Vía
Blogue de Gracia Santorum e de Anxo Fernández, de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
29/04/15
A neve interminable
Volve o prezado mestre Agustín Fernández Paz a darlle unha volta a esa vida de misterio da que tanto goza con este novo libro A neve interminable que publica Xerais, un libro que contrúe unha ponte co famosísimo e súper-lido Cartas de inverno, publicado en 1995. Unha ponte de feitos que desafían a razón, xa que logo, de medo; porque o medo é iso: o produto de encararnos cun mundo que non ten explicación, que racha coa convención do noso mundo racional. Podemos imaxinalo, pero aí está. Esta é a ponte que vén de rematar Agustín, paseemos por ela ben agarrados para non caer: hai trampas no camiño, buracos sen fondo, agarradeiras falsas, estradas incertas.
O mellor desta obra que vimos de ler, ademais de conter o bo facer de Agustín, é a variedade de historias que nos propón a trama principal, ese xogo de escritos e argumentos para escollermos cal nos gusta máis, unha historia de historias de diferentes voces narrativas que intercalan o que acontece cos contos que escriben @s protagonistas, esa mestura de pantasmas que foxen da soidade, vampiros moi familiares, monstros que ninguén ve e vinganzas eternas. Arredor destas, a tormenta perfecta, a que non ten fin e que sacode a relación cunha natureza que esquecemos respectar pero que sabe -tamén ela- vingar a súa autoridade.
De fondo, unha homenaxe permanente e típica do autor, ao mundo do cine e a autores de referencia como Howard Phillips Lovecraft, Mary Shelley e Lord Byron. Deste último mesmo poderemos ler na nosa lingua o seu poema apocalíptico "Darkness".
E todo isto xorde do interese de Agustín polas lecturas arredor do "Ano sen verán" en 1816, cunha translación semellante para pór nun lugar illado a un equipo de guionistas en circunstancias climáticas extremas.
Que lles acontecerá?
E todo isto xorde do interese de Agustín polas lecturas arredor do "Ano sen verán" en 1816, cunha translación semellante para pór nun lugar illado a un equipo de guionistas en circunstancias climáticas extremas.
Que lles acontecerá?
28/04/15
La pequeña Amelia se hace mayor
Paula Bonet e Elisenda Roca son as artistas que fan posible este precioso pop-up que publica Combel: La pequeña Amelia se hace mayor. Un libro que fala sobre a aventura de medrar dun neno pero desde a voz dun adulto. Cada cousa é susceptible de se converter nun acontecemento. E o máis curioso é que os obxectos teñen diferentes tamaños segundo a nosa estatura vaia mudando!
A estética da ilustración é que lle é característica a Paula Bonet con grandes meixelas vermellas e delicadas que alcanza no pop-up o seu máximo esplendor. (E que a min encántame!!!)
27/04/15
Mr Tutti y las 100 gotas de agua
Xa sabedes que me encantan os álbums sen palabras. Así que cando mirei este na libraría, xa me gustou. Pero cando o "lin", namoroume. Mr Tutti y las 100 gotas de agua está publicado por Barbara Fiore e é de Noh In-Hyung: unha metáfora preciosa de todos aqueles obstáculos que os pais deben solventar na educación dos seus fillos, o inmenso amor que os posúe e o feito de que farán o que cumpra por defendelos. Aínda que sexas un enorme elefante torpe coma neste caso, sempre loitarás por aquilo que máis amas: a familia. E é que este elefantón amoroso é un símbolo de todos os pais do mundo reflectido xa no seu nome.
Visualmente, ademais, é un álbum curioso porque o artista baséase no "pixel art", xogando coa atención do lector e da lectora, xa que un xogo que nos ofrece é descubrir aqueles animais pequenos que están agochados e tamén a posibilidade de contar as gotas de auga que van quedando no cubo.
Que bonito é o amor!
Mr Tutti y las 100 gotas de agua recibiu o BIB Golden Apple Award 2013.Pingas de reflexión
O artista inglés John Holcroft amosa na súa obra chea de ironía e humor unha mensaxe clara e directa na que critica algúns aspectos da sociedade actual:
Grazas, Mar
Galicia Encantada. O País das mil e unha fantasías
Antonio Reigosa lévanos polo mundo da fantasía popular neste libro que publica Xerais: Galicia Encantada. O País das mil e unha fantasías é unha máis que acertada antoloxía do contro de tradición oral popular de noso, de agora e de sempre, xa que ademais das lendas tradicionais poboadas por mouras e mouros temos tamén lendas urbanas actuais nas que se fala do roubo de órganos humanos, por exemplo. Vinte e oito grupos son os elixidos por Reigosa para agrupar os contos: O Alén, Heroes e Heroínas, Toponimia, O Demo... unha viaxe no tempo e no noso ricaz imaxinario. E non esquezamos aprender na sección de "Sabías que", xa que todo o que alí nos contan está cientificamente comprobado! (Para curar a
dor de cabeza hai que botar leite nunha bolsa de plástico, envolver nun
pano, deitarse e aplicar o envolto enriba da cabeza ata que pase)
Lectura apaixoante que permite o gozo das lendas, dos ritos, dos sucedidos, da nosa Galicia máis máxica, esa que porfía na fantasía e que nos conta do seu propio espírito, unha alma encantada que nos deixa un ronsel de soños arquivados por Reigosa con cincuenta autores
e autoras. Historias suxestivas que nos fechan os ollos nun mundo onírico de noso. Seres míticos, poderes, criaturas, amuletos, perigos, fontes... de todo hai neste imaxinario que non ten fondo, nesta guía enciclopédica dos encantos -e encantamentos- deste noso país.
Desde logo, se quedades con ganas de máis, que quedaredes, non tedes máis que pasear por galiciaencantada.com,
o espazo web creado e mantido por Antonio Reigosa en internet, xa que este libro é unha mínima parte dun amplo arquivo.
Di Xabier P. DoCampo no prólogo desta obra que “a
narración aspira a se facer memorable no sentido de ser digna de
permanecer na memoria, despois narrala é incorporala á experiencia
propia, mais tamén á das persoas que escoitan, onde o sabido de oídas se
acomoda ao pé do máis propio e faise experiencia” e remata: “Así foi sempre e así segue a ser, e seino porque eu veño dun tempo no que só existía o tempo e a palabra”.
Non á violencia contra as mulleres (CDXI)
Son responsable de non ser violada? Anna Akana, youtuber, fala satiricamente sobre a violación.
25/04/15
Libros que cobran vida
Do Facebook de "Yo soy lector" collo esta serie de fotografías onde o
artista Pierre Beteille combina o seu gusto pola lectura coa maxia dixital para crear unha serie de autorretatos divertidos e inspiradores:
El idiota, de Fedor Dostoievski
El libro rojo, de Mao
El retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde
Escritos de un viejo indecente, de Charles Bukowski
Esposa intocable, de Barbara Cartland
Juan Salvador Gaviota, de Richard Bach
La Biblia
La guerra de los mundos, de H. G. Wells
La naúsea, de Jean Paul Sartre
La peste, de Albert Camus
Las aventuras de Pinocho, de Carlo Collodi
Lo que el viento se llevó, de Margaret Mitchell
Los viajes de Gulliver, de Jonathan Swift
Robinson Crusoe, de Daniel Defoe