26/02/14

Dos tempos sombrizos

 
O último poemario publicado por Xerais de Daniel Salgado é Dos tempos sombrizos, I Premio de Poesía Gonzalo López Abente. Poemas que conforman un diario, poemas que falan da sociedade, de compromiso, de liberdade, de xustiza. Por riba, ou en derredor, a música. Por que non sentir o jazz mentres lemos a Salgado? Con el, permanece un agocho para a esperanza, porque sabemos que non estamos sós, que hai poetas que senten coma nós e deciden loitar dende a palabra. Palabras que son armas. Pero armas fermosas que desexamos posuír.

A realidade esténdese
pola última mañá de outubro.
Pensas na folga máis antiga da historia
-contra Ramsés III, 1166 a. C.-
e na sucesión de corpos insurrectos.
Nin así dás evitado
esta sensación de frío colectivo.
O tempo en que nos adentramos
é incerto, consideras.
Ningún sinal indica
que non vaia haber sangue e lume.
O prezo a pagar doe, pero doe
nos ósos.
Non existe metáfora dispoñíbel
para as actuais circunstancias.
Sentimos na propia carne
o vento que empurra os salgueiros.

                                                   1 de novembro



Xúntanse ao pé do río, pero cara ao interior.
Na fronteira.
Celebran que unha vez houbo república
na formación social histórica que chamamos
Estado español.
A memoria fai parte do corpo.
Doe nas mans.
Cando lembran, sempre están na fronteira.
Os camiños teñen cicatrices.

Ningún comentario:

Publicar un comentario