23/03/11

Florentino, o príncipe Quino


Divertida "cochinada" a que propón Xerais con Florentino, o príncipe Quino de Gloria Sánchez con ilustracións de Xan López Domínguez. Un cocho moi limpo que non debería selo e unha cocha moi porca que tampouco está ben vista: un canto ao respecto do "ser diferente".
A min paréceme unha boa proposta de lectura: un mundo ao revés que ama todo o que nós rexeitamos pero que causará sorpresas ante tanta inmundicia: nun ar irrespirábel os corrichos desexan vivir; gústame esa sensación de unidade do país cun príncipe que anceia oler as flores e andar limpo, así como aprender cousas diferentes que non están nos libros "impostos": a sublevación de Quino é unha metáfora marabillosa de liberdade.
Claro que ao final descubriremos que tamén hai reinos onde impera a limpeza. Pero o máis importante volve ser o amor: ese que pasa de diferenzas e todo o perdoa, non porque polos opostos se atraian senón porque a soidade nunca é boa conselleira e tod@s necesitamos unha compañía que nos acaia e que nos lembre que non sempre temos a razón.
As ilustracións, moi típicas de Xan, son máis lenes que o propio texto, funcionan como contrapunto á lectura dándolle un toque de imaxinación que vai máis alá da palabra escrita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario