Fermoso libro o que nos propón María Lado co título oso, mamá, si? e que publica a editorial Xerais. María constrúe un poemario arredor da maternidade, superando os clixés -o que poida haber de ñoñez- e onde non só hai tenrura, senón tamén hai soidade, hai agarimo, hai ironía, hai violencia e onde o neno tamén ten voz, os poemas deixan paso ao diálogo cobrando mesmo moito peso. Pero o universo poético da autora segue presente nas referencias ao cotián, á infancia, ao mar, á paisaxe fisterrá.
María non pon títulos aos seus poemas -poderán estar marcados en negriña polo poema adiante- pero si os organiza numericamente, sendo o primeiro a experiencia da maternidade e constituíndo o contraste primixenio. Xenial, para min, a retranca que utiliza cando fala das visitas -esas que tan molestas poden resultar- ata dar paso a poemas máis escuros, violentos, mentres imos medrando con ese neno que, ao fin, soltará as mans para viaxar por si só. Fermosas e suxestivas as imaxes que utiliza para poetizar a realidade cotiá, imaxes tan sinxelas como poden ser a cicatriz da cesárea ou o ambiente hospitalario, esas persoas que entran e saen facendo o seu traballo mentres a parida séntese única na súa dor e ledicia; detrás sobrevoa a tiranía dos horarios da nosa sociedade. Os elementos da natureza serven para amosar a primeira relación do neno coa contorna, tanto social como paisaxística para amosar as dúbidas primeiras e os medos primeirizos que enfrontamos. A violencia cotiá está omnipresente no realismo dos poemas, buscada para afastarse desa visión "naif" da maternidade, ou o feito de que a maternidade une a todas as nais do mundo, por iso nalgún poema a presenza de África.
E por riba dos versos sobrevoa Sylvia Plath.
E por riba dos versos sobrevoa Sylvia Plath.
Destaco o poema da botella pola súa intensidade e pola maxia marítima que nos agasalla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario