Na procura de lecturas para o meu alumnado chego a este libro de María López Sández publicado pola editorial Galaxia: O faro escuro. Unha novela de doada lectura e escrita sinxela, de capítulos moi curtos, que quere achegarse á novela negra, creo, aínda que tamén á psicolóxica. Non hai moita acción nin intriga, pois desde a metade da novela, senón antes, xa sabemos que ocorre e case podemos intuír un final, que chía un pouco, nada atraente e sen forza. Pode atraer, si, que o peso da novela resida en dúas figuras femininas, fortes, diferentes de seu, que parten dunha decisión. Será precisamente a decisión da protagonista xornalista a que desenvolva todo o argumento, sen ser xulgada máis que polos lectores e lectoras; unha decisión en momento extremo que marcará a súa vida. Poderemos fabular en cal sería a nosa decisión de estarmos no seu lugar, pero o resto da novela non ten unha gran singularidade. Coido que falta unha profundidade maior tanto nas personaxes como na acción.
Lese rapidiño pero non deixa pegada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario