Non queremos deixar paso o Día do Libro Infantil e Xuvenil sen falar d' O meu pesadelo favorito de María Solar, publicado pola editorial Galaxia, Premio Lazarillo 2014. O fío condutor da historia é o soño dentro do soño, algo que pode chegar a ser un auténtico pesadelo, como o título reza. E por baixo, o humor, a ironía fina que sabe mesturar personaxes reais e ficcionais, nun batiburrillo que nunca deixa de ter sentido e que atrapa o lectorado para tentar averiguar en que e como poderá rematar toda esta lea. No medio desta, hai lugar para os sentimentos, un lugar digno onde un bico significa algo máis ca un recordo -a parte máis emotiva da historia e non menos necesaria- e onde as persoas procuran ser en si mesmas un trasunto desta humanidade que nos debería sinalar e afastar. Así, por tanto, a fantasía, a imaxinación, o onírico, constrúense sobre unha base real que remata nun goce da lectura, como unha saída envolvente e digna. Tanto, que ata hai ciencia-ficción entre as 175 páxinas do libro!
Xunto o texto, ilustra María Lires utilizando liñas redondeadas coa cor verde como protagonista -supoño que elixida para facer xogo cos cadelos-. Síntoo, pero teño que dicir que non me gusta esta edición: coido que vai sendo hora de que a editorial Galaxia deixe de utilizar o bitono e pórse ao día na publicación de libros a toda cor. Pero, claro está, é só unha humilde opinión dunha lectora.
“Os beixos son a nosa fonte principal de
enerxía, non hai nada máis enerxético no Universo ca un bico”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario