O último libro que nos ofrece o noso admirado Petros Márkaris é Hasta aquí hemos llegado, publicado por Tusquets. Segundo o seu autor, este é o derradeiro libro que escribe sobre a crise no seu país, Grecia, o que non implica que remate de falar do noso detective Jaritos. Menos mal! Pero a verdade é que ler os libros desta triloxía da crise sumen ao lector/a na tristura máis profunda, tentando non comparar a sociedade que describe coa española.
Coido que a medida que foi avanzando na escrita da saga de Jaritos, a súa familia foi cobrando protagonismo, sobre todo a muller, que se converte arestora na administradora perfecta dunha casa que ten o xusto para chegar a fin de mes; asemade, a filla será coprotagonista tamén neste libro, xa que é atacada por defender inmigrantes no seu traballo. Por tanto, de pano de fondo non só estamos a falar da crise, da corrupción, senón tamén dun problema ben importante que atinxe arestora á sociedade grega, o grupo neonazi "Amanecer Dorado".
Por tanto, non só hai crimes e asasinatos por resolver, senón un pano actual para sabermos máis da situación que se está a vivir en Grecia. É, así, unha lectura pouco agradable porque é realmente desolador todo canto lemos. Os asasinatos que Jaritos ten que investigar quedan nun segundo plano porque o importante é o que non o semella.
Moito máis que unha novela negra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario