17/05/14

Onde nunca é mañá

 
O último libro de poesía de Manuel Álvarez Torneiro que publica Kalandraka na súa colección Tambo: Onde nunca é mañá é un poemario de vida, sobre todo. De vida e pola vida. Unha vida máis, sen ser especial, unha vida dun home que vive, que respira, que latexa, que sofre e que pode ser feliz en determinados momentos. Un mundo poético propio onde non faltan versos de poetas como Valente, nin a música de Schubert ou os fíos da vida que van formando un nobelo arredor dunha nostalxia que lle dá, asemade, nome e vida ao tempo porque este é tamén contemporáneo e a voz lírica resulta imparable nun acto de esperanza.

 ALGO SUCEDE SEMPRE

Cando non pasa nada algo sucede.
Algo ocorre na ausencia da galerna,
na quietude da araña
e no omitido en todos os horóscopos.

Mentres, dormen as dunas e os penedos,
todos os os violíns desafinados
baixo un vento sen rumbo.
Mentres o inverno terma dos seus lobos.
Mentres na proba
a pausa das apertas
e se extingue unha lámpada
e se recolle o gando
e os libros se concentran
en luz retrospectiva,
algo vive estremado,
algo axexa, algo alenta,
algo agarda.
Algo de nome non sabido,
acaso todo
cando non pasa nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario