07/06/16

El viaje

(La Pequeña) Impedimenta publica este que é dende xa un álbum imprescindible de Francesa Sanna que leva por título El viaje. E dicimos que é imprescindible porque o que nos conta de xeito sinxelo é o drama da inmigracións, ese drama que se vive arestora con toda intensidade en tantas partes do mundo e que moitos dos que habitamos nos países occidentais queremos obviar; mesmo semella que xa estamos acostumados a convivir con esa dor que desexamos afastar. E non é así, é un drama que debemos tentar resolver entre todos e todas e ao que non podemos darlle o lombo para mirar para outro lado coma se nada pasase porque en calquera momento nós podemos estar aí.
Así, este álbum lémbranos o que viven centos e miles de familias, a dor da perda, da separación, a procura dunha vida mellor. Un álbum que forma en solidariedade ao lectorado máis novo. Porque o libro está contado precisamente dende os ollos dun neno, un neno calquera que tiña unha vida normal e que de súpeto ve como todo racha, como seu pai desaparece nunha guerra que non entende e que provoca que a súa nai, canda os fillos, decida unha viaxe perigosa na procura dunha paz desexada e antes vivida. Como sobrevivir a unha viaxe así? A nai decide disfrazala de aventura e serán os contos os que consigan facer fuxir as pantasmas do camiño.
A autora confesa que este libro nace do relato en primeira persoa de mozas refuxiadas en campos italianos. Con el, escribe unha homenaxe a estas persoas que viven nun inferno terreal. E non hai peor inferno que a nosa indiferenza. 
As ilustracións son delicadas, fermosas, buscando un mundo máxico que foxe da crúa realidad.



Ningún comentario:

Publicar un comentario