27/01/12

NON á incineradora n' O Irixo

Despois das eleccións xerais do 20 de novembro de 2011, soubemos da aprobación polo Goberno de Galicia da implantación dunha incineradora de residuos urbanos no Concello de O Irixo (Ourense), (Complexo de tratamento de Residuos Urbanos do Sur), preparada para incinerar (tratar) os residuos urbanos do Sur de Galicia (provincias de Ourense e Pontevedra), e adxudicada á empresa Estela Eólica.

A construción desta incineradora aparece reflectida no Plan de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 (Resolución do 7 de febreiro de 2011), onde aínda recoñecendo nas súas conclusións que a xeración per cápita de residuos en Galicia está por debaixo doutras Comunidades de España e doutros países da Unión Europea e que no período de 1998 a 2009 aumentou arredor dun 50%, segue apostando pola incineración e poñendo de relevo a pouca ou total aplicación doutros métodos de tratamento de residuos onde se prime a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos, ademais da compostaxe da materia orgánica (que supón arredor do 50% da bolsa de lixo de cada fogar galego).

A aposta pola incineración do goberno galego supón unha forma rápida de desfacerse dos residuos urbanos, pero pouco respectuosa co medio ambiente, contamina o aire (prodúcense dioxinas e furanos potencialmente canceríxenos), a auga e os solos. Pasa á cadea trófica e por ende ás persoas e pon en perigo a agricultura e gandería das comarcas máis próximas, non é propia dun país moderno nin está xustificada polo volume de lixo xerado nunha Galicia pouco poboada, e contradí claramente normativas como:

Directiva 96/61/CE, do 24 de setembro de 1996, relativa á prevención e ao control integrados da contaminación.

Lei 16/2002, do 1 de xullo, sobre a prevención e control integrados de contaminación.

Lei 38/1995, do 12 de decembro, sobre o dereito de acceso á información en materia de medio ambiente.

Real Decreto Lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba a Lei de Avaliación do Impacto Ambiental de Proxectos.

Nas que se trata de garantir un medio ambiente libre de contaminación e onde se poñen medidas claras, estritas e restritivas ás industrias que contaminan, e ademais se pon énfase no dereito á información en materia de medio ambiente para toda a cidadanía afectada directa ou indirectamente por estas prácticas industriais que poidan xerar contaminación medioambiental.

O Goberno Galego, aplicando un total escurantismo, concede á empresa Estela Eólica antes incluso da entrada en vigor da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, a construción desta incineradora do Sur de Galicia. Nesta Lei deixáselle as portas abertas, como se recolle no capítulo III, a todos os proxectos industriais estratéxicos (nos que entraría a construción desta incineradora), para a máxima prioridade en todas aquelas condicións necesarias para a súa construción e funcionamento.

A creación desta incineradora viría a sumarse á que está funcionando desde 1996 no Concello de Cerceda (A Coruña), a máis grande de todo o Estado Español, poñendo de relevo, unha vez máis, a clara e única aposta deste Goberno pola incineración como tratamento dos residuos urbanos. Incineración que, ademais da propia contaminación no proceso de tratamento do lixo, xera un 30% de escouras e cinzas altamente contaminantes (metais pesados) que hai que logo almacenar. Asemade a ubicación desta industria nunha Comarca do interior de Galicia, cunha poboación avellentada, un alto índice de despoboación e moi afastada dos núcleos de maior produción do lixo que se vai “tratar”, fai pensar nun aumento dos gravames ou impostos municipais pola recollida e “tratamento” do lixo, sabendo que os custes do transporte son un dos atrancos máis importantes na viabilidade económica destas industrias, como se recoñece no propio Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia, e que unha empresa privada como é Estela Eólica non vai pasar por alto con toda seguridade.

En definitiva vender a creación desta industria como mecanismo de asentar a poboación nas zonas rurais ao crear postos de traballo (moitos menos dos que se di) e un aumento do nivel de vida da zona é unha falacia que compromete moitos máis postos de traballo xa creados ou con posibilidade real de creación nun futuro inmediato e pon en perigo a saúde das xeracións actuais e que están por vir.

Este domingo, concentración n' O Carballiño ás 12,30.

Podedes asinar aquí.

E ler estoutro artigo. No blogue Imos Indo, tedes un par de entradas ás que cómpre pór atención.

Ningún comentario:

Publicar un comentario