Unha das novidades que nos ofrece OQO é este álbum de Pep Bruno ilustrado por Amrei Fiedler: Demo de dente!. Un libro sobre canto método se pode utilizar para facilitar a caída prematura deses dentes que bailan na boca pero que non se deciden a caer por si sós. Claro que aquí toparedes unhas solucións ben divertidas e estrambóticas, tanto que eu case aconsellaría non seguir as súas indicacións de uso, non vaia ser! (cando menos o da bici ten os seus riscos...). Para cando se procure diversión na casa, hai a posibilidade de escoller o método entretido, e ese si que está claro que o é.
Desde logo, encantoume a proposta, imposible non debuxar un sorriso na face do lector mentres maxina cada unha das posibilidades que este libro nos ofrece. O mellor é o resultado: o dente acaba por caer, antes ou despois. Así que mentres agardamos podemos seguir utilizando o álbum como libro de consulta, aínda que non o practiquemos. Como podemos observar na última ilustración, a historia seguirá acompañada dun rato... e a ver que pasa!
As ilustracións son para pararse, posto que están cheas de pequenos detalles que haberá que repasar con lentitude, posto que cada detalle conta.



Ningún comentario:
Publicar un comentario