Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/03/17

Cuidado con el monstruo

Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo


Da mesma autora da que falamos onte, Chimamanda Ngozi Adichie, temos estoutro libriño que vén de saír do prelo: Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo en Random House. Un pequeno manual para unha amiga que vén de ter unha nena, un libro con sentido común que a autora desprega en 15 suxestións para educala como se debe, é dicir, educala na igualdade. Estas suxestións pasan por varias reflexións, como algo que a priori podería semellar tan evidente como non dicirlle a unha nena que non pode facer algo por ser simplemente iso, nena; fala dos prexuízos sociais, das cores da roupa, dos xoguete, da maquillaxe, da sexualidade.
Fala de Educación, con maiúscula, porque esa palabra leva dentro outras moitas, como respecto, amor, lectura, interrogantes, dignidade. A autora, cuestionando a linguaxe, os roles de xénero, o matrimonio ou a obriga de gustar defende así a Educación. Fala asemade, para criticalo, do "feminismo light", ese que se exerce dende a benevolencia masculina pero que non pasa a proba esencial: o cambio de suxeito
 Chama a atención como esta autora fala de racismo e de sexismo e fai fincapé en que este último fai moito máis dano. Ela, que saber o que é ser muller e negra, recorda ademais como o mundo está feito dende unha óptica branca, dende un pelo liso, dende unha estética afastada. Esa estética que non se debe procurar por ser allea.


«Ser feminista es como estar embarazada: lo estás o no lo estás; o crees en la plena igualdad entre hombres y mujeres o no».
 

Cun plátano


As desigualdades de salario entre homes e mulleres é unha das inxustizas máis flagrantes e visibles. De feito, ninguén dubida da súa existencia. Entón, por que as autoridades  non toman cartas no asunto?

En Islandia, unha nova lei prevé prohibir formalmente a partir de agora as fendas salariais inxustificadas entre homes e mulleres. Con este novo texto, as empresas, sexan públicas ou privadas, deberán demostrar que non cometen ningunha discriminación.
Tamén en Francia este tipo de discriminación está prohibido. Menos mal. Só que ningunha medida de control está estipulada por lei. Resultado: os homes seguen gañando un 23% máis cás mulleres.
 Para denunciar o absurdo de tal diferenza, nada mellor có humor e o absurdo. É o que demostra este vídeo tan gracioso como contundente!
 Ningún argumento digno dese nome pode xustificar que para un mesmo traballo unha muller sexa menos pagada ca un home. Que quede claro!... 
Visto aquí.



·         Éric recibe un aumento?
o   Perdoa Nicolas, chámote máis tarde...
o   Como?
·         Acabo de saber que Éric recibe un aumento, cando o seu salario base xa é moito máis alto có meu.
o   Ah, si, pero...
·         Éric ten menos antigüidade ca min; Éric ten menos competencias ca min; Éric gaña máis ca min; e agora recibe un aumento?!
o   ...
·         Quero entendelo.
o   Miña pequena Camille...
·         Por que?
o   Por que? Ah, pois é que...  Seguramente coñece vostede a conxuntura actual...
·         Ah! Entón, é a conxuntura actual a que xustifica a desigualdade salarial con respecto a Éric, que non está ao meu nivel. Todo o mundo o sabe aquí: este tío é un inepto.
o   Ah... Pero miña pequena Camille, pode ser que nun momento dado lle faltase a vostede algún mérito...
·         Un rigor exemplar?...Total dispoñibilidade?...  A capacidade de loita e de reacción?... A tenacidade?...
o   Non...
·         Un plátano e dous kiwis?... Iso é o que me faltaba??
o   ...
·         Ah, entón Alain, espero o antes posible o meu novo contrato co meu novo salario e o meu aumento. Que pase un bo día! Ata logo!

 

28/03/17

MONSTRO

Todos teriamos que ser feministas

Publica Sushi Books na nosa lingua a conferencia de Chimamanda Ngozi Adichie Todos teriamos que ser feministas, unha reflexión sobre o feminismo e a súa existencia necesaria e incondicional. A autora fala dende unha dobre condición, a de muller e a de africana, polo que seguramente sabe máis de desigualdade que outras moitas persoas. Esta conferencia baseouna, por tanto, en como semella imposible non ser feminista nun mundo que nega a igualdade, ou sexa, dereitos humanos básicos, á metade da poboación.
No libro fala de variadas cousas, dende aclarar que o feminismo non é contrario ao machiscmo, do que significa, das connotacións negativas que arrastra, da necesidade de seguir loitando pola igualdade... Relata asemade algunhas experiencias persoais que sufriu como muller e como muller negra, resaltando que son tan só un exemplo máis, porque hai miles. E eses miles de exemplos deixan claro que os homes non reciben o mesmo trato cás mulleres. A solución? A educación. Só con esta seremos quen de construír unha mellor cultura e respecto.
Lin desta autora Americanah, e encantoume. Abofé que volverei a ela!



Olladas

Neste vídeo simúlase unha situación incómoda para os homes. A idea, concienciar de que as mulleres son vítimas dalgún tipo de violencia sexual a cotío. 

27/03/17

Twenty Toes

Tecnoloxía e violencia contra as mulleres en Congo

26/03/17

DE ONDE VÊM OS BEBÊS

Recursos inhumanos

Comecei a ler este libro antes de ir ver a Pierre Lemaitre a Santiago esta semana, pero en época de exames pouco tempo teño para gozar da lectura e aínda agora veño de rematalo. Lemaitre non defrauda nunca, non podía ser doutro xeito, e en persoa encantoume.
Recursos inhumanos, publicado por Alfaguara, combina a novela negra coa denuncia social e atrapa o lector nunha voráxine de acontecementos dos que é díficil subtraerse; moito menos cruento que a saga do detective Verhoeven (extraordinaria) segue a poñer os pelos como escarpias nalgúns capítulos; e transmite a dor, esa dor dunha persoa que necesita traballar, que quere traballar, dese parado de longa duración que, desesperado, aferrarase a un cravo ardendo. Isto consegue que esteamos ante unha novela diferente, negra si, pero tamén social, que ás veces, sobre todo ao principio e mesmo cara á metade, decae un pouco pero que vai in crescendo; porque naquel momento semellaba que xa estaba todo feito, e o valor deste autor consegue precisamente iso, xirar cara ao inesperado, causar unha perplexidade maiúscula que atenaza a gorxa. A desesperación e a desesperanza son os eixos sobre os que se vertebra o argumento, os detonantes dunha loita desigual e sorprendente que retén a ira como tema da novela. A partir de aí, sempre Lemaitre, quen conxuga o rocambolesco ou o esaxerado coa realidade e a credibilidade.
Para min non é nin de lonxe o mellor del, pero segue convencéndome.

Nos robaron la confianza en nuestra propia vida, nuestra seguridad, nuestro futuro. Eso es todo lo que quería reconquistar.

Non á violencia contra as mulleres (DIX)

Basta de cucharachas 
 CCOO 

25/03/17

Loita feminista en cartaces


1.- “Por la República. Hacia la liberación de la mujer” – Unión de Mujeres Republicanas Revolucionarias
 

2.-  “Estamos na marcha do 8 de Marzo” – Poster soviético

3.- O mítico cartel de “Rosie The Riveters”



4.- O Día Internacional da Muller no Mundo Árabe




5.- “Defendemos Stalingrado. Reconstruirémolo” – Poster soviético 



6.- “As mulleres de Francia – 4 años loitando” – Póster da Primeira Guerra Mundial



7.- "As nosas mulleres traballadoras – Amor e Honor”




8.- “Sufraxio Feminino – O noso dereito a votar”





9.- “Torturando mulleres en prisión por pedir o sufraxio feminino”




10.-“Votos para as mulleres”



23/03/17

Alicia Keys - "No One"

Trenfugiados


José Campanari e Evelyn Daviddi son os artífices de Trenfugiados publicado pola Fragatina, un álbum que nos achega o drama que están a vivir millóns de persoas e que desta volta vén da man das voces infantís que reflexionan sobre o que poder supoñer quedar sen fogar e sen alimento, mentres deciden que a solidariedade é a única solución. Así, tanto o texto como as ilustracións fannos partícipes dunha soa mensaxe: que teñamos presente o sufrimento destas persoas e que tentemos poñernos no seu lugar para coñecer os seus sentimentos. Destaca a dozura tanto das palabras do texto como das ilustracións, de tal xeito que semella que nos conviden a participar coas nosas opinións, aínda que optemos polo silencio como o fai a propia avoa dos protagonistas, pero dándonos esa opción na escena final cunha chiscadela da nena dirixida ao lectorado que serve ademais para desdramatizar o texto.





A Viaxe De Ghada

Traballo educativo protagonizado por nenos sobre a historia de dúas nenas refuxiadas para concienciar sobre a problemática migratoria dende un punto de vista humano e solidario.


22/03/17

Boles

Escribir non é doado, como tampouco o é a vida do escritor. Cando menos, non o é para o protagonista desta curta eslovena dirixida por Spela Cadez.

BOLES from Spela Cadez on Vimeo.

Grisela

Álbum para primeiros lectores de Anke de Vries con ilustracións de Willemien Min que publica Kalandraka: Grisela é unha metáfora da importancia da nosa aceptación, de querenos a nós mesmos como somos e non tentar emular a ninguén, porque a nosa esencia é o máis importante que temos, e se nos respectamos a nós mesmos tamé nos daremos a respectar. Nas ilustracións destaca o fondo branco e a mestura de cor co lapis negro.

#Stoptherobbery - Equal Pay campaign

As mulleres gañan 77 céntimos por cada dólar/euro gañado polos homes. O traballo das mulleres está infravalorado con menor remuneración. Pero nas mulleres negras, ou nas inmigrantes, esta diferenza aumenta. 
Fronte á desigualdade, ONU mulleres vén de lanzar esta campaña  #StopTheRobbery (#ParemosORoubo), convidando a compartir mensaxes contra a desigualde que empobrece ás mulleres. No vídeo, dúas persoas, homes e muller, son limpabotas cobrando ela 77 cénticos e el un dólar polo mesmo traballo e co mesmo resultado. ONU pregúntase: é consciente a xente da desigualdade de salarios do 23%?




Vía

21/03/17

Cupidon


Cupidon por Esma-Movie

La ventana de Kenny

Segue a editorial Kalandraka a agasallarnos cos traballos de Maurice Sendak, desta volta con La ventana de Kenny, escrito e ilustrado por el en 1956 e que nos transporta ao mundo clásico do autor, a esa non-fronteira entre soño e realidade e no que nos sorprende cunha fondura filosófica estraña no universo infantil, aquel que explora os medos, a soidade, as preguntas sen resposta, as inquedanzas da noite, a animación dos xoguetes. A fiestra, que dá título ao libro, é un elemento tan importante que serve de referencia e liña divisoria entre a realidade física e coñecida (o cuarto do neno) e o mundo descoñecido, o imaxinado, o que cómpre explorar, que se sitúa do outro lado da ventá. Ou sexa, deste lado, de quedarmos, viviremos o mundo real, e do outro lado, de decidírmonos a ir, teremos un mundo onírico que pode gustarnos ou non, pero da nosa capacidade de aventura depende. Pero a fiestra é tamén unha liña paralela que se atopa dentro do neno, a realidade e a fantasía camiñan da man e non se cruzan. "Que mira cara a fóra e que mira cara adentro? A ventá". Unha ventá que te deixa mirar o exterior, pero tamén o interior das persoas, mesmo pode servir de refuxio porque non sempre queremos saír a ese mundo descoñecido que pode ser perigoso.
A ventá de Kenny é a medida do mundo. Un mundo que desexamos, pero tamén o mundo que temos e que nos chega porque non nos cómpre máis. Temos o noso mundo interior, ese paralelo que ninguén máis ca nós pode explorar. Iso si, pode non ter fin. É o noso horizonte.

Paul’s Journey

Campaña pola igualdade e a tolerancia da compañía ferroviaria sueca, publicidade a base de activismo social. Todo o mundo ten dereito a volver a empezar.


SJ – Paul's Journey from TBWA\Stockholm on Vimeo.


Vía

20/03/17

El vampiro y la dentista

El mapa de los buenos momentos

Fran Nuño xunto coas fermosas ilustracións de Zuzanna Celej procura en El mapa de los buenos momentos publicado por Cuento de Luz un relato sobre os destrozos que causa unha guerra na vida das persoas. Estas teñen que fuxir dos seus fogares, deixar atrás todo canto construíron no día a día. O que ninguén lles poderá quitar, ningunha bomba, ningún fusil, serán os seus recordos, que permanecerán indelebles na memoria ata a volta. Por iso a nena protagonista desta triste historia, porque todo relato que proveña da destrución é triste, levará consigo ese mapa feito a partir daqueles lugares que a acompañarán no seu periplo de exiliada, lugares aos que volverá para proseguir a súa vida.

Galiza somos nós, a xente e máis a fala

Vino en Carta Xeométrica, Cibrán sempre atento:

Peza audiovisual elaborada dentro do marco do  Outorno Cultural da Coruña. Está construída sobre o poema de Manuel María "Galiza" (Os soños na gaiola, Edicións Xerais 2000), protagonizada polas persoas e colectivos anónimos que dan vida á cultura de base nas vilas e cidades da provincia.
Participaron no vídeo Jontxu Argibay (escultor de Ribeira), Regina Muñiz Gerpe (poeta de Santa Comba), membros do Teatro Municipal de Ames, da Coral Polifónica de Noia, da Escola Municipal de Teatro de Negreira, da Asociación Xuvenil Cherinkas (Vimianzo) da A.C. O Castelo (Vimianzo), da Banda Municipal de Cee, dos grupos de teatro de Muros, da Asociación Cultural Charamela (Melide), da Aula de Teatro Municipal de Carballo, da Asociación de Mulleres Rurais Arantón (Santa Comba), do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, da Rondalla Moraima (Arzúa),do Grupo poético Alalá e InterClubtural (As Pontes), do club de lectura do IES Castro da Uz (As Pontes), da A. C. Folclórica Rosalía de Castro e das Aulas da Terceira Idade de Padrón, da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, da Banda Municipal de Betanzos, do Grupo Azougue (Betanzos), da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Narón), e da Escola de Gaitas de Ortigueira



19/03/17

Placenta

Había una vez

María Teresa Andruetto é a artífice do texto deste Había una vez publicado por Diego Pun Ediciones con ilustracións de Antonio Santos. O título lévanos de cabeza a un xeito de contar mil millón de veces usado, e serve para nos introducir nun pasado afastado: así comeza a autora a tecer este texto que nos formula pregunta e non resolve dúbidas. Unha muller que conta historias, e en todas estas historias volve existir o mesmo esquema. O que nos ofrece este texto é un soño, un querer adentrarse nas Mil e unha noites, unha homenaxe plena.
Scheherezade, Anú, Saläh, Ghuta, Sura e Scheherezade son as mulleres coas que este libro nos agasalla. E unha verbo que varía: amar, crer, entreter, aplacar... Poucas variacións, pero os matices que se introducen son esenciais na historia, de a houber.. Porque estamos ante un rescate de palabras e de vellos contos. Contos de mulleres nos que hai unha presenza masculina: o home poderoso e cruel que xustifica, mesmo, a existencia da historia.
Un álbum sorprendente.



Non á violencia contra as mulleres (DVIII)

18/03/17

ZING

16/03/17

Bettý

Volta á novela negra da man de Arnaldur Indridason a través de RBA con este título, Bettý (un libro que é do 2003 pero que non estaba traducido en España). Recoñezo que nun principio estaba a pensar que ía deixar a lectua e que este autor me defraudaba, que estaba a caer nos típicos clixés da muller fatal, ata que a trama realiza un xiro inesperado e tórnase atractiva e logo ata adictiva (que era o que eu procuraba nestes momentos de exames e cansazo sen teño tempo para ler). Porque, xa digo, a partir da metade o libro tórnase impecable e sorprende indefiniblemente. É un retrato de manipulación extrema, contada en primeira persoa pola vítima, que será quen de facernos comprender todo por canto ela pasa e axúdanos a reflexionar sobre se é posible ou non afondar no coñecemento que podermos chegar a ter das persoas que temos ao noso arredor.
Este autor segue a se un dos meus imprescindibles no que á novela negra se refire.




ONU Libres e Iguales: La Lección

15/03/17

Integración

Canadian Tire “Wheels”


14/03/17

Uptown Funk

Figuras lendarias do baile cinematográfico reunidas neste vídeo bailando ao ritmo dunha canción de hai pouco. Poderedes ver escenas de baile de 66 películas. Precioso.
Visto aquí.
  Movie Dance Scenes Mashup 


Terraza

Fran Alonso escribe dende a Terraza e publica en Xerais. Lin na Terraza con pracer, ollando as pombas e as persoas, transcribindo os seus poemas nun vídeo, porque Fran é quen de facer poesía para que non só a leamos, senón que a vivamos e a visualicemos. Ese é un dos seus méritos. Outro é estar ao día das novas teconoloxías, por iso incorpora códigos QR nos seus poemas para achegarnos ao universo literario de seu.
Terraza fala da vida, do cotián, da crise, da existencia, da adolescencia, da miseria, da soidade, do extravío. Fala de calquera de nós, dende unha voz poética que se presenta irónica e comprensiva, intelixente e afín. Con metáforas senlleiras a realidade incorpora a anguria da vida, ralentiza a cidade, viaxa con descoñecidos, presta atención ás pombas famentas, reflexiona sobre o oficio da escrita. Porque a voz poética é parte esencial dese devir que nos atrapa no libro, é un protagonista anónimo máis porque a cidade é anónima e os transeuntes ás veces atrapan nas súas olladas anacos de vidas contrarias. Deses anacos, quizais supostos, permanecen versos inesquecibles.


adiviño o perfil 
dunha coidadora de ocasos

Ao rapaz que fala co vento
marchoulle a última palabra
 

Lendo Valados

En 21 días co galego, esa tan estupenda iniciativa do IES da Pobra do Caramiñal, pedíronme que mandase un vídeo cun alumno ou alumna despois de ler unha obra de Agustín Fernández Paz. Quero agradecerlles que contasen comigo e co IES Laxeiro para participar nesta colectividade lectora que homenaxea ao prezado Agustín.
Aquí está:


13/03/17

Mamá

Curta de Wooksang Chang


Bruno Munari

El ilusionista amarillo, Nunca contentos, Buenas noches a todos, son os tres títulos que a editorial Niño ofrece de Bruno Munari. Este é considerado como o precursos do libro-obxecto e do libro-xogo; para el, os libros infantís daquela eran aburridos, polo que decidiu crear libros artísticos para que os nenos e nenas puidesen xogar e experimentar; Munari está considerado un xenio do deseño, da escultura, da pedagoxía, dos libros infantís. Pertenceu ás vangardas, adscribiuse ao Futurimos e fascináballe a modernidade e a tecnoloxía. El experimenta coa tipografía, a fotografía, collage... o seu traballo está cheo de innovación, provocación e talento.
Quizais estes tres libros agora non nos parezan novidosos, pero estamos falando do ano1945.
 
O primeiro título ofrécenos un truco de maxia que iremos descubrindo en cada páxina coas solapas que teremos que abrir.
O segundo son os soños de diferentes animais que pensan que as habilidades dos demais son mellores...
O terceiro amósanos como dormen algúns animais.



Ana de Miguel





Visto aquí

12/03/17

Ordinaire

E isto... é normal???. O peor é que describe unha situación que si o é.
O título é "Corrente, normal"

Nordeste

Non estiven porque outras ocupacións laborais leváronme lonxe de Lalín, pero teño a sorte de que desta volta a prezada amiga e compañeira  Celia Lamela foi a encargada da presentación e da moderación do club de lectura de Silleda, que elixira nesta quenda a lectura de Nordeste de Daniel Asorey, publicado pola editorial Galaxia.
Déixovos o texto da súa presentación, adiantando o meu máis efusivo agradecemento.






“Começamos oprimidos pela sintaxe e acabamos às voltas com a Delegacia de Ordem Política e Social, mas nos estreitos límites a que nos coagem a gramática e a lei, aínda nos podemos mexer”.
“Ateu! Não é verdade. Tenho pasado a vida a criar deuses que morrem logo, ídolos que depois derrubo. Uma estrela no céu, algumas mulheres n aterra”
Graciliano RAMOS

       Teño hoxe o cometido de presentar este Nordeste, de Daniel Asorey, compañeiro de traballo e amigo no CPI Fonte-Díaz de Touro, con quen tantas conversas e cafés teño partillado, conversas nas que xa alumeaba, de cando en vez, a presenza da avoa Carme de Candingas. Daniel nunca me falou de que escribía, mais eu sabíao. Si falamos, e moito, de literatura, do Festina Lente, de Marcos Calveiro, da Resistencia, de Rosa Aneiros, ou d´O conto da criada, de Margaret Atwod. Falamos de literatura e de inquedanzas sociais e políticas, as que sacoden a vida e mais os textos reflexo da vida.
       Vaia por diante que eu adoito estar onde sentades vós hoxe, adoito acudir a presentacións de libros, e vou gozosamente. Trátase sempre da festa da palabra e da escrita, e polo tanto dun espazo de liberdade, quizais ese que apunta Graciliano Ramos na cita inicial, o que nos permite ensanchar límites, o lugar da creación. Neste caso a festa é dupla, celebro a escrita dunha persoa amiga, das que deixan impronta, dun  ser querido. Quixera simplemente axudar a facer boca para que os que non lestes o Nordeste, o leades, e para que  quen xa o lestes, descubrades aínda algo novo. Non quixera que me tiverades que deter co berro daquela alumna miña de segundo de Bacharelato, en Trives, cando me dixo: “Profesora, cala, non nos rebentes o libro!”. Non ía desencamiñada, os libros son encontros absolutamente persoais coas palabras, sen mediacións, nin das profesoras nin da crítica literaria . Iso, se ten que vir, que veña nun segundo ou terceiro momento, mais o primeiro encontro é como o dos namorados, sobran mediadores que destripen e racionalicen a maxia da primeira toma de contacto persoal cunha escrita. Convócovos a que entredes no “dicir bonito” de Daniel Asorey, na súa preciosa escolla léxica, no seu ritmo áxil de frase curta e dinámica, na historia que el perfila a través da rede ou do veo das palabras, como ese veo que acompaña a Matilda na súa peregrinación polo sertão ou nos seus  encontros con María Bonita. Deixádevos ir polo sortilexio das palabras. Cadaquén ha descubrir se gusta ou non.
       Tamén vos convoco a que fagades un esforzo de imaxinación, a que vos situedes en dous lugares distintos, en dúas épocas tamén diferentes, e a que visualicedes tres mulleres afoutas: Carme de Candingas, vedora da República das Santas Irmandades da Galiza; María Bonita, a cangaceira, e Matilda, fotógrafa e xornalista. Nordeste é unha novela que lle dá voz ás múltiples formas de “subalternidade” do noso mundo: as mulleres, os pobos colonizados, as razas que non coinciden co perfil etnocéntrico do home branco europeo, as formas de vivir a sexualidade diferentes ao código heteropatriarcal dominante… Mais tamén é este Nordeste unha ucronía, unha sorte de historia apócrifa, nun intento de reescribir ou subverter o significante “Galiza”. É así como Daniel constrúe a República das Santas Irmandades da Galiza no século XVII. Imaxinade unha Compostela salobre, sucada polas canles, como unha especie de Provincias Unidas do XVII, luteranas e arredadas do poder dos Austrias menores. Nese contexto emerxe a figura da vedora Carme de Candigas.   Imaxinade que as Guerras Irmandiñas  fosen gañadas polos perdedores e que dese acontecemento fundacional agromase un proxecto republicano, progresista, igualitario, mais tamén de raigame burguesa, apoiado no comercio colonial co Nordeste brasileiro. Que pode ocorrer cando alguén quere dar conta do punto no que a festa da revolución expulsa a súa verdade ás tebras, do momento no que volvemos estar no inicio, en que interiorizamos –tamén nós- as mesmas manobras dos que foran os nosos opresores? Como poden superpoñerse os intereses da polis, situándose por riba do secuestro das elites económicas? O panorama do que dá conta Carme de Candigas énos ben habitual. A loita estratéxica do século XVII é tamén a loita estratéxica do XXI, aquilo que lle segue a furtar o sono a tantos teóricos e activistas de todas as esquerdas posibles.
       Imaxinade agora un segundo lugar e outra época: o Nordeste brasileiro no remate da década dos anos trinta do século XX, un territorio arredado dos grandes centros de decisión política, das metrópoles como São Paulo ou Río. Imaxinade unha paisaxe edénica na costa, que se vai tornando noutra cousa cara ao interior. Estamos no sertão, coma un deserto, ermo e varrido pola seca e pola fame, retratado estremecedoramente por Cãndido Portinari no seu cadro “Criança morta” e tamén polo propio Daniel, na escena na que os retirantes deambulan polo sertão, coma nun éxodo, co carriño do fillo morto. É a terra da que dan conta as obras do nordestino Graciliano Ramos, Vidas secas ou Angustia, de seguro que un ámbito de especialísima importancia desde os puntos de vista simbólico e etnográfico, en parte polo seu illamento, mais tamén unha especie de lugar fóra do estado, coma eses territorios perfilados nas obras de Juan Rulfo, cos seus propios poderes locais. Aí se sitúan a cangaceira María Bonita e a fotógrafa Matilda. Estamos na época de Getulio Vargas, un ditador de “aura paternalista”, alcumado “O pai dos pobres”, con toda a demagoxia que acompaña a este tipo de perfís. Neste contexto localizase o fenómeno ambivalente do “cangaço”. A un tempo, sobre  Europa e  Iberia abátense as sombras do fascismo, que ameazan a República Galega, gobernada por Castelao.
       Por último, visualizade  tres mulleres afoutas, Carme de Candingas, María Bonita e Matilda, que máis alá do triunfo ou derrota das súas subversións, van ter a virtude de terse atrevido a dicir o que se esperaría que calasen, a romper a opresión inscrita nos seus corpos coma unha tatuaxe patriarcal, a vivir segundo un designio de mulleres libres…
       E falaría desa virtude da incontinencia histérica de Carme de Candingas. Aí se sitúa o seu dicir, coma se da presión do magma sobre as placas tectónicas se tratase. Carme de Candingas acaba enunciando o que os amos saben, pero non queren que se coñeza publicamente, e faino porque así o pensa-sente de corazón, coma se fose unha Antígona.
       Falaría tamén do desacato de Matilda, negándose a escribir as tan burguesas crónicas de sociedade, postulándose  como fotógrafa que viaxará ao esquecido sertão. Aí está tamén a súa loita, contra a deturpación da súa forma de expresión nas crónicas e mesmo contra o varrido simbólico e real do seu nome fronte á propia escrita. Cantas Matildas recoñeceriamos ao longo dos séculos?!
       Quédanos María Bonita, a cangaceira que desacata o poder do pai cando foxe do matrimonio amañado. Chegará a coñecer a liberdade da fusión panteísta co sertão, mais non atopará edén ningún nuns homes –os do cangaço-, que frecuentemente reproducen a mesma violencia sexual que os amos e acaban por ser “máis do mesmo”. De aí o seu berro diante da abxección da escena de violencia sexual contra as criadas:
               “Nunca máis hei tolerar que unha muller sexa declarada campo de batalla”
Nordeste, Daniel ASOREY; GALAXIA ( páx. 64)
De aí tamén, a gramática da súa subxectividade, esa gramática de alteridade feminina, que se descobre, por exemplo, no capítulo da asistencia ao parto da cangaceira Dadá, cando esta lle confesa os motivos polos que lle ten perdoado a depredación sexual ao seu compañeiro, o Corisco: “Ensinoume a ler e escribir”, cóntalle a Dadá, e  o narrador reflicte os pensamentos da cangaceira:

             “ María preguntábase naquel momento se as palabras debuxadas no papel poden vencer a crueldade, perdoar a ignominia, alentar o esquecemento, mesmo convocar a paixón (…). Así pois, como lle había estrañar que a capacidade para desentrañar as letras fose quen de alentar o amor! Ao cabo, ler e escribir tamén era amar.”

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.