Volve Antonio García Teijeiro regalarnos poesía marítima, desta volta da man do ilustrador Xosé Tomás e a editora Embora. Palabras do mar, que forma parte dunha triloxía poética publicada en tres editoras galegas diferentes, ofrécenos poemas aparentemente sinxelos para un lectorado novo, suxestivos, rítmicos. Palabras do mar forma parte dunha triloxía de poemarios sobre o mar que o
autor publica -publicará- en tres editoras galegas diferentes. No caso deste editado
por Embora, o libro inclúe fermosísimos poemas oníricos sobre os
elementos marinos e os sentimentos que estes provocan. O mar como eixo que vertebra diferente formas poéticas -dende haikus a coplas- e que nos arrastra por un mar vestido de ondas, barcos, sereas, lúas... Un mar cheo de poesía que á súa vez sente o poema como seu e regala versos aos peixes, á escuma, porque o mar ten palabras que só os seus habitantes poden comprender. E nós, dende fóra poderemos participar de tanta magna beleza que García Teijeiro sabe traducir para nós, incompetentes tradutores que precisamos dun marabilloso tradutor.

Ningún comentario:
Publicar un comentario