29/11/10

La cena

A lectura deste libro deixoume totalmente estarrecida. Cando o rematei de ler apoderárase de min tal anguria que case non o podía crer. E converteuse nun deses libros que dis aos que tes derredor: "tes que lelo". Tedes que lelo porque necesito compartilo convosco. Necesito falar del, derrubar ese muro que as palabras que tecen a historia deste libro construíron diante miña, procurándome pensamentos fatalistas.
Si, La cena de Herman Koch é así de contundente. Editado por Salamandra, foi Premio do Público no seu país, Holanda, e elixido Libro do ano 2009. Non estraña.
Demoledora crítica á sociedade actual, a esa clase media na que tod@s nós nos enmarcamos, non deixa títere con cabeza.
E o peor: inspirado nos feitos reais que tiveron lugar en Barcelona no ano 2005 cando dous mozos, fillos de familias acomodadas, foron condeadeados por queimar unha indixente que durmía nun caixeiro.
Os personaxes están tan ben construídos que semella que non lle deron apenas traballo ao autor. Só cunha cea sabemos a que tipo de persoas nos enfrontamos. E cada páxina serve para nos horrorizar máis, preguntándonos que tipo de moral estamos a crear nesta nosa sociedade, preguntándonos mesmo cal sería a nosa reacción se vivísemos unha situación semellante. Preguntándonos se hai remedio para tanta crueldade disfrazada.
Implacable, chea de ironía, mesmo dunha dose de humor que cómpre de cando en vez.
Un libro que, sinxelamente, tedes que lelo. E cavilalo.

21 comentarios:

  1. Tiña ganas de lelo, agora máis.
    Marga

    ResponderEliminar
  2. Xa me contarás, porfa, que che pareceu. Estou desexando compartilo. Este si que pagaba para un club de lectura de adult@s!!!

    ResponderEliminar
  3. Pois a min, se é tan terrible coma o pintas, casi que xa non me apetece lelo. Para sufrir xa abonda coa realidade cotiá...

    Xabimusic

    ResponderEliminar
  4. Tomo nota, pedireillo ós reis.

    ResponderEliminar
  5. Buff, Xabi, a min paréceme terrible polo pensamento que provoca: ata onde podemos chegar os pais por protexer os nosos fillos? Creo que é, sinceramente, unha lectura moi interesante.

    ResponderEliminar
  6. Ernesto, desta volta non cho podo dicir "préstocho eu" porque a min tamén mo prestaron...

    ResponderEliminar
  7. Bueeeeno, vaaaale. Lereino confiando no teu criterio e logo, xa che direi algo.

    Teño que fiarme de ti que para iso sigo fielmente o blog.

    Por certo creo que o descubrín desde "As uvas na solaina" ¿Pode ser?

    Xabimusic

    ResponderEliminar
  8. Pois non o sei, querido Xabi. O caso é que estou encantada de te ter aí. E con ganas de te coñecer persoalmente!

    ResponderEliminar
  9. Pois iso está feito. Só tes que invitarme a un bo cocido... e, claro, mirar as nosas axendas.
    (O viño, deberás deixar que o escolla eu. Coma bo colleiteiro que son teño as miñas preferencias moi elaboradas)

    Eu non che lle teño medo aos encontros persoais. (Digo isto pensando nunha das últimas novelas que teño lido: "Contra el viento del norte" de Daniel Glattauer. Alfaguara. ¿Coñécela, querida asesora-lectora? ¿A que non?

    Xabimusic

    ResponderEliminar
  10. Pois non, non a lin. Falaron dela nun blogue de cabeceira meu e quedei coas ganas, pero...
    Falaremos do cocido. Se segue este frío, éxito asegurado!

    ResponderEliminar
  11. Bueno, pois xa empecei pola cea de Koch pensando no cocido de Lalín... Espero que me leves a un restaurante máis normalciño onde o metre non meta o dedo maimiño nos pratos dos garbanzos...

    Espero tamén que a cousa discurra nun clima máis cordial e natural, sen tanta mala baba...

    De momento- vou polos entrantes- paréceme dun exquisito sentido do humor aínda que o sarcasmo do narrador xa fai prever algún tipo de estralo. Vamos, que se mastica a traxedia...

    Orixinal a estructura e cunha escritura moi lixeira que te engancha...

    Xabimusic

    ResponderEliminar
  12. Que ben! O meu alumnado non me fai os deberes con tanta premura!!! Agardo a que remates e cóntasme

    ResponderEliminar
  13. Bueno, xa rematei a cea e non sei se se me indixestará. ¡Que noxo!

    Agora ben, o tema da violencia que rezuma a historia ten, para min, unha compoñente social. Explícome: non é un problema médico dun indivíduo concreto senón que é esta sociedade tan inxusta e competitiva a que xenera eses comportamentos asociais e violentos.

    Eu, na miña tese de doutoramento tratei o tema ao reflexionar sobre a violencia escolar e cheguei á conclusión terrible de que é a propia institución escolar a que provoca e promove os comportamentos agresivos e violentos que tanto nos escandalizan logo aos adultos.

    Non sei. É un tema moi complexo e delicado que desde logo o autor manexa con mestría narrativa.

    E, por suposto, hai moitas outras lecturas posibles e moitas outras derivadas que se poderían considerar.

    Xabimusic

    ResponderEliminar
  14. Vexo, entón, que foi unha boa suxestión a lectura do libro. Verdade que deixa a un totalmente escorado?
    Moitas grazas por lelo, moitas grazas pola reflexión, moitas grazas por estar aí.
    Saúdiños

    ResponderEliminar
  15. Pois non sei moi ben que queres dicir con esa expresión de "escorado"

    Xabimusic

    ResponderEliminar
  16. Con este libro estame pasando algo curioso; algo que só me pasaba coa música: leva todo o día resoando na miña cabeza (na miña memoria) e continuamente véñenme imaxes e episodios á mente.

    Xa digo, isto só me pasaba antes coa música. ¿Será normal, doutora?

    Xabimusic

    ResponderEliminar
  17. MMMM, non é a miña especialidade, pero creo que si, que é normal. Cando un libro "deixa a un escorado" significa -e non sei se veño de inventalo- que deixou a un tremendo. Algo así. Iso fai que resoe na cabeza do lector.

    ResponderEliminar
  18. Comezas cun sorriso,case parece un libro de humor, pero terminas cuestionóndoche moitas cousas. Un tratado de educación con moitas incógnitas por resolver.
    Unha boa recomendación de lectura.
    Marga

    ResponderEliminar
  19. Marga! Que máquina, xa o liches!
    Si que é un tratado de educación. Eu sigo a preguntarme, seremos capaces de renunciar ao exercicio dos Dereitos Humanos por "salvar" aos nosos fillos? Ata onde chegaremos por eles? A min dáme pánico, sinceramente, o xeito de actuar dos protagonistas. E con ese dito que di "nunca digas desta auga non beberei"...
    Grazas por achegarte! moitos bicos

    ResponderEliminar
  20. Xa teño o libriño co bogabante na mesilla. Tes que lle mandar a Salamandra tanto comentario no blog!!

    ResponderEliminar
  21. Querido Ernesto: xa me comentarás se che gusta.
    Salamandra ten moi bos libros, que lle imos facer!

    ResponderEliminar