Absolutamente marabillada quedei con este libro de Mercedes Leobalde que publica Xerais: Funambulistas é un monllo de relatos ou microrrelatos -vinte e seis- que non deixa indiferente e, o que resulta aínda de máis valor, paga a pena lelos todos. Orixinalidade, sorpresa, estilo, ironía, ligazóns, parodia... de todo hai neste libro. E vaia por diante que o acollín con certa reserva porque eu prefiro ler novela. Porén, abraioume a profundidade, a exactitude das situacións, as ligazóns que establece en ocasións entre uns relatos anteriores e outros posteriores... a metáfora da vida que nos devora e que no libro vai marcando un ritmo pausado e nunca esgotador, ofrecéndonos moito para cavilar. Paseamos por temas tan importantes como a violencia de xénero, a moral católica, a maternidade adolescente... e mentres lemos decatámonos de que a autora é capaz de mesturar estes temas co humor, con distancia, con brevidade.
Coido que este libro é do mellor da Literatura Galega deste ano que vén de comezar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario