13/05/15

Máis alá da fiestra

Moito temos que agradecer á editorial Kalandraka. Desta volta, por traernos a Maurice Sendak, descubrírnolo, agasallárnolo na nosa lingua e ofrecernos a oportunidad de "flipar" cun álbum nas mans que non queremos pechar. Máis alá da fiestra, última publicación -de momento- do "ano Sendak" da editorial é un libro para demorarse. Para mirar pola ventá e soñar. Para lembrar que debemos saír por ela correctamente. Porque é a ventá un elemento importante da lectura que nos ocupa, unha lectura que require atención e tempo para perderse nas ilustracións tan incribles que nos ofrece -coa influencia de pintores románticos alemáns- e a historia -habitual nel, afastada de toda ñoñería- que nos atrapa.
A fiestra é unha metáfora que conxuga un mundo real cun mundo fantástico, e desta conxunción poden saír ou aflorar todo tipo de medos. A aquilo que tocamos e a aquilo que non é tanxible pero que semella real. Por iso dicimos que aquí é fundamental, porque a nena protagonista sae por ela para converterse en salvadora pero  faino "despistadamente" e así non é como funciona o mundo que ela comeza a percorrer. Estes medos tradúcense nun poema visual e sonoro que ofrece moitas lecturas, unha reflexión sobre os ciumes e sobre a infancia afastada de estereotipos bondadosos.
Un libro que Sendak concibiu como homenaxe á súa irmá, quen o coidaba cando el era pequeno.
Parece ser que a historia está inspirada no impacto que lle produciu no ano 1932 o secuestro do bebé Lindbergh, asasinado con menos de dous anos de vida.
Un libro para  atesourar. Como boa alfaia que é.




Ningún comentario:

Publicar un comentario