18/05/16

Será correcto?

Sempre recordo cando, nunha excursión desas de varios días que mestres e mestras tolas facemos, comenteille a unha nena -unha moza exquisita, educada, sensible, estudosa- que non debía sentarse así á hora de comer, amosándolle o xeito correcto; ela miroume en fite e contestoume que xamais nunca ninguén lle dixera nada diso. Así que ao recibir este libro de María Canosa e Concha Blanco que publica Hércules edicións baixo o título Será correcto? acordeime dela e da utilidade que nos presenta este libro para determinadas ocasións -nalgunhas non estou moi de acordo, pero tamén as autoras deixan clara a súa postura ao respecto-. Un libro de carácter divulgativo que achega as normas de respecto a toda a poboación dun xeito desenfadado e ameno, fuxindo do protocolo de alto "stánding" e ao que acudir en moitas ocasións para non caer en malas educacións na vida cotiá. As últimas páxinas ofrecen un exame de contidos para traballar transversalmente estas temáticas en ámbitos docentes.
O libro conta coas ilustracións de Paula Mayor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario