25/04/12

Unha pantasma percorre Galiza

Este é o boísimo discurso que aplaudimos este domingo ao finalizar a manifestación que percorreu as rúas de Lalín contra a incineradora. Agradezo a Manuel Igrexas que mo conseguise, e á súa autora -Tamara García-, unha moza ben nova, que conforme futuro deste xeito.


Unha pantasma percorre o Deza e Galiza enteira, é a pantasma da Incineradora, que se coa polas rúas, as hortas, as estradas…. Hoxe, aquí, agora, tócanos a nós combatela. Dende a lingua que nos é propia, e erguendo a voz tanto como sexa necesario, hannos oír! Hoxe tócanos a nós estar aquí, defendendo a nosa terra como noutro tempo a defenderon os veciños da nosa comarca, para que hoxe nós poidamos seguir vivindo nela. 

         E se hoxe podemos gozar dela temos tamén a obriga de protexela. Mais nunca contamos cun inimigo tan forte coma nesta ocasión. Queren acabar con todo! Despois de tantos desastres medioambientais como ten sufrido a nosa Galicia, o goberno da Xunta quere implantar e impoñer a maior das aberracións nunca vista nas nosas terras. E digo quere impoñer, si, porque a instalación desta incineradora con ninguén foi consultada, perdón si, cos dirixentes de Sogama, que vaia casualidade, son que van sacar todos os beneficios queimando o noso lixo e destrozando por completo os nosos montes e medios de produción.

         Onde queda a defensa do medio rural que aparentemente tanto interesa á Xunta? Ou só se adican a facer políticas de marketing? Todos os produtos da nosa actividade agrícola e gandeira pasarán a comercializarse agora cun plus, con dioxinas! Se chegan a comercializarse, porque realmente quen vai mercar os nosos produtos sabendo que a escasos quilómetros hai un complexo que queima os residuos de media Galiza? Será que o alcalde de Lalín (capital do Deza) esquece que habitamos nunha comarca que vive fundamentalmente do agro e o gando? O libre mercado do que “gozamos” será implacable con nós. Pero xa non poderemos dicir o que sempre dixemos en época de crise:
         “Na aldea sempre hai que comer; porque somos quen de autoabastecernos coas nosas hortas e animais”
         Mais agora imos ter que cambiar esa frase ancestral, unha estraña profecía pasará a cumprirse se non actuamos axiña. Todo o vento que vemos pasar pode deterse nun intre. Pero, como se sente un sabendo que poderiamos perdelo para sempre por causa dunha catástrofe deste calibre sobre as nosas terras? A sensación é a de estar inmersos nun pesadelo vertixinoso, sen saber onde imos caer.

         Non estamos a falar hoxe aquí de ningunha utopía, só da loita polo que nos pertence e é noso. Temos absoluta lexitimidade para protestar e para manifestarnos en contra deste tipo de decisións que se converten nunha “negra sombra” que a todos asombra. Non queremos que por causa desta teñamos que vivir unha noite de pedra eterna. Non queremos que o capitalismo forme parte do noso organismo e nos converta a todos en máquinas. Non somos robots, nin imos permitir que nos fagan vivir nunha sociedade kafquiana. Con todo o noso dereito para cuestionar e frear ataques e decisións que nos prexudican a todos como pobo, farémolo! É iso o que hoxe estamos demostrando aquí! Non temos porque irnos do noso país, e ninguén ten máis dereito ca nós a gozar del. Entón, como pretende o goberno da Xunta que apoiemos unha decisión que rematará coa nosa propia autodestrucción?   

    Estamos nunha nova época, nunha sociedade onde os pobos teñen dereito a decidir, porque a nós non nolo dan? Cal é a escusa desta vez? Non queremos volver aos tempos doutrora e ter que dicir “Adios ríos, adiós fontes, non sei cando non veremos….” Pois imos seguir a velos tódolos días, porque non van poder con nós, xuntos somos invencíbeis. A terra onde me eu criei, ao igual ca vosa chámanos a todos para que actuemos. E nós acudimos e acudiremos á chamada actuando, apoiándonos nos feitos e nas nosas poderosas verbas xa que tamén “a lingua é o noso escudo”.

    O vento de hoxe trae aires de cambio, pero o que non queremos e que  traia fume. Os nosos chourizos xa os afumamos nós, o que non queremos e que nos afumen a nós. Estaremos culminando cada berro coas nosas voces, non imos calar, por moito que o goberno e a propia empresa Sogama nos siga a ocultar información. Na terra onde chove todo o ano, estaremos agardando, escampe ou non, para seguir atacando! É xa hora de erguer as nosas voces oprimidas e estendelas polo noso país, o xerme da revolución está hoxe aquí. Esixindo o noso dereito a decidir, recordándolles que todas as persoas temos dignidade, que esta non ben dada polo poder económico capitalista, e como tales temos dereito a unha vida digna e a respirar o noso aire, non fume de lixo queimado!

         Os rumorosos están a falar de novo e din que o pobo unido xamais será vencido!
só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Incineradora, non!


Tamara García Rodríguez, presidenta da Plataforma Incineradora no Deza Non
Lalín, 22 de abril de 2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario