Que ledicia ver novamente un libro dun dos meus autores preferidos na nosa lingua! Falo de Philippe Claudel e é grazas á editorial Rinoceronte que agora podemos ler As almas grises en galego. Asegúrovos
que unha vez lido non poderedes entrar nunha libraría sen botar unha
ollada buscando algo del.
Almas grises deixa o gris na alma cando rematas a súa lectura. O entusiasmo vén posteriormente, cando sacodes a tristura que este libro transmite. Unha tristura inherente ao lirismo que impregna toda a obra. Porque o libro vai máis alá do que nos conta a acción, un caso de asasinato dunha nena ocorrido hai vinte anos, coa desazón que provoca a bruma das nosas vidas, os recunchos das nosas almas, xa que non hai ninguén tan malo como semella, aínda que hai moi boas persoas, tanto "que ata a morte as quere con ela". No mundo non abundan os bos sentimentos porque a dor os destrúe. O mundo fai que sexamos grises, é o mundo quen ten o poder de nos cambiar.
O final é totalmente arrollador. O drama verdadeiro que se agochaba ata as últimas liñas.
Hai que lela. Mellor dito, hai que ler a este autor, por imprescindible. Porque é poesía transformada. Porque é auténtico. E máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario