18/05/14

Un microrrelato de humor para celebrar as letras galegas en Oxford

Gustoume moito e tráioo para aquí.

Microrrelato gañador: «O peixe conxelado»

Eu era un peixe nadando nunha sopa.
Sempre soñei con ser unha estrela de cine, pero un día presenteime a un casting e alí dixéronme que antes que deixar que fose actor sería mellor fritirme. Eu díxenlles que a min o aceite me repetía e propuxéronme un papel máis axeitado para a miña valía: ser o protagonista deste prato, mentres non me achegase a lingua o gato.
Pero chegou o día en que se achegou o felino, coas súas poutas afiadas e os seus dentes xenuínos. Tentaron salvarme as ameixas, esas amigas que aínda que son duras por fóra por dentro son tenras, e o gato estrañouse ao ver como o atacaron.
Sen perder a compostura puxo fin ao altercado explicándonos que el era un gato vegano.
Como ía moita calor invitámolo a nadar na sopa xa fría, pero o mico estremeceuse ao ver que a súa pelaxe se mollaría. Vaia falta de respecto, non aceptar o noso convite! Iso superaba xa o noso límite.
Vingámonos del facéndoo beber, pero tragounos sen querer e a viaxe cara á súa barriga non a puidemos deter.
Agora eu son un peixe nadando na barriga dun gato, e non un gato calquera, un gato vegano! Pobre mico, pobre gatiño, que para unha vez que comía un peixe non era fresco, senón conxelado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario