con son de León Lo.

The Astronomer's Dream (2009) from Animalcolm on Vimeo.


Vía

19/07/09

Sempre hai un lugar para a poesía (LX)

"Así existe este afecto"

Igual que el agua quema
si hierve,
como el descanso agota
y el no comer acaba con el hambre
y una cerveza quita la resaca;

como termina el viaje
al alcanzar el punto de destino;

como da sed el vino,

como es posible hablar sin decir nada;
como crecen las uñas de los muertos,
existen los afectos.

Camilo de Ory (Inédito)

Los conejos

Outro fermoso álbum ilustrado: Los conejos de John Marsden e Shaun Tan trata de xeito alegórico a devastación que os humanos podemos formar e crear. Quen conta a historia é un narrador colectivo que se supón son os animais autóctonos dun país que será colonizado por uns coellos que se nos presentan nas ilustracións como seres sen colo e angulosos, vestidos coma no século XVIII. Como visualmente case nos di todo, non son precisas máis ca un par de frases para contarnos a inmensidade da historia, chea de tintes ecoloxistas e anticolonialistas.
Eu, desde xa, quedo prendada para sempre do talento de Shaun Tan, quen sabe provocar infinidade de emocións e sentimentos coas súas composicións, as súas paisaxes, as súas cores... Neste libro cada escena é unha narración impactante.
Cada día estou máis convencida do carácter anti-idade deste tipo de álbums ilustrados. Son un pracer para os sentidos.


Sen remedio

Non á violencia contra as mulleres (XCI)

Quéreme, non me quere:

18/07/09

María y yo

Este cómic adéntranos no mundo seguramente tan descoñecido para a maior parte de nós do autismo. María y yo de María Gallardo e Miguel Gallardo amosános de xeito sensible o xeito de comunicación entre pai, merecendo o Premio Nacional de Cómic de Cataluña, xa que o destacaron “por su capacidad de reflejar desde la vivencia familiar el mundo de las personas autistas con ternura, humor y didactismo y con una calidad gráfica y narrativa donde se encuentran sentimientos que conmueven y alientan”. Este é un libro que destaca sobre todo pola súa sinxeleza e pola súa tenrura, con trazos moi sinxelos e claros en branco e negro -algo en vermello polo seu significado-, xa que así é como o pai se comunica coa súa filla autista. Todo un mundo novo no que deberiamos adentrarnos para sabermos máis e sermos máis comprensivos con aqueles que son "diferentes".
Un libro instrutivo e recomendable.

Allá a lo lejos, en medio de la playa vacía estaba María, pequeña en la distancia, jugando con su preciosa arena. Me dio un poco de tristeza verla ahí sola, pensando en el resto de nosotros, en cómo nos acercamos a ella y luego nos volvemos a hacer nuestras cosas. Luego deseé que su paraíso, allí donde se encierra a veces, fuera como éste: una playa inacabable de arena fina, un horizonte azul, un sol que nunca se pone y un cubo rojo. Las personas que la rodeamos estamos con ella y después desaparecemos (esa es la sensación que nos da María, nunca parece echar de menos a nadie cuando nos vamos). Ojalá que esa playa perfecta esté siempre con ella y que nunca se acabe la arena para María.

O novo de GB

Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, denuncia un suposto boicot contra as campañas de propaganda galegófoba da súa asociación. E publica un novo vídeo con outras imaxes para insistir na mesma idea:

Manuel Rivas: entrevista

Lede con atención esta entrevista a Manuel Rivas sumamente instrutiva sobre a situación lingüística, social e política que está a vivir o noso país, con frases tan lapidarias coma:

Ás veces imaxino que realmente puxeron oficinas de deconstrución do galego, reformando esas criptas secretas que antes tiña o bipartito para a construción nacional, con xardín zen e todo.

Estamos nun estado de perturbación... Todo o que está a pasar lémbrame a algunhas experiencias de xogo futbolístico da miña infancia. Vías que estaba a pasar algo no campo, e que o xogo transcorría segundo unhas regras. De súpeto, aparecía unha treboada que o trastornaba todo, como se houbera unha negra sombra que comezase a mover vontades. Aquí pasou algo semellante. Alguén xogou a dinamitar as pontes simbolicamente e, agora, estannas a voar de verdade. Penso que non hai unha conciencia clara por parte dos que alimentan a dinámica desta guerra lingüística do que significa o galego para este país como patrimonio, recurso e símbolo. Non entendo como este Goberno, coa actitude que ten, pode reclamar unha posición de “unidade galega” para a reforma do financiamento autonómico, coma se este fose un asunto esgazado da nosa identidade.

Esta actitude tan agresiva deixou perplexo ao pobo. É posible que volva o tempo das listas negras, e os recortes vaian máis alá da lingua e do territorio. Pode que derivemos nunha dinámica de amigos e de inimigos. Un exemplo é a utilización da televisión pública para lanzar unhas acusacións inquisitorias contra a Mesa Pola Normalización Lingüística, sen dar pé a réplica. Foi unha agresión hostil á sociedade civil que me recordou aos tempos de Nunca Máis. Todo isto conforma unha situación realmente preautonómica. Estamos nun estado de substracción da autonomía, da lingua e da identidade. Se un recurso tan importante como é a lingua non vale moito, se un Goberno deixa que as empresas decidan sobre o territorio, se malvendes o país que gobernas, que podes pretender. Ti mesmo estas a desvalorizarte.

Ler é facer maxia creadora

Artigo de Suso de Toro:

Estamos nun tempo de tránsito de moitas cousas e non sabemos cara a onde transitamos. Imos levados. Non hai problema, a vida é así: pensar que somos nós quen guía as nosas vidas é unha ilusión consoladora. Os humanos creamos novas tecnoloxías e as nosas creacións tráennos tamén novos perigos e medos. Os ilustrados, a xente da lectura, temos hoxe medo do mundo dixital. Perecerá a Cultura, a Lectura? Pereceremos?

A incerteza sobre o futuro do libro de papel, que é a incerteza tamén sobre o futuro das librarías, das bibliotecas como lugar, dos editores, é tamén a incerteza sobre o futuro da figura do escritor como autor. Quen sabe se non habemos desaparecer os escritores que asinamos fachendosos obras, se non nos transformaremos nunha cousa ben máis humilde, fornecedores de contidos, argumentos. Mineiros, panadeiros da lectura, da literatura. Todo asusta. Mais se busco no meu interior atopo a un rapaz que xa foi educado no audiovisual, alguén para quen radio e televisión son parte da identidade. Quero conciliar esas dúas partes de min que hoxe parecen loitar agonicamente e búscolle un sentido a ambas as dúas.

Podería dicir que o sentido do audiovisual explícase polo seu triunfo. A súa eficacia e éxito son tan abrumadores. Mais o que explica o éxito é precisamente o que lle dá sentido: os humanos somos animais soñadores e procuramos constantemente fugarnos da vixilia, da conciencia. Vivir é duro, créanos ansiedade, e a ensoñación é unha tregua. Fascinados ante unha pantalla descansamos da nosa vida. Ante a pantalla contemplamos o que outros crearon. Deixamos que entre polos ollos fascinados, pola boca aberta, o que alguén imaxinou e armou con imaxes e sons. Entregámonos ao xogo da sumisión, deixámonos ir ao soño. Un soño que transcorre aí diante, nunha pantalla. Mais os humanos somos creadores, e por iso traballamos, creamos. E lemos.

Ante o texto situámonos nese intre do amencer tan breve que abre e funda o día, nese campo delicado entre o soño e a vixilia, cando temos as pálpebras cerradas aínda e xa a luz da mañá ilumina nelas. Ler é estar entre a imaxinación e a conciencia. As palabras son cifras. O escritor cifra nelas o mundo, mais quen le descifra un mundo semellante ao escrito, mais sempre diferente, pois quen le é dono do que le. Quen le crea un mundo, un soño. Mais o soño non está aí fóra: o que soñamos lendo transcorre dentro de nós.

Son de estirpes de iletrados, labregos e pastores. Lémbroos, ámoos. Quixera serlles leal, mais son distinto, perdín o coñecemento do mundo que eles tiñan antes de que as cousas fosen bautizadas, antes de que todo tivese nome, palabra. Palabra escrita. Aprender a ler é morder a mazá que nos fai perder a inocencia, esa trabada do froito do coñecemento que nos fai coñecer tamén que temos perdido o paraíso. Pois xa somos humanos.

Con pelos

O "máis difícil todavía": seica isto dos pelos era o elemento físico máis difícil de desenvolver polo 3D á hora de transmitir realismo. Pois aquí queda isto:

MTV International / Mister Furry from Universal Everything on Vimeo.



Vía Capítulo 0

Seráns, polavilas e fiandóns


A Asociación de Escritores en Lingua Galega incorpora na súa web gravacións que rescatan do esquecemento o patrimonio oral, literario e musical do país.

O conto que se escoitaba nos seráns da zona de Cerdedo sobre Carmela e Pepiño; a lenda da bruxa de Outes que que contaba nos polavilas do Barbanza; ou a historia da princesa que non ría, propia dos fiandóns de Mondoñedo. Estas son algunhas das pezas, tiradas do noso patrimonio oral, literario e musical que sortearán o esquecemento grazas a una iniciativa que acaba de poñer en marcha a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), baixo a coordinación de Antonio Reigosa.

Baixo o neoloxismo Polafías, o portal de internet deste colectivo incorpora gravacións de xuntanzas de carácter festivo, nas que se recuperan contos, adiviñas, cantigas ou lendas da voz dos que gardan na memoria este patrimonio oral. A principal diferenza deste proceder co das xuntanzas de antigo é que agora os recompiladores botan man das novas tecnoloxías, dos aparellos de gravación, que favorecen o seu arquivo, estudo e difusión.

Así, en internet, podemos ver e escoitar ao narrador, contador ou músico que interpreta a súa historia en primeira persoa, como auténtico protagonista que xenerosamente transmite o seu saber. Ao tempo, a web permite ler o texto transcrito e ofrece outros detalles como o lugar da gravación, a data ou a idade do contador no momento da gravación. Deste xeito, ademais da propia difusión, esta ferramenta permite construír, aos poucos, unha importante base de datos.


Vía Vieiros

17/07/09

El encuentro

Un libro cru, El encuentro de Anne Enright, fala sen contemplacións das difíciles relacións familiares e matrimoniais, e os feitos acontecidos que tanto poden marcar as nosas accións futuras, porque calquera trastorno pode converterse nunha dor vindeira. A historia xira arredor da morte do irmán preferido da protagonista e con continuos saltos temporais lembra o que quizais fixo irremediable o suicido de seu irmán e o encontro coa súa familia no velorio, ademais dos seus propios problemas matrimoniais no presente. Unha novela dura, triste e tenra que paga a pena ler.

“Las semillas de la muerte de mi hermano se sembraron muchos años atrás. La persona que las plantó murió hace mucho, por lo menos eso creo. Así pues si quiero contar la historia de Liam, tendré que empezar mucho antes de que él naciera. De hecho, este es el relato que me gustaría escribir; la historia es un lugar romántico, con sus cocheros, sus pilluelos y las botas altas con botones a un lado. Ojalá permaneciera en calma, pienso, y se apaciguara. Ojalá dejara de darme vueltas por la cabeza”

I´ll kill her

Desde A Nosa Biblioteca chéganos este agasallo para os sentidos: un marabilloso proxecto de fin de estudos. Disfrutádeo!:

I´ll kill her from Joerg Barton on Vimeo.

Barómetro lector do CIS

Segundo os datos de xuño, un 21% dos españois non le nunca, e os que o fan len de dous a catro libros ao ano (son un becho estraño?), aínda que o 40% le prensa case todos os días.
Iso si, o 74,4% dos entrevistados cre que hai que gastar máis cartos públicos en promover a lectura e as bibliotecas; ademais, case o 39% afirma que nunca lles leron un conto cando eran pequenos e máis da metade da poboación nunca oíu falar do libro electrónico.
Por que non se le? A maior parte das veces porque non interesa nin gusta, aínda que un 22% afirma que é por falta de tempo. Só para o 1,1% dos consultados a razón é o prezo dos libros.
A novela histórica é o xénero predilecto para o 22,4% dos entrevistados, entre os que só 4,4,% prefire a novela negra e a policíaca -a pesar de Larsson-. Atención: un 14,6% leu máis dun libro ao mes!. O criterio persoal é o que predomina á hora de elixir lectura, mentres que a orientación de profesionais tena en conta un 4,3% dos entrevistados.


16/07/09

Con luces

Apparati Effimeri é un colectivo de videoartistas italianos que realizan espectáculos de luz coma este, feito nun castelo de Cesena; paredes que dobran, ameas que voan, rochas que caen... a realidade transfórmase grazas ás luces. Se Escher erguese a cabeza...:

APPARATI EFFIMERI Tetragram for Enlargment from Apparati Effimeri on Vimeo.



Vía Fogonazos

La isla sin sonrisa

Unha fermosura de cómic tanto polo trazo como pola historia é La isla sin sonrisa de Enrique Fernández. Metaforicamente, fálanos da soidade e da tristura, da necesidade de fantasía e felicidade, todo isto mesturado dun xeito moi especial: un guión que engancha e que se le rapidamente. A illa na que se desenvolve a acción é un espazo que se move entre a realidade e a fantasía, con seres que non sabemos se son reais ou son produto do maxín, e cun xeito de enfrontar a vida -e a morte- diferentes. Existe a maxia?
En canto ao debuxo, seica é cor aplicada a ordenador mediante Painter; isto non o sei, o que si vos podo asegurar é que é impresionante. De feito, cando o vin na libraría, merqueino porque me chamou moito a atención: o papel, as cores, o debuxo... son fermosísimos.


A vida en imaxes

Gustoume moito esta curta publicitaria da marca Olympus. Un fermoso stop-motion feito con fotografías no que se conta unha vida en imaxes.


Por certo, se che gusta a música podes descargala premendo aquí

15/07/09

Everyone Else Has Had More Sex Than Me

Un pouco de humor acedo para continuar a semana, que falta me fai. Neste divertido vídeo un angustiado coello cunha canción pegañenta expresa a tensión sexual e social que subxace a tantas manifestacións artísticas populares. "Todo o mundo f.... máis ca min, ¿alguén maís ten esa sensación?". E é que se non practicas sexo, máis sendo un coello, es un bufón social.
A letra, en inglés, aquí.
Só para maiores!!




Vía

Popped

Debemos renunciar para salvar? Unha curta interesante que nos fai reflexionar:



Vía

Makinaria

A lectura de Makinaria de Carlos Negro tráeme á mente lembranzas de ex-alumnos que marcharon nas mesmas circunstancias que o libro describe. Este poemario, imprescindible lectura para xente nova, é un todo poético sobre a inconsciencia da mocidade e a velocidade, sobre como un mozo pode perder a vida na estrada da adolescencia, sobre como o discurso dos "vellos" cae en saco rompido mentres o escoitan con cara de póker. Unha poesía de lectura rápida, mesmo frenética, que concorda coa obsesión pola velocidade que nos describe, cun só destino: o cemiterio. Como afirma Rosa Aneiros no epílogo, "Makinaria é unha canción desesperada de gasolina e goma abrasada", un libro que de seguro transmitirá e chegará á mocidade porque fala e sente igual, coa súa voz cotiá.

Thunder Road

Deixa

que os motores

ruxan salvaxes

imos xuntos

queimar

a madrugada

esnifar

unhas cantas raias

da estrada

a tope

cos malotes de sempre

a arrasar

nena

a arrasar

que o día de maña

din que nunca existiu

e ti tes uns ollos azuis

e flipantes

e eu un burato de medo

no medio da chapa do peito

que se cadra ti

esta noite

es quen de encher

agora

corpo a corpo

antes de que oxiden

as horas e a vida

sexa

fume de tubo de escape

unha derrapaxe

en falso

na seguinte curva.



14/07/09

Samparkour

Wiland Pinsdorf dirixe Samparkour, curta que explora a megalópole de São Paulo a través da ollada acrobática do parkourista Zico Corrêa

SAMPARKOUR from Wiland Pinsdorf on Vimeo.



Vía Capítulo 0

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.