01/10/12

As humanas proporcións

Puntual coma sempre, a nosa colaboradora habitual e insustituíble, ofrécenos hoxe outra lectura. Graciña, Carme.




 As humanas proporcións, escrita por Xesús Constela Doce, é unha obra editada por Galaxia, que gañou o Premio Torrente Ballester no 2003. Conforman un conxunto de  relatos protagonizados por variados personaxes cotiás, case todos eles cun fío de unión a algún mundo fantástico e, nalgún caso, pretérito.
             Observáse o fastío dunha ama de casa e a súa particular caixa das lembranzas en As lembranzas todas. O diálogo, a través das novas tecnoloxías, co cadro que ilustra a portada da obra en Non escoites a Giovanna (conto cun final que lembra ao ferriniano Un chinche durme no teito). O empregado do banco que, sen querer, chega a ser o home xeografía en Geographos.
 Noutros contos atópanse temas como a inmigración, as mafias e a nostalxia, nas duras horas da travesía, do amor deixado atrás. As matemáticas, que en todo están e elas son todo. A ilusión, cuase infantil, que se pode ter na vellice. O tesouro que supón ter avós e poder gozar deles. Ou o luxo máis exquisito mesturado co macabro máis horripilante no conto de Lily, que con ironía e sarcasmo reflicte o absurdo e superficial dalgunhas xentes e os ambientes polos que discorren as súas vidas.
            Cun estilo áxil que se agradece, ofrécese como unha lectura amena que non deixa de invitar á reflexión.
            Pasado un pouco tempo xa están os 2 na cama acuruxados. Trazan paralelas, bisectrices, mediatrices e perpendiculares. Elévanse á máxima potencia. ¿Que máis lles dá a regra de 3 se se aman a compás de 3 por 4? ¿Que importa que haxa que traballar mañá, se o seu universo é finito e remata nos vértices deste polígono regular onde se apertan os dous deitados? (do conto Algarismos. Divertimento alfanumérico.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario