30/09/11

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata

Publica Sotelo Blanco este libro moi apropiado para o primeiro curso da ESO: Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata, con texto e ilustracións de Maties Segura e Abraham Carreiro. Vou probar co alumnado a ver se lles gusta, pero dáme que si. Aventuras moi actuais, tecnoloxicamente falando, dun neno de once anos que bota de menos ao seu pai morto e que é moi afeccionado aos videoxogos, mantendo unha relación de amizade virtual e véndose envolto nun conflito co que de nin de lonxe podería soñar. Moi entretido, a lectura resulta agradable, aínda que o final sexa algo frouxo por desenlear demasiado axiña e sen comprometerse, non sei se agardando unha segunda parte.
Moi apropiado tamén e coido que efectivo o feito de non se contentar só co texto, posto que alumnado e lectores teñen a posibilidade de chegar ao libro a través da rede, posto que conta coa súa propia páxina web, www.xoeliki.com., onde poderemos acceder a cada un dos personaxes, poderemos coñecer aos autores, saber como e por que, e mesmo convidarannos a formar parte dun foro e sermos da súa Rede Social Tesouros Piratas. Algo que vai encantar.
As ilustracións que acompañan o texto impactan por seren moi especiais, cunha cor que nun principio pode semellar chocante.



Ningún comentario:

Publicar un comentario